DSCS II (Defense Satellite Communications System II) foi un tipo de satélite de comunicacións militar dos Estados Unidos fabricado por TRW.[1][2][3]

Representación dun satélite DSCS II.

Características editar

Os satélites DSCS II eran xestionados pola Axencia de Comunicacións de Defensa para a Forza Aérea dos Estados Unidos. Proporcionaban comunicacións seguras de voz e datos para o exército estadounidense e foron continuación dos satélites DSCS I, aínda que a diferenza destes estaban situados nunha órbita xeoestacionaria.[1][2][3]

Os satélites tiñan forma cilíndrica, tiñan unha masa de entre 500 e 600 kg, estabilizábanse mediante xiro e alimentábanse mediante células solares que recubrían o lateral do satélite, producindo ata 535 W de potencia que se almacenaban en tres baterías de níquel-cadmio cunha capacidade total de 36 Ah. O sistema de propulsión usaba hidracina a carga útil dos satélites consistía en dous transpondedores en banda X de 20 W de potencia cada un e 500 MHz de ancho de banda. As antenas eran direccionais e móbiles para transmitir a zonas concretas. Cada satélite tiña capacidade para trasmitir 1300 canais de voz ou 100 Mbps de datos.[1][2][3]

Lanzáronse un total de 16 satélites DSCS II entre 1971 e 1983, todos mediante foguetes Titan 23C excepto os dous últimos, que o fixeron a bordo de Titan 34D. Catro deles non chegaron a órbita por problemas co foguete lanzador. O último satélite DSCS II en uso foi desactivado en 2008.[1][2][3]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Mark Wade (2020). "DSCS II" (en inglés). Consultado o 4 de xaneiro de 2020. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "DSCS-2" (en inglés). Consultado o 4 de xaneiro de 2020. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Jos Heyman (2003). Andreas Parsch, ed. "TRW ES-4 DSCS II" (en inglés). Consultado o 4 de xaneiro de 2020. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar