Devil in a Blue Dress

novela de Walter Mosley

Devil in a Blue Dress ("O diaño nun vestido azul") é unha novela negra de Walter Mosley publicada en 1990, protagonizada polo detective Easy Rawlins.

Devil in a Blue Dress
Autor/aWalter Mosley
OrixeEstados Unidos de América
Lingualingua inglesa
Xénero(s)mistério
Data de pub.1990
editar datos en Wikidata ]

Trama editar

Comeza no verán de 1948, con Easy Rawlins cunha hipoteca por pagar e recentemente despedido do seu traballo, como deseñador de pezas aeronáuticas. Fala da súa chegada aos Ánxeles (California) logo de estar en Europa durante a segunda guerra mundial. Joppy, un amigo seu que leva un bar, preséntalle a un home branco, DeWitt Albright. Albright está buscando alguén para axudalo a atopar a Daphne Monet, unha muller branca desaparecida que presuntamente se esconde entre a comunidade afroamericana da cidade. Esta muller é a moza do poderoso Todd Carter, que se retirara da candidatura á alcaldía sen que se soubesen ben as causas. Easy acepta atraído polos 100 $ que lle ofrecen, pero sospeita que Albright lle oculta algo. Easy comeza a procura na zona Central-Sur da cidade, nun club ilegal entre a Avenida Central e a rúa 89.

Mentres agarda para entrar, observa un tumulto entre un estraño home branco (Richard McGee), e o porteiro do club, Junior Fornay. Xa dentro únese aos seus amigos Degan Odell, Dupree Brouchard e a súa moza Coretta James. Despois de convidalos a unha rolda pregúntalles por unha moza chamada "Dahlia" ou "Delilah", e averigua que Coretta é unha confidente de Daphne, e logo de pasar a noite xuntos, descobre que Daphne está cun gánster chamado Frank Green.

A tarde seguinte é citado por Albright en Malibú. Mentres agarda por Albright, Easy é acosado por varios mozos brancos logo de falar cunha das súas amigas. Easy, tentando acougar a situación, está a piques de ser atacado cando Albright aparece desde a escuridade, pero este humilla e golpea a un dos túzaros. Easy, incómodo pola situación, dá a súa información a Albright, que con outro pago lle esixe que continúe a súa procura.

Nada máis chegar a casa, Easy é arrestado por dous axentes da policía de L.A. do departamento de homicidios. Arréstano e infórmanlle de que Coretta foi salvaxemente asasinada após a súa noite con ela. Logo de sufrir un trato desagradable, é liberado. De camiño a casa é seguido por Mathew Terrell, o outro candidato na carreira á alcaldía. Terrell dille que suba ao coche, onde está el cun mozo novo (presuntamente o seu fillo adoptado), e dille que el tamén está interesado en atopar a Daphne Monet. Easy, coa mosca trala orella, pide que lle deixe baixar e regresa a casa.

Esa noite ten un pesadelo con Coretta, e despois recibe unha chamada de Daphne Monet, pedíndolle que vaia ao Ambassador Hotel, e alí pídelle axuda. Necesita ir aos montes de Hollywood e coñecer unha persoa que ten información importante para ela e para Todd Carter. Easy acepta de mala gana levala, e ao chegaren atopan a casa revolta e ao ocupante, Richard McGee, morto. Easy atopa unha pista sobre o asasinato. Monet escapa présa do pánico, deixando a Easy detrás.

Á mañá seguinte Easy regresa a casa, onde atopa a Albright e mailos seus secuaces. Ao verse presionado pola súa relación co asasinato de Coretta, Easy fálalle do seu encontro con Daphne. Despois disto, Easy consegue a axuda do seu sádico amigo Mouse Alexander (alcumado "e gatillo-feliz"), ao que coñecera en Houston (Texas). O obxectivo de Easy é saber o motivo polo que Monet é tan importante para tantas persoas, amais de manterse lonxe do cárcere, tarefa complicada para un negro en L. A. durante a posguerra.

Amaña un encontro con Todd Carter, e pídelle cartos para localizar a Daphne. Carter acepta, e Easy, ao ver que Albright non é empregado de Carter, volve a casa. Antes de entrar o seu veciño advírteo de que lle agarda unha emboscada. Easy fai tempo mentres chega Frank Green, e ao chegar comezan a pelexar na casa. Cando Green ten a Easy collido pola gorxa, Mouse acode ao rescate. Easy tenta razoar con Frank, mais Mouse dispáralle para presionalo, e Frank logra escapar. Mouse e Easy marchan na procura de Dupree, pero atópano intoxicado e descobren que Coretta estaba en posesión dun paquete vital na carreira pola alcaldía, con imaxes de Terrell con meniños espidos. Easy atopa as imaxes escondidas na Biblia de Coretta.

Atopan a Junior Fornay, o porteiro do club, e averiguan que logo da súa lea con McGee, este marchou a Hollywood para coller diñeiro. Easy acurrálao ao falarlle da pista que atopou, un paquete de tabaco mexicano Zapata, que só fuma Junior. Junior dilles que non foi o asasino. Xa implicado en dous asasinatos, Easy volve ao bar de Joppy, ao que culpa da súa situación por animalo a aceptar o trato inicial. Joppy dille que el só quería axudalo a atopar un traballo, pero Easy enfádase e marcha.

Ao volver a casa atópase coa visita de Daphne. Esta dille que escapa de Carter porque está asociada con Frank Green, que vén sendo o seu medio-irmán. Daphne é crioula de Louisiana, e a nai tivera dous fillos de pais distintos, alá en Nova Orleáns. Malia que o pai de Daphne era branco, o pai do seu irmán era tamén negro. Sendo a prometida dun favorito da alcaldía, ao ter ascendencia afroamericana comportaría a derrota de Carter, e o motivo de que deixase a carreira pola alcaldía é que Terrell, o outro candidato, soubese este dato. Con todo, as imaxes de Terrell con nenos, devolveríanlle a vitoria a Carter.

Daphne di que McGee lle vendeu as fotos, e easy deduce que Albright matara a McGee ao buscar as imaxes, e que despois Junior llas deu a Coretta, que as escondeu na súa Biblia. Daphne revela que Coretta foi matada accidentalmente por Joppy, se ben Daphne só pretendera asustala para que calase.

Albright e mailos seus homes arramplan coa casa de Easy, raptando a Daphne e deixando inconsciente ao propio Easy. Ao recuperarse chama a Mouse e bolen cara ao bar de Joppy para preguntarlle por Albright. Easy acosa levemente a Joppy, e Mouse está a piques de estragarr a procura ao ameazar coa pistola aos dous. Easy cálmao dicíndolle que poden conseguir 7.000 $ coas fotos que conseguiu.

Nos montes de Hollywood montan unha emboscada, disparando a Albright e os seus matóns e rescatando a Daphne e as fotografías. Pero ao volver ao coche atopa a Joppy morto, matado por Rato. Easy entrega as fotografías que proban que Matthew Terrell é un pedófilo, apartándoo da carreira pola alcaldía, e Carter promete a Easy que rematarán os seus problemas coa policía.

Easy descobre que os cartos cos que Daphne lles pagou veñen dunha suma de cartos máis grande dada pola familia de Carter como suborno para que marchase da cidade, e que quedou coa esperanza de que mudasen de opinión e puidese casar con Carter se acadaba a alcaldía. Malia que agora é bastante seguro que sairá elixido alcalde e que lle di que a quere, ela rexéitao e marcha chorando.

Easy remata con Odell relaxado no seu soportal, gozando da vida, contemplando os acontecementos e preguntándose que será o que o futuro lle depara.

Adaptacións editar

En 1995 foi levada ao cine co título homónimo de Devil in a Blue Dress, dirixida por Carl Franklin, protagonizada por Denzel Washington como Easy Rawlins, e coa participación de Jennifer Beals, Tom Sizemore, Maury Chaykin e Don Cheadle.