Corte Xeral de Nova Hampshire

Parlamento de Nova Hampshire (Estados Unidos)

A Corte Xeral de Nova Hampshire (en inglés, New Hampshire General Court) é o parlamento de Nova Hampshire, nos Estados Unidos. A súa sede está na capital do devantido estado, Concord. A Corte Xeral conta cunha estrutura bicameral e con 424 membros é o maior parlamento estatal do conxunto da Unión.

A Casa estatal de Nova Hampshire (Concord) acolle á sede da Corte Xeral

Composición editar

 
Sala de sesións do Senado de Nova Hampshire

O título II da Constitución de Nova Hampshire, aprobada en 1784, confire o "poder lexislativo supremo" ao Senado e á Cámara de Representantes, que conxuntamente integran a Corte Xeral:[1]

  • O Senado: está conformado por 24 lexisladores que son escollidos por sufraxio universal por distritos uninominais cada dous anos. Os senadores deben ter 30 anos e levar residindo no estado polo menos os sete anos ás eleccións ás que concorre, así como residir no distrito polo que se presenta.[2] Os senadores escollen entre eles a un presidente, que asume as funcións do gobernador en caso de dimisión, cesamento ou incapacidade do titular.[3]
  • A Cámara de Representantes: conta con 400 deputados escollidos nun total de 204 distritos electorais cuxo número de representantes varía segundo a poboación da circunscrición. Para ser candidato a deputado cómpre ser veciño de Nova Hampshire dende, polo menos, dous anos e residir no distrito polo que se presenta.[4] Aproximadamente, cada 3 000 habitantes escólle a un deputado. Esta é a maior cámara estatal por tamaño de todos os Estados Unidos, moi lonxe da segunda, a Cámara de Representantes de Pensilvania, que suma 203 escanos. Para ser candidato a deputado cómpre ser veciño de Nova Hampshire dende, polo menos, dous anos e residir no distrito polo que se presenta.[4]

Procedemento Lexislativo editar

 
Hemiciclo da Cámara de Representantes de Nova Hampshire, a maior dun estado nos Estados Unidos.

Antes de que o lexislador presente á cámara a súa proposta de lei, este debe redactala asesorándose coa Oficina de Servizos Lexislativos.[5] Logo a proposta é rexistrada na cámara á que pertence e adxudícaselle un número para introducila na orde do día. Na data prevista, por primeira vez preséntase a proposta coa súa lectura ante a cámara e derívase a unha comisión parlamentaria concreta segundo a temática que aborde. Na comisión faise un estudo da proposta e convídase a lexisladores e axentes públicos para valorala. O comité ou comisión pode aprobar o proxecto tal e como se presentou, emendalo, fusionalo con outras propostas, continuar o estudo, remitila a outra comisión ou rexeitalo. Rematada a deliberación da comisión, a proposta de lei pasa ao pleno da cámara onde de debaterán as emendas e procederase á votación.

No caso de ser favorable, envíase á outra cámara, onde o proxecto seguirá o mesmo procedemento, podendo ser modificada. Se a segunda cámara vota a favor a lei sen mudanzas, a lei é remitida ao gobernador. Mais se houbo modificacións deberá ser tamén votada na cámara orixinal. Se esta rexeita os cambios, constitúese un comité conxunto con membros das dúas cámaras para intentar chegar a un acordo.[5] O texto pactado debe ser votado afirmativamente por ambas cámaras para ser definitivamente aprobado.

Aínda que as dúas cámaras da Corte Xeral teñen funcións análogas, a Constitución de Nova Hampshire determina que as leis que impliquen aumentos de impostos sexan iniciadas na Cámara de Representantes.

A lei saída da Corte Xeral leva a sinatura do presidente de ambas as dúas cámaras e é remitida ao Secretario do Estado para que lla entregue ao Gobernador. O Gobernador ten cinco días para rubricala, pero pode vetala ou devolvela á Corte Xeral con propostas de mudanza. As cámaras poden non cumprir co manifestado co Gobernador e no caso de ser vetada poden revogalo co voto de dous terzos de cada cámara.[6]

Historia editar

 
Moeda dun dólar coa efixie de Franklin Pierce, membro da Cámara de Representantes de Nova Hampshire entre 1829 e 1833.

No contexto da Guerra de Independencia dos Estados Unidos, os patriotas de Nova Hampshire formaron un Congreso Provincial que se converteu no goberno de facto do territorio. Este Congreso redactou a primeira constitución de Nova Hampshire en 1776, segundo este texto, o Congreso pasaba a ser a Cámara de Representantes e entre eles escolleríanse a doce membros para formar un Consello de 12 membros: 5 polo condado de Rockingham, 2 polo de Stratford, 2 por Hillsborough, outro par por Cheshire e un polo condado de Grafton.[7] Este Consello formaba unha cámara alta, mentres que a Cámara de Representantes asumía o papel da cámara baixa, deseñando a estrutura bicameral da actual Corte Xeral. Conseguida a independencia, Nova Hampshire dotouse dunha nova constitución, a de 1784 que se mantén hoxe en día e que reconverteu ao Consello da de 1776 no Senado.

Entre os seus membros destacaron políticos como John Langdon que foi un dos "pais fundadores" dos Estados Unidos,[8] e Franklin Pierce, representante entre 1829 e 1833 (chegaría a presidir esa cámara entre 1831 e 1833) e que foi o 14º presidente dos Estados Unidos (1853-1857). As primeiras lexisladoras da Corte Xeral foron as representantes Jessie Doe e Mary Farnum que asumiron o seu escano en 1921.[9]

Notas editar

  1. "State Constitution - Form of Government". www.nh.gov. Consultado o 2022-08-29. 
  2. "State Constitution - Senate". www.nh.gov. Consultado o 2022-08-29. 
  3. "State Constitution - Executive Power - Governor". www.nh.gov. Consultado o 2022-08-29. 
  4. 4,0 4,1 "State Constitution - House of Representatives". www.nh.gov. Consultado o 2022-08-29. 
  5. 5,0 5,1 "About New Hampshire's Legislative Process" (PDF). MBBA-NH. 
  6. "How a Bill Becomes a Law". New Hampshire Almanac. Consultado o 2022-08-29. 
  7. Thorpe, Francis Newton (1998-12-18). "The Federal and State constitutions, colonial charters, and other organic laws of the state[s], territories, and colonies now or heretofore forming the United States of America /compiled and edited under the Act of Congress of June 30, 1906". avalon.law.yale.edu. Consultado o 2022-08-30. 
  8. "The Founding Fathers: New Hampshire". National Archives (en inglés). 2015-11-06. Consultado o 2022-08-30. 
  9. "First Women to Serve in State and Territorial Legislatures". www.ncsl.org. Consultado o 2022-08-30. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar