Democracia (Mugardos)
Democracia. Semanario Independiente foi un periódico editado en Mugardos entre 1911 e 1914.
Democracia | |
---|---|
Tipo | publicacion periódica ![]() |
Linguas
| |
Publicación | |
Lugar publicación | Mugardos ![]() |
País orixe | España ![]() |
Datas | |
Comezo | 22 de setembro de 1911 ![]() |
Remate | 30 de xullo de 1914 ![]() |
Data de creación | 22 de setembro de 1911 ![]() |
[ Wikidata ] |
Historia e características
editarSubtitulado Semanario político, defensor de los intereses locales. O primeiro número apareceu o 22 de setembro de 1911,[1][2] e a publicación mantívose en circulación ata o 30 de xullo de 1914, cando desapareceu sen anuncio previo tras 133 números. Inicialmente semanal, a partir de maio de 1914 pasou a ser decenal. Fundado e dirixido por Jesús Fernández Medina,[3] entre os seus colaboradores figurou César Alvajar.
Definíase como "independente" e comprometido cos intereses locais e as clases desfavorecidas. Combateu o caciquismo, especialmente a figura de Juan Francisco Martínez Domenech ("Xan Farruco"), e promoveu ideas modernizadoras en educación, infraestruturas e xustiza social. Centrouse principalmente en Mugardos e Meá, cunha presenza menor en Ares, O Seixo, Redes e outras parroquias veciñas. Competía con Ecos del Eume, outro semanario rexional que o denominaba "hoja pastelera que a nadie engaña".
O periódico abordou unha ampla variedade de cuestións. Dentro da política local denunciou a corrupción e a manipulación electoral, apoiou alternativas progresistas e cubriu as tensións entre partidos tradicionais e movementos agrarios ou republicanos. No eido da educación e cultura defendeu un ensino laico e de calidade, con influencias das ideas pedagóxicas de Giner de los Ríos e das sociedades de instrución cubanas. Informou de actos como a "Fiesta del Árbol" (1914), onde escolares plantaron 1200 árbores. Deu conta da chegada do ferrocarril, a electricidade, os faros nos peiraos e as novas máquinas agrícolas, así como de folgas obreiras (como a "folga da pa" na Constructora Naval en 1913). Ademais, na crónica civil e de sucesos incluíu desde vodas civís e festas locais ata relatos curiosos, como o ataque dun "roedor carnívoro" a un neno en Cervás (1913), que desatou a imaxinación popular.
A publicación perdeu subscritores tras defender o crego Nicanor Feal Quirós, trasladado por criticar o caciquismo desde o púlpito. Sumado á escaseza de recursos e á incorporación de Fernández Medina como funcionario municipal, o semanario cesou en 1914 sen despedida formal.
Colaboracións e estilo
editarEscrito principalmente en castelán, con escasas aparicións do galego, reservado a poemas, cantares ou falas de personaxes populares. Fernández Medina asinaba boa parte dos textos, caracterizados por un estilo barroco e retórico, cheo de tópicos da época. Contou con colaboracións de mestres, clérigos e veciños ilustrados.