Cuncha Pseudodon DUB1006-fL

cuncha fosilizada cunha gravura

A cuncha de Pseudodon DUB1006-fL é unha cuncha fosilizada do molusco bivalvo Pseudodon vondembuschianus trinilensis atopado na illa de Xava, Indonesia.

A cuncha de Pseudodon DUB1006-fL e os seus gravados

A cuncha ten un gravado en zigzag que puido ser realizado por Homo erectus hai arredor de medio millón de anos. De confirmarse esta hipótese, sería a obra artística máis antiga do mundo.

Descrición editar

A cuncha fai parte dos restos extraídos polo paleoantropólogo holandés Eugène Dubois no sitio arqueolóxico de Trinil, na illa de Xava, nunhas escavacións que comezaron a finais do século XIX. A cuncha consérvase en Leiden, nos Países Baixos.

A hipótese de que as marcas da cuncha DUB1006-fL se tratasen dun gravado realizado por Homo erectus foi lanzada polo equipo da bióloga holandesa Josephine Joordens en 2014.

Na súa análise outorgábaselle aos gravados unha antigüidade de entre 540.000 e 430.000 anos. Nese mesmo estudo apuntábase a hipótese de que a ferramenta utilizada fose un dente de quenlla. As incisións serían feitas por unha mesma persoa durante unha única sesión de traballo.

Interpretación e relevancia editar

En opinión do equipo de Joordens a realización de gravados por parte dun exemplar de Homo erectus estaría ao alcance das súas capacidades cognitivas e neuromotoras. Segundo a doutora Joordens, a análise do trazo, seguro e uniforme, exclúe calquera posibilidade de que se trate dunha marca accidental ou realizada por un animal. O gravado só podería atribuírse a un traballo deliberado de Homo erectus, posto que a peza foi atopada nun contexto arqueolóxico que contén miles de pezas relacionadas con este homínido.

Con todo, a doutora resistíase a darlle unha interpretación á peza, para a que caben moi diversas explicacións. Tanto podería ser un garabato feito para pasar o tempo, como unha maneira de marcar a propiedade da peza ou un deseño feito con intención de embelecer a cuncha, e, por tanto, con clara vontade artística.

De confirmarse que o gravado ten unha intención estética, trataríase dun achado revolucionario. Non só se trataría da obra de arte máis antiga conservada, senón que suporía atribuír a Homo erectus a capacidade de pensamento simbólico, algo que até agora só se considera propio da nosa especia, Homo sapiens sapiens, e Homo neanderthalensis.

Bibliografía editar

  • Joordens, J., d’Errico, F., Wesselingh, F. et al. Homo erectus at Trinil on Java used shells for tool production and engraving. Nature 518, 228–231 (2015). https://doi.org/10.1038/nature13962

Véxase tamén editar