Benvido á Galipedia Mmeixide. Grazas por unirte a este proxecto e por colaborar connosco na mellora do wiki. Se tes algunha suxerencia sobre o wiki, as páxinas de axuda ou todo aquilo que penses que pode mellorar a Galipedia para nós sería de moita axuda coñecela. Outra cousa, borrei as entradas Ornitoloxía e Ecolóxico porque eran curtas de máis, apenas tiñan 28 e 33 caracteres respectivamente, neses casos as regras de eliminación rápida indican que é preferible eliminar a entrada para non transmitir aos lectores a falsa impresión de que temos máis material do que en realidade hai. Se a páxina ten forma de entrada de dicinario pódese crear no Galizionario, noutros casos basta con facer unha redirección cara a páxina final. En canto a Portal do Val Miñor a política vixente non permite a creación de artigos sobre sitios webs salvo que se trate de casos moi sinalados. Con respecto a Pedro Telmo Rodriguez Castro, as entradas tipo "curriculum" tampouco se consideran apropiadas por diversos motivos, que segundo os casos poden estar relacionados co que na Wikipedia se chama vangloria, coa relevancia, coas relacións personais entre o autor e a persoa do artigo, etc. Non quixera que interpretases estes comentarios como algo negativo que te afastase da Galipedia, unicamente pretenden ser indicacións sobre os procedementos que se seguen en cada caso, por iso quero remarcar que para nós é moi importante a chegada de novos colaboradores, imprescindibles para avanzar. Este proxecto ademais da Galipedia inclúe Wikisource para textos orixinais, o Galizionario para entradas de dicionario, Galicitas para citas textuais e Galilibros para a publicación de libros. Tamén hai unha extensión da comunidade galega en Commons —un repositorio de imaxes común a todos wikis—. Podes establecer contacto cos outros usuarios nas diversas seccións da Taberna ou nas súas páxinas de discusión. Tes información sobre o funcionamento da wikipedia en galego en Wikipedia:Axuda, Wikipedia:Política e normas e no Portal da comunidade. Para calquera cousa que nos necesites aí nós tes. Un cordial saúdo. --Prevert(talk) 11:08, 19 xaneiro 2007 (UTC)

Resposta:

editar
En primeiro lugar insistir que para nós é moi importante a chegada de novos usuarios e nada máis lonxe do noso ánimo que poñer atrancos para que poidan colaborar. En canto as normas que rexen o wiki, unha parte delas están por escrito (é un aspecto en que aínda nos faltan moitos documentos por redactar, e unha vez chegados aos 20.000 artigos andamos niso), outras son normas comúns aos conxunto das Wikipedias, tamén hai unha serie de procedementos habituais na Galipedia e ademais temos en conta as políticas da Wikipedia en inglés nos casos que resulta preciso. Sei que un usuario novo non ten porque coñecer ese conxunto de directrices e se fose imprescindible coñecelas todas seguramente nunca se decidiría a colaborar.
Sobre a lonxitude dos artigos tomamos como lonxitude mínima uns 200 caracteres de contido, non son moitos pero indican que a partir de aí pode comezarse a traballar. Que sexan 200 caracteres non quere dicir que se borren todos os que teñan menos, poden atoparse algúns cuns poucos menos. Por regra xeral, cando chega un usuario novo (rexistrado ou IP) hai que intuir —mesmo adiviñar— as intencións do creador do artigo, e o borrado non é inmediato. Pode que ás veces pasen unhas horas, un par de días, ou outros períodos de tempo. Neste caso os artigos tiñan 28 e 33 caracteres, son moi poucos e representaba un caso claro, pero que se borrasen non quere dicir que non se poidan crear novamente co máis extensión. Podes facelo libremente se pensabas incluír novos contidos. No caso particular de Ecolóxico por tratarse dun adxetivo é preferible que se sexa unha redirección a Ecoloxía e traballar neste último. No tema do Portal do Val Miñor prefiro non particularizar no caso, creo que é mellor falar da norma xeral. O sentido desa norma é evitar que a enciclopedia estea inzada de referencias a sitios web de todo tipo, por iso só se permiten os casos moi claros. Como en todo poden existir casos dubidosos ou nos que haxa diferenzas de opinións, a solucións a cada unha das situacións que se suceden no wiki non son matemáticas. Espero que o dito explique con claridade o meu proceder con eses artigos. Quedo a túa disposición para ampliar aclaracións se é necesario. Un cordial saúdo. --Prevert(talk) 19:11, 20 xaneiro 2007 (UTC)


Máis aclaracións

editar

Comezo polo tema das ligazóns ao portal, erro meu non retiralas. Sobre a extensión mínima dos artigos curtos, na afirmación "Non borre: corrixa e aumente" non hai contradición co feito de que se o artigo é extremadamente curto deba borrarse. Trátase de construír unha enciclopedia que sexa útil para os lectores. Certamente é moito máis fácil crear artigos sen case ningunha información (estou falando en xeral, non me refiro a ti personalmente). Se mantivesemos todos os artigos curtos de máis o tamaño do wiki sería moi superior, en troques a experiencia e valoración do proxecto por parte dos lectores diminuiría considerablemente ao atopar nas súas buscas entradas sen información útil. Dis "Esa norma pareceme moi útil, porque se hai que modificar algo ou eliminalo, é mellor que o faga quen o iniciou...", as cousas non son realmente así, os artigos están en permanente edición e se permaneces connosco verás que aquí é norma habitual é respectar o traballo dos compañeiros pero iso non implica que os artigos non poidan tocarse. Outra vez quero lembrar que con frecuencia créanse artigos que quedan "abandonados" e resulta imposible coñecer as intencións dos creadores deses artigos máis que por intuicións. Ademais a medida que medra o wiki aumenta a nosa responsabilidade na elaboración dun proxecto que ofreza contidos de calidade, e iso tradúcese nunha preocupación constante entre outras cousas pola extensión dos artigos. Penso que 200 caracteres non é unha cota moi alta.

Volvendo a Ecolóxico e Ornitoloxía, como dixen na mensaxe anterior Ecolóxico por tratarse dun adxectivo debe ser unha redirección (#REDIRECT [[Ecoloxía]]) -non o fixen para que puideras facelo ti mesmo-, o contido que tiñas pensado poñer aí podes editalo en Ecoloxía. En canto a Ornitoloxía tamén dicía que podes crealo libremente cun contido máis extenso. Non vexo problema nelo, o wiki é un sitio dinámico que experimenta mudanzas continuas, polo tanto borrar un artigo por moi curto non significa unha desautorización do autor para crear outro de extensión maior.


Responder a esta parte da túa exposición non é nada simple:

'"'Tiña pensado falar tamén de outras organizacións na comarca... ecoloxistas (A Grova, CENMA, Salvemos Monteferro, O Mauxo), veciñais,feministas e tamén pensaba recoller información do interés ecolóxico de unha comarca que está desaparecendo dia a dia. Debo entender que non interesa falar da s organizacións, da sociedade civil no Val Miñor? Xa sei que non dixeches eso, pero quero aclaralo antes, porque non quero voltar a perder o meu escaso tempo en algo que non presta, espero que o entendas."

Comezo por unha indicación práctica, escribir sobre un tema non implica que teña unha entrada propia. Quero dicir que no artigo raíz correspondente (pode ser algún dos concellos ou outro) pode editarse esa información. Novamente e para evitar malentendidos quero aclarar que o que vou dicir a continuación é de tipo xeral e non implica nigunha valoración de antemán sobre as entidades que citas. Un dos focos de tensión nas Wikipedias (relacionado co contidos que deben ou non deben incluírse) refírese a un gran apartado que abrangue vangloria, vaidade persoal, autopromoción, propaganda, relevancia. É un aspecto moi complexo e aínda non resolto na propia Galipedia. Ten que ver co punto onde establecer o corte para admitir un artigo ou non, a valoración soe realizarse a posteriori e inflúen moito as circunstancias nas que se crea o artigo. Son moitos factores que hai que valorar caso por caso. Para ilustralo vou poñer algúns exemplos: hai uns meses un actor creou un usuario e un artigo sobre si mesmo, o artigo foi borrado fundamentalmente porque era unha copia doutros publicados en Internet pero non deixaba de estar presente o tema do autor, un usuario habitual tempo despois creou o mesmo artigo con outro contido, o artigo permanece na base de datos. Moitas persoas se achegan á Galipedia a escribir sobre si mesmas ou sobre entidades ás que pertencen, aínda que non é un procedemento correcto non sempre conleva borralo inmediatamente ou comezar un procedemento de eliminación, quizais porque ter que abrir continuos procesos de borrado resulta moi custoso. Personalmente penso que é preferible definir dun xeito todo o preciso que se poida unha norma de borrado rápido, que ter que debater caso a caso a suposta relevancia a efectos da Galipedia ou non de persoas vivas coas implicacións que iso supón para as persoas. Non temos que esquecer que isto non é unha illa fóra da realidade e que o aquí se diga pode ter repercusións para esas persoas citadas. Outro exemplo real, alguén que crea os artigos dos seus pais, poñamos por caso que segundo as normas deste wiki non deban estar aquí, está claro que a decisión de borralos ou non non é sinxela (porque ten implicacións emocionais para a persoa que os creou, sempre que o fixera de boa fe). O resultado é que se actúa, por regra xeral, nos casos máis graves.

Todo o dito leva a unha continua tensión sobre onde está o límite, os profesores universitarios deben estar porque publicaron uns cantos traballos? e alguén que fixo dous ou tres curtas debe ter entrada? se unha persoa publicou un libro ten que estar? Depende, un único libro pode ser máis valioso que ducias de obras doutro autor e a investigación dun profesor dunha importancia e repercusión superior daquel que teña unha longa listaxe de traballos. A cuestión da que falo está fundamentalmente relacionada con persoas vivas e con entidades que existen neste momento, a situación é ben diferente con entradas que se refiren á historia, á xeografía ou a persoas falecidas. Por se iso fora pouco hai consideracións relacionadas coa intimidade dos vivos que tamén hai que considerar.

Pasemos ao tema das organizacións. Seguindo con exemplos reais na páxina de Vigo semella que se produciu un "efecto chamada" onde moitas asociacións veciñais queren estar representadas nas ligazóns externas, o artigo está claramente descompensado e ten unha sobresaturación de ligazóns externas. Moitas asociación, de boa fe, queren ter entrada neste wiki pero a función da enciclopedia non é ser un relatorio de todas as asociacións que hai no país e menos que sexan os propios compoñentes das asociacións, forzas políticas, etc, que escriban sobre si mesmos.

Podes pensar que toda esta extensa reflexión non conclúe entre a listaxe dos artigos que propós cunha resposta rotunda que diga si ou non. Non pode selo porque eu como un dos administradores non podo -nin quero- axudicarme máis alá das políticas establecidas unha función que non me corresponde, a de decidir antes de que o artigo sexa creado. Por certo, hai unha cuestión que aínda non mencionei e é que o artigo debe poder ser verificable en fontes externas fiables. Posiblemente este punto sexa un dos máis claros, na medida en que unha persoa ou entidade teña menor repercusión non haberá fontes externas nas que verificalo e iso implica que non debería ter artigo aquí (como sempre hai que estudar cada caso particular).

En conclusión, en parte estou trasladandoche a ti mesmo a decisión sobre crear artigos independentes ou non, pero nun primeiro momento a mellor solución é que integres esa información en artigos raíz como dicia antes. Volvo a repetir que desde o punto de vista da administración a análise das túas propostas só pode ser a posteriori, pero quero deixar claro que prefiriría non ter que facelo se escolles a solución dos artigos raíz. No futuro a medida que falemos e vaias vendo o funcionamento do wiki pode considerarse a conveniencia ou non de crear nalgún caso concreto entrada propia. Con respecto á xeografía e aspectos naturais da zona non se me ocorren neste momento problemas que impidan a creación desas entradas.

Un apunte final, na Galipedia interesanos en todo o relacionado con Galicia (e non só Galicia claro está) e na miña opinión temolo demostrado, se borramos unha entrada non significa desinterese, desprezo, minusvaloración de persoas, asociacións, entidades, lugares, etc. A xestión do wiki pode implicar eliminalas pero iso non significa desconsideración por todos aqueles que estean relacionados directa ou indirectamente coa entrada. Digo isto mesmo tendo en conta páxinas ou debates de borrado nos que teño intervido a lo longo da historia deste wiki.

Un cordial saúdo. --Prevert(talk) 12:41, 21 xaneiro 2007 (UTC)