Conspiración Xudeu-Masónico-Comunista-Internacional

A conspiración xudeu-masónico-comunista-internacional, tamén denominada conspiración xudeu-masónica-marxista-internacional ou contubernio xudeu-masónico-comunista, é o nome que se lle da a unha suposta coalición segreda da que formarían parte os xudeus, a masonería e o comunismo; que pretenderían unha fin escura (dunha ou outra forma, o dominio do mundo).

Cartel da Exposición antimasónica de 1941: o xudaísmo controlando ó comunismo (Iosif Stalin) e á masonaría (Winston Churchill).

O termo constrúese coa adición da capacidade revolucionaria do comunismo á tese do século XIX da conspiración xudeomasónica ou da fusión desa tese coa do século XX do xudeu-bolxevismo.

Na época contemporánea, esta suposta "conspiración" é e foi amplamente utilizada como instrumento político por grupos conservadores, monárquicos, ultracatólicos, reaccionarios e fascistas para desprestixiar, difamar e estigmatizar á esquerda política e tamén xustificar actuacións antisemitas ou persecucións políticas.

PrecedentesEditar

Desde a Idade Media pódese atopar a existencia do antisemitismo, vinculado en sociedades sen sistema capitalista desenvolvido a un amplo conxunto de prexuízos ideolóxicos, principalmente ao desprezo polas actividades que, independentemente da súa función económica, a Igrexa definía como usura (préstamo con interese, pero tamén o comercio se se obtén lucro). A única maneira socialmente aceptable de ser rico sen sospeita era a renda feudal, accesible só aos privilexiados, que certamente o eran moito máis que os xudeus. En cambio, estes destacaban naquelas, dado que a súa condición impedíalles xeralmente o acceso a outro tipo de ocupacións (aínda que algúns dos xudeus europeos eran campesiños e realizaban distintos oficios manuais e intelectuais). A manipulación deste prexuízo foi unha útil forma de desviar conflitos sociais (o descontento dos non privilexiados en conxunturas críticas) utilizando aos xudeus como chibo expiatorio. A eles atribuíanse todo tipo de malas intencións (orixinar a peste, secuestrar e matar ritualmente nenos e profanar os sacramentos, como no caso do Santo Neno de La Guardia).

Pero desde a divulgación dos Protocolos dos Sabios de Sion, estas teorías conspirativas fóronse facendo cada vez máis complexas. O feito de que Karl Marx nacese nunha familia de orixe xudía, xunto á procedencia xudía de destacados líderes comunistas, permitiu engadir á conspiración aos movementos obreiros, participantes da súa ideoloxía.3

A masonería fora obxecto de condenas papais desde o século XVIII, e o seu papel na xestación das denominadas revolucións liberais, sobre todo as dos primeiros ciclos (Independencia dos Estados Unidos, Revolución francesa, Revolucións de 1820), era obxecto de controversia. A súa condición de sociedade secreta excitaba a imaxinación, propicia a todo tipo de fantasías na época romántica.