Efecto bouba/kiki

O efecto bouba/kiki foi descuberto polo psicólogo Wolfgang Köhler en 1929.[1] Nos seus experimentos levados a cabo na illa de Tenerife, onde o castelán é a lingua primaria, Köhler mostrou formas similares ás da imaxe da dereita a unha serie de suxeitos, e atopou unha forte preferencia a asociar a forma puntiaguda co nome «takete» e redondeada co nome «baluba» («maluma» na versión de 1947).[2]

Esta imaxe úsase para mostrar que a relación entre formas e sons non é sempre arbitraria: suxeitos castelán-falantes nas illas Canarias elixiron para a figura da esquerda «takete» e á figura da dereita «baluba».

No ano 2001, Vilayanur S. Ramachandran e Edward M. Hubbard repetiron o experimento usando as palabras «kiki» e «bouba» e preguntaron a unha gran cantidade de suxeitos «cal destas formas é bouba e cal é kiki?». Nestes experimentos conducidos tanto con falantes de inglés como de támil, 95 % a 98 % elixiron a forma redondeada como bouba e a puntiaguda como kiki, suxerindo que o cerebro humano dalgunha maneira extrae propiedades abstractas das formas e sons.[3] Un traballo recente por Daphne Maurer et al. mostrou que mesmo nenos de 2 anos e medio (demasiado pequenos para ler) mostran este efecto.[4]

Ramachandran e Hubbard suxiren que o efecto kiki/bouba ten implicacións para a evolución da linguaxe, porque suxire que o nomeamento dos obxectos non é completamente arbitrario.[3] Quizais se chame «bouba» á forma redondeada porque a boca fai un movemento máis redondeado para producir o son, mentres que necesita un movemento máis tenso e angular para producir o son de «kiki». Ademais, os sons da K son máis duros e fortes que os da B. A presenza destes «mapeos sinestésicos» suxire que este efecto pode ser a base neurolóxica para o simbolismo sonoro, no que os sons son mapeados a obxectos e eventos dunha maneira non arbitraria.

Os individuos con autismo non mostran unha preferencia tan forte. Mentres as persoas por termo medio concordan co resultado típico o 90 % das veces, os individuos con autismo só concordan o 60 % das veces.[5]

O estudo de animación Pixar no seu filme de 2015 Inside Out inclúe unha referencia ao efecto bouba/kiki cando os personaxes de Alegría e Tristeza entran no túnel de pensamento abstracto.[6]

Notas editar

  1. Köhler, Wolfgang (1929). Gestalt Psychology. Nueva York: Liveright. 
  2. Köhler, Wolfgang (1929). Gestalt Psychology (2da ed.). Nueva York: Liveright. 
  3. 3,0 3,1 Ramachandran V. S.; Hubbard, E. M. (2001). "Synaesthesia: A window into perception, thought and language" (PDF) 8 (12): 3–34. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 27 de maio de 2006. Consultado o 26 de abril de 2021. 
  4. Maurer, D.; T. Pathman; C. J. Mondloch (2006). "The shape of boubas: Sound-shape correspondences in toddlers and adults" 9 (3): 316–322. PMID 16669803. 
  5. Ramachandran, V. S.; L. M. Oberman. "Evidence for Deficits in Mirror Neuron Function, Multisensory Integration, and Sound-form Symbolism in Autism Spectrum Disorders" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 19 de febreiro de 2009. Consultado o 26 de abril de 2021. 
  6. "Efecto Bouba-Kiki no filme "Inside-Out"". 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar