Comités
Comités é unha organización estudantil galega. Formada a partir da unión dos CAF-CAEF (Comités Abertos de Escola e Facultade) e dos CAE (Comités Abertos de Estudantes).[1] Defende un ensino público, galego, democrático e de calidade. Defínese como unha organización aberta, que se rexe pola democracia interna e o asemblearismo. Considéranse herdeiros de ERGA, dos CAF e dos CAE.
Comités | |
---|---|
Tipo | Sindicato estudantil |
Data de fundación | 2008 |
Data de disolución | 2016 |
País | España |
[ editar datos en Wikidata ] |
Obxectivos
editarAsume un posicionamento ideolóxico e loita por impulsar e imprimirlle un novo ritmo ao movemento estudantil galego, recollendo e asumindo a herdanza ideolóxica e práctica das organizacións estudantís nacionalistas e dando unha resposta conxunta e coordinada de todo o estudantado aos ataques ao ensino público do país.
Estrutura
editarTen unha estrutura confederal composta por organismos diferenciados para o ámbito de ensino medio e o universitario e outros de conxuntos en que os dous ámbitos conflúen.
A célula básica da organización está composta polos Comités de Centro, formados por todas aquelas persoas que, nunha mesma escola, facultade ou instituto, decidan participar da organización. Esta asemblea de centro escolle entre os seus membros un ou unha representante estábel no Consello de Campus e servirá de comunicación entre este e o seu Centro.
A reunión -de xeito ordinario unha vez ao mes- de tódolos membros dos Comités dun mesmo Campus Universitario é a Asemblea de Campus, o máximo órgano en cada un dos campus onde os Comités teñen presenza. O Consello de Campus é o órgano executivo da Asemblea de Campus e compóñeno as e os responsábeis de centro e as responsabilidades do Campus (como mínimo a responsabilidade de Campus, Institucional e Finanzas).
A reunión -de xeito ordinario unha vez ao mes- de todos os membros dos Comités de ensino medio dunha mesma área son as Asembleas locais e comarcais.
O Consello Zonal é o órgano conxunto responsábel de coordinar na súa zona os dous ámbitos de ensino (universidade e ensino medio).
Os Consellos Nacionais (de Universidade e de Ensino Medio) son os máximos órganos executivos entre asembleas nacionais. Cada un deles é responsábel de efectivizar a liña política da organización no correspondente sector (ensino medio e universidade).
O Consello Confederal é o órgano conxunto responsábel da coordinación nacional dos dous ámbitos do ensino e está formado polos membros dos dous Consellos Nacionais.
A Comisión Nacional de Mulleres é o órgano conxunto de ensino medio e universitario responsábel de estabelecer a liña política en materia de feminismo dos Comités e esta composta por todas as mozas membros dos Comités e que voluntariamente decidan participar nela.
A Asemblea Nacional, de carácter bianual, é o máximo órgano de decisión dos Comités da que poden participar todos os membros dos Comités e que elixe os Consellos Nacionais.
Historia
editarPolas problemáticas internas dos CAF e dos CAE, estas dúas organizacións optaron pola súa disolución e impulsaron a nova organización do estudantado galego que, en maio de 2008, desembocaría na Asemblea Fundacional dos Comités. Naceron co obxectivo de defender unha educación pública, galega, democrática e de calidade, continuando o traballo iniciado por ERGA, os CAF e os CAE.[1]
Como organización que aglutinou unha boa parte do estudantado organizado en clave nacionalismo de esquerdas é unha das maioritarias no ensino universitario dende a súa creación, aínda que a partir de 2011 por mor dunha escisión, a Liga Estudantil Galega, perde a maioría da representación estudantil nos órganos da Universidade de Santiago de Compostela.
En febreiro de 2011 no marco da I Asemblea Nacional dos Comités unha parte dos membros dos Comités abandonan a organización para constituír a Liga Estudantil Galega. Isto repercute negativamente nos representantes da organización no Claustro da USC, perdendo unha parte importante destes.[2][3]
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 "Comités Abertos Galiza". web.archive.org. 2011-09-16. Arquivado dende o orixinal o 16 de setembro de 2011. Consultado o 2019-02-18.
- ↑ "Comités pierde el 85% de sus claustrales en la Universidade". La Voz de Galicia (en castelán). 2011-02-27. Consultado o 2019-02-18.
- ↑ "Nace la Liga Estudantil Galega, organización de los escindidos del sindicato Comités Abertos". La Voz de Galicia (en castelán). 2011-03-29. Consultado o 2019-02-18.