Condensador multitubular

Un condensador multitubular é un tipo de condensador que ten como obxectivo mellorar a transmisión de calor entre dous fluídos en movemento. Agrúpanse en paralelo no interior dun cilindro de grande diámetro todos os tubos destinados á circulación da auga. A condensación do fluído refrixerante faise no exterior destes tubos de auga, servindo a parte inferior como recipiente de líquido refrixerante condensado, sen que o líquido acumulado interfira na condensación dos vapores sobre o feixe de tubos. Os tubos, están separados uns doutros unhas 1,5 veces o seu diámetro exterior e van dispostos seguindo unha armazón de triángulos equiláteros. O circuíto de auga dos condensadores con tubos rectos pode limparse con facilidade sen ter que intervir no circuíto de fluído refrixerante. Nos condensadores que utilizan como medio arrefriador a auga do mar (como no caso dos buques) os elementos que están en contacto deberán estar formados por unha aliaxe de cobre-níquel para evitar a corrosión.

Características editar

 
Partes cun condensador multitubular.

O condensador multitubular está formado polos seguintes elementos:

  • Un corpo cilíndrico (1), chamado calandra, construído en forma de tubo de aceiro estirado sen soldadura, ou ben, se o diámetro é demasiado grande, con chapa de aceiro dobrada e soldada. Nos extremos laterais da calandra van soldadas dúas tapas de fondo (2) de aceiro que incorporan tantos buratos como tubos compoñen o feixe multitubular.
  • Un feixe tubular (3) construído con tubos de aceiro estirado ou cobre, soldados nas tapas de fondo por onde circula a auga.
  • As tomas de entrada e saída do fluído refrixerante, situadas a cada extremo da calandra e en oposición unha da outra (4).
  • Dúas tapas exteriores de fundición (5), ou ben formadas cada unha por unha brida de aceiro e un fondo embutido soldado na brida. Estas tapas incorporan os dispositivos cos pasos necesarios para a unión en paralelo dun número determinado de tubos co fin de que a velocidade de circulación da auga estea comprendida entre 1 e 2,5 m/s. Desta forma asegúrase un bo coeficiente de transmisión térmico global. Levan tamén incorporadas as tomas para a entrada (E) e a saída (S) da auga.
  • Dúas xuntas de caucho (6) aseguran a estanquidade da auga entre as tapas e as placas tubulares.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Rapin, Pierre J. (1996). [Paris] : Pyc édition, 1996, ed. Installations frigorifiques. 2, Technologie. OCLC 37234395 .