Cushman-Colson House (Gainesville, Florida)

Coordenadas: 29°39′06″N 82°19′07″O / 29.65167, -82.31861 A Cushman-Colson House (galego: Casa Cushman-Colson) é un edificio de arquitectura vitoriana construído en Gainesville, Florida no ano 1885[1]. Está no número 625 da East University Avenue de dita cidade.

Durante décadas esta casa foi residencia de familias de grande influencia da cidade de Gainesville, sobre todo no cambio do século XIX ao século XX.

Historia editar

Alonzo Merritt Cushman naceu o 8 de abril de 1851 en Kingston, Plymouth, Massachusetts, fillo dun serrador de Kingston chamado George Cushman e da súa dona Betsy M. Cushman[2]. Alonzo casou cunha tal Curoene Cushman, da que en 1883 tivo unha soa filla: Gertrude, nacida en Massachusetts. Pouco despois, Alonzo e a súa familia emigraron a Gainesville, no que vivían xa desde 1884, probablemente como empregado da compañía Raulerson and Ambrose[3]. O 25 de xuño de 1885 mercaron aos matrimonios formados por Samuel B. e Laura D. M. Thompson, por unha banda, e Edward C.F. e Hatties L. Sanchez, pola outra, un terreo "que vai ao oeste do límite sur da Alachua Avenue 116 pés e 8 polgadas, dalí ao sur 338 pés e 1 polgada, máis ou menos a Union Street, dalí ao este ao longo do límite norte de Union Street 149 pés máis ou menos ao límite sur de Alachua Avenue ao lugar do inicio"[4]. A continuación, mandou construír no mesmo ano o edificio (coñecido durante moito tempo como Alonzo Cushman House). Alonzo converteuse no xefe do departamento de bombeiros de Gainesville en 1885[5]. Tamén significouse como masón, sendo cabaleiro da Loxa Nº 41 de Gainesville entre 1887 e 1915[6], da que en 1901 constaba como Gran Gardián ("Grand Warder")[7] e en 1902 como Gran Sumo Sacerdote ("Grand High Priest")[8].

A vivenda pertenceu aos Cushman até 1905, en que foi vendida ao doutor James Henry Colson e a súa familia, que residiron nela durante vinte anos. James Colson foi físico e cirurxián, presidente da Alachua Medical Society, así como senador estatal, alcalde de Gainesville e membro da Loxa Nº 38 de Waldo, Xeorxia[9]. A lenda afirma que foi a única filla do doutor Colson, Cornelia Colson, quen chamou ao pequeno regato que pasa por detrás da casa Sweetwater Branch (rego da Augadoce)[10]. Sobre 1947, o edificio converteuse durante corenta e cinco anos na Alvarez Tourist Home e, desde 1992, pertence á familia Holbrook. Giovanna Holbrook e a súa filla Cornelia a mercaron, rehabilitándoa para dedicala a uso hoteleiro baixo o nome de Sweetwater Branch Inn Bed & Breakfast. Dispón de sete habitacións, ademais de salas de estar e biblioteca.

Actualmente a Cushman-Colson House forma parte dun complexo hoteleiro[11] xunto a outro edificio de tres plantas, construído cerca de 1895 en estilo vitoriano da raína Ana, catalogado no Rexistro Nacional de Lugares Históricos, chamado a McKenzie House[12]. Ao carón destas dúas está outra casa vitoriana, a chamada Colson House.

Notas editar

  1. History, na web de Sweetwater Branch Inn Bed & Breakfast. Consultado o 12-12-2015 (en inglés)
  2. Cushmansite. Consultado o 12-12-2015 (en inglés)
  3. Declaración de Alonzo M. Cushman perante o Condado de Alachua. Consultado o 12-12-2015 (en inglés)
  4. National Register of Historic Places. Inventory-nomination Form Arquivado 22 de decembro de 2015 en Wayback Machine.. Consultado o 12-12-2015 (en inglés)
  5. Rajtar, Steve (2007). The History Press, ed. A Guide to Historic Gainesville (en inglés). Charleston, Carolina do Sur. p. 106. ISBN 978-1-59629-217-8. Arquivado dende o orixinal o 22 de decembro de 2015. Consultado o 12 de decembro de 2015. 
  6. Wayside Press, ed. (1957). The First Century of Gainesville Lodge No. 41, F. and A.M. Gainesville, Florida. 1857-1957 (en inglés). p. 30 e apéndice 1. 
  7. Páxina 118 de "Historical album Knights Templar : souvenir of the 28th triennial conclave, Louisville, Kentucky, 1901" Arquivado 22 de decembro de 2015 en Wayback Machine.. Consultado o 12-12-2015 (en inglés)
  8. Annual Convocation 1902 Proceedings. Consultado o 12-12-2015 (en inglés)
  9. Biografía do Honorable James Henry Colson Arquivado 04 de marzo de 2016 en Wayback Machine.. Consultado o 12-12-2015 (en inglés)
  10. Tolf, Robert (16-6-1996). "Southern Comfort In Gainesville". Sun Sentinel (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 22-12-2015. Consultado o 12-12-2015. 
  11. Web de Sweetwater Branch Inn Bed & Breakfast. Consultado o 12-12-2015 (en inglés)
  12. "McKenzie, Mary Phifer, House" Arquivado 11 de decembro de 2015 en Wayback Machine., no National Park Service. Consultado o 8-12-2015 (en inglés)