Colponema
Clasificación científica
Dominio: Eukaryota
Filo: Colponemidia
Clase: Colponemea
Orde: Colponemida
Familia: Colponemidae
Xénero: ''Colponema''
von Stein 1878
Sinonimia
  • Stroemia Skvortzov & Noda 1968 non Vahl 1790 non Hagen 1908 non Oudemans 1923

Colponema é un xénero de protozoos flaxelados unicelulares que se alimenta de células eucariotas en ambientes acuáticos e no solo. O xénero contén 6 especies coñecidas, pero non foi completamente estudado.[1] Colponema ten dous flaxelos que se orixinan xusto baixo o extremo anterior da célula. Un esténdese cara a adiante e o outro discorre pola profunda fenda ou rañura que hai na superficie estendéndose cara a atrás.[2] Colponema é un predador que se alimenta de pequenos flaxelados usando a súa fenda ventral.[1] Igual que moitos outros alveolados, posúen tricocistos, cristas mitocondriais tubulares e alvéolos.[2] Propúxose recentemente que Colponema podería ser un grupo irmán de todos os outros alveolados.[2][3][4] O xénero podería axudarnos a comprender a orixe dos alveolados e botar luz sobre como eran as características de todos os eucariotas ancestrais.[1]

Etimoloxía editar

Colponema é unha palabra composta das palabras gregas ‘kolpos’ e ‘nema’. ‘Kolpos’ significa pregamento ou oco e probablemente se refire á pronunciada fenda ou rañura que presenta. ‘Nema’ significa fío e alude ao flaxelo dirixido cara a atrás do organismo, que se orixina no extremo anterior da célula e pasa a través da fenda.[2] Aínda que a descrición inicial que se publicou de Colponema non proporciona unha explicación explícita da súa etimoloxía, esa mesma publicación salienta a súa grande fenda ventral e as imaxes incluídas mostran o flaxelo que pasa por ela.[5]

Historia editar

Colponema foi descrito primeiramente polo Dr. Friedrich Ritter Stein en 1878 na súa obra “Der Organismus der Flagellaten”, que contiña varias descricións de especies de protistas.[5] Colponema loxodes describiuse nunha soa liña, na que se dicía que tiña unha gran fenda abdominal e facía referencia a unha imaxe que mostraba o organismo desde diferentes ángulos.[5] Despois da concepción inicial do xénero, describíronse as novas especies C. globosum e C. symmetricum.[6][7] A ultrastrutura dos colponémidos non se discutiu en detalle ata 1975 no estudo feito por Mignot e Brugerolle de C. loxodes.[8] As restantes especies, C. edaphicum, C. vietnamica e C. marisrubri, foron incorporadas ao xénero en anos recentes e as análises filoxenéticas permitiron utilizar Colponema para responder cuestións sobre a evolución dos alveolados.[1][3][4]

Hábitat e ecoloxía editar

Colponema é un predador unicelular que se encontra en lagos, solos, encoros, sedimentos mariños e augas residuais. É un eucarívoro obrigado, o que significa que só se alimenta doutros eucariotas como os bodónidos e non adoita comer presas máis grandes nin bacterias.[1] O seu principal papel nos ecosistemas é controlar o número dos flaxelados máis pequenos.[1] É probable que os eucariotas máis grandes e os pequenos animais sexan os seus predadores primarios, mais os detalles do papel ecolóxico de Colponema aínda están por determinar porque é un organismo relativamente raro e difícil de cultivar.[1] A escaseza deste xénero apoia a súa posición como predador na cadea trófica microbiana; os predadores están a miúdo presentes en pequeno número porque cómpren grandes cantidades de presas para soster as súas poboacións.[1]

Descrición editar

Colponema é un biflaxelado incoloro cunha pronunciada fenda ventral alimenticia.[1] O seu tamaño celular vai de 4 a 14 µm de ancho e de 8 a 17 µm de longo e teñen forma unha oval que se estreita no extremo anterior.[1] A célula ten toxicistos de 1 µm de longo, un tipo de orgánulos que se extrúen da célula e se usan para inmobilizar as presas.[1] As especies de Colponema varían na presenza de vacúolos contráctiles, no grao de aplanamento dorsoventral e na lonxitude do flaxelo.[1]

Os flaxelos son heterodinámicos e orixínanse xusto baixo a parte anterior da célula. Un flaxelo apunta cara ao extremo anterior da célula e ten mastigonemas preto da base. O outro ten un dobramento cara á base e discorre pola fenda ou rañura alimenticia da célula e diríxese á parte posterior.[1] As presas son fagocitadas enteiras a través da fenda alimenticia e dixeridas en grandes vacúolos dixestivos.[1]

De xeito similar a outros alveolados, a película que rodea a célula de Colponema está composta de tres membranas e contén alvéolos corticais inchados. Nas súas mitocondrias hai cristas tubulares.[1] En contraste, as células non presentan importantes características observadas nos outros grupos de alveolados, como as roptrías, a ciliatura derivada ou a palintomía.[1]

Non se observou neles en cultivo estadios de repouso nin reprodución sexual.[1] A reprodución asexual ocorre por división lonxitudinal, e o plano de división é paralelo á fenda da célula. Só se pode dividir despois de fagocitar moitas presas.[9]

Importancia editar

Os alveolados teñen importantes impactos económicos e médicos, desde causar enfermidades relevantes como a malaria a servir para manter controladas as comunidades bacterianas nos encoros de auga. Ao fixármonos nas liñaxes que diverxeron durante as transicións evolutivas preto da orixe dos alveolados, podemos comprender mellor a evolución de todo o grupo. Colponema é moi útil neste sentido porque representa un dos primeiros grupos que diverxiu e mostra características clave que se poden usar para comparalas coas doutros alveolados.[2][3] Podemos usar esta información para intentar reconstruír o antepasado común de todos os alveolados e adquirirmos máis coñecementos sobre estes organismos tan importantes e espallados.[1]

Lista de especies editar

Notas editar

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 1,12 1,13 1,14 1,15 1,16 1,17 1,18 1,19 1,20 1,21 1,22 1,23 Tikhonenkov DV, Janouškovec J, Mylnikov AP, Mikhailov KV, Simdyanov TG, Aleoshin VV, Keeling PJ (2014-04-16). Gribaldo S, ed. "Description of Colponema vietnamica sp.n. and Acavomonas peruviana n. gen. n. sp., two new alveolate phyla (Colponemidia nom. nov. and Acavomonidia nom. nov.) and their contributions to reconstructing the ancestral state of alveolates and eukaryotes". PLOS ONE 9 (4): e95467. Bibcode:2014PLoSO...995467T. PMC 3989336. PMID 24740116. doi:10.1371/journal.pone.0095467. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Cavalier-Smith T, Chao EE (setembro de 2004). "Protalveolate phylogeny and systematics and the origins of Sporozoa and dinoflagellates (phylum Myzozoa nom. nov.)". European Journal of Protistology (en inglés) 40 (3): 185–212. doi:10.1016/j.ejop.2004.01.002. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Janouškovec J, Tikhonenkov DV, Mikhailov KV, Simdyanov TG, Aleoshin VV, Mylnikov AP, Keeling PJ (decembro de 2013). "Colponemids represent multiple ancient alveolate lineages". Current Biology 23 (24): 2546–52. PMID 24316202. doi:10.1016/j.cub.2013.10.062. 
  4. 4,0 4,1 Tikhonenkov DV, Strassert JF, Janouskovec J, Mylnikov AP, Aleoshin VV, Burki F, Keeling PJ (2020-02-07). "Predatory colponemids are the sister group to all other alveolates". doi:10.1101/2020.02.06.936658. 
  5. 5,0 5,1 5,2 Stein, Friedrich (1859–83). Der Organismus der Infusionsthiere. Inter Documentation Comp. OCLC 65745719. 
  6. Faria J, da Cunha AM, Pinto C (1922). "Estudos sobre Protozoarios do Mar". Memórias do Instituto Oswaldo Cruz 15 (1): 186–208. ISSN 0074-0276. doi:10.1590/s0074-02761922000200013. 
  7. Sandon H (maio de 1927). "The Composition and distribution of the protozoan fauna of the soil". Soil Science 23 (5): 415. Bibcode:1927SoilS..23..415S. ISSN 0038-075X. doi:10.1097/00010694-192705000-00009. 
  8. Mignot J, Brugerolle G (1975). "E´ tude ultrastructurale du flagelle phagotrophe Colponema loxodes Stein". Protistologica 11: 429–444. 
  9. Mylnikov AP, Tikhonenkov DV (2009). "The new alveolate carnivorous flagellate Colponema marisrubri sp. N. (Colponemida, Alveolata) from the Red Sea". Zool. Zhurnal 88: 1163–1169.