O efecto Venturi consiste no fenómeno no que un fluído en movemento dentro dun conduto cerrado diminúe a súa presión ao aumentar a velocidade despois de pasar por unha zona de sección menor. Se neste punto do conduto se introduce o extremo doutro conduto, prodúcese unha aspiración do fluído contido neste segundo conduto. Este efecto, demostrado en 1797, recibe o seu nome do físico italiano Giovanni Battista Venturi (1746-1822).

Esquema do efecto Venturi.

Características

editar

O efecto Venturi explícase polo Principio de Bernoulli e o principio de continuidade da masa. Se o caudal dun fluído é constante pero a sección diminúe, necesariamente a velocidade aumenta tras atravesar esta sección. Polo teorema da conservación da enerxía mecánica, se a enerxía cinética aumenta, a enerxía determinada polo valor da presión diminúe forzosamente.

Tubo de Venturi

editar

Un tubo de Venturi é un dispositivo inicialmente deseñado para medir a velocidade dun fluído aproveitando o efecto Venturi. Non obstante, algúns utilízanse para acelerar a velocidade dun fluído obrigándoo a atravesar un tubo estreito en forma de cono. Estes modelos utilízanse en numerosos dispositivos nos que a velocidade dun fluído é importante e constitúen a base de aparatos como o carburador.

A aplicación clásica de medida de velocidade dun fluído consiste nun tubo formado por dúas seccións cónicas unidas por un tubo estreito no que o fluído se despraza consecuentemente a maior velocidade. A presión no tubo Venturi pode medirse cun tubo vertical en forma de U conectando a rexión ancha e a canalización estreita. A diferenza de alturas do líquido no tubo en U permite medir a presión en ambos puntos e consecuentemente a velocidade.

Cando se utiliza un tubo de Venturi hai que ter en conta o fenómeno que se denomina cavitación. Este fenómeno ocorre se a presión nalgunha sección do tubo é menor que a presión de vapor do fluído. Para este tipo particular de tubo, o risco de cavitación atópase na garganta do mesmo, xa que aquí, ao ser mínima a área e máxima a velocidade, a presión é a menor que se pode encontrar no tubo. Cando ocorre a cavitación, aparecen burbullas localmente, que se trasladan por todo o tubo. Se estas burbullas chegan a zonas de presión máis elevada, poden estourar producindo así picos de presión local con risco potencial de danar a parede do tubo.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar