De Havilland Sea Venom

O de Havilland Sea Venom foi un reactor embarcado británico de posguerra desevolvido a partir do de Havilland Venom. Serviu coa Fleet Air Arm da Royal Navy e coa Real Armada de Australia. A Armada de Francia operou o Aquilon, desenvolvido a partir do Sea Venom FAW.20 e fabricado baixo licenza por SNCASE (Sud-Est).

de Havilland Sea Venom
Tipocazabombardeiro
Fabricantede Havilland Aircraft Company
SNCASE
Primeiro voo15 de abril de 1951
Retirado1970
Principais usuariosRoyal Navy
Armada de Francia
Real Armada de Australia

Deseño e desenvolvemento editar

O Sea Venom era a versión navalizada do caza nocturno bipraza Venom NF.2, e foi usado como un interceptor todotempo pola Fleet Air Arm (FAA). As modificacións necesarias para ser usado nos portaavións da Royal Navy incluían ás pregables, un gancho de cola e un tren de aterraxe reforzado. O dosel da cabina modificouse para permitir a exección debaixo da auga. O primeiro prototipo realizou o seu voo de estrea en 1951, e comezou as probas en cuberta ese mesmo ano. Fabricáronse dous prototipos máis. Os primeiros Sea Venom de produción recibiron a designación FAW.20 (Fighter, All-Weather). Estaba impulsado por un único motor turborreactor de Havilland Ghost 103 e o seu armamento era o mesmo que o da versión da RAF. A seguinte variante foi a FAW.21, que incluía as modificacións introducidas nos Venom NF.2A e NF.3. Entre estas modificacións estaban o motor Ghost 104 e un radar estadounidense. A derradeira variante da Royal Navy foi a FAW.22 impulsada polo motor Ghost 105. Fabricáronse un total de 39 aeronaves deste tipo en 1957-58. Posteriormente algúns deles equipáronse co mísil aire-aire de Havilland Firestreak.

Sete FAW.21 foron modificados en 1958 para tarefas de contramedidas electrónicas (ECM), substituíndo o canón con equipo ECM. Estes convertéronse no ECM.21. O 831 Naval Air Squadron, o único escuadrón e equipalos, estaba baseado en terra, en RAF Watton, dende 1963 e desapareceu en 1966. Os FAW.22 convertidos coñecéronse como ECM.22.

Considerouse un proxecto de Sea Venom modernizado, o DH.116 con ás en frecha e un radar actualizado, pero o proxecto cancelouse xa que a Royal Navy cría que calquera substituto precisaba dous motores. O de Havilland Sea Vixen substituíu finalmente ao Sea Venom.

Historial operacional editar

Royal Navy editar

En 1956 os Sea Venom, xunto cos Venom da RAF, combateron na guerra de Suez que comezou o 31 de outubro. Estes eran dos escuadróns navais 809, 891, 892, 893, 894 e 895[1] baseados no portaavións lixeiro HMS Albion e no portaavións HMS Eagle. A invasión anglo-francesa, chamada Operación Musketeer, tivo lugar en resposta á nacionalización do canal de Suez por parte do líder exipcio, Gamal Abdel Nasser. A guerra no aire comezou o 31 de outubro de 1956 marcando o comezo da guerra. Os Sea Venom realizaron moitas saídas, bombardeando distintos obxectivos en Exipto.

Os Sea Venom tamén operaron durante os conflitos en Oriente Medio.

En 1959 o Sea Venom comezou a ser substituído no servizo da Royal Navy polo de Havilland Sea Vixen, un avión que tamén tiña a distintiva dobre cola. O Sea Venom sería retirado da primeira liña de servizo pouco despois. O tipo continuou voando en usidades de segunda liña da FAA ata ser retirado definitivamente en 1970.

Servizo con outros países editar

39 Sea Venom FAW.53 operaron coa Real Armada de Australia (RAN), substutuíndo ao Hawker Sea Fury. O Sea Venom entrou en servizo en 1956 e, durante o seu tempo coa RAN, operou dende o portaavións HMAS Melbourne. Os avións retiráronse da primeira liña de servizo en 1967, substituídos polo estadounidense McDonnell Douglas A-4G Skyhawk.

Dende 1957 ata 1961 os Aquilon da Armada de Francia realizaron operacións contra a insurxencia en Alxeria.[2] Os Aquilon retiráronse do servizo no ano 1965.

Notas editar

  1. British Naval Aircraft Since 1912, Owen Thetford 1962, Putnam & Co. Ltd., p.96
  2. Oliver, David (1987). British combat aircraft in action since 1945. London: Ian Allan. ISBN 071101678X. OCLC 17354945.