Carta a Filemón

libro do Novo Testamento

A Carta a Filemón, a máis curta das cartas paulinas, é un breve escrito que o apóstolo Paulo lle dirixe a Filemón, un cristián adiñeirado, posiblemente bispo da igrexa de Colosas. Trátase dun dos libros do Novo Testamento cristián. A epístola, escrita por Paulo dende o cárcere (aínda que na primeira liña se menciona tamén a Timoteo de Éfeso), versa sobre o tema do perdón e a compaixón. Paulo non se identifica a si mesmo coma un apóstolo con autoridade, senón que se describe como "preso por Cristo Xesús", e chama a Timoteo "irmán"; así mesmo, apélase a Filemón como "querido amigo e colaborador".

Carta a Filemón
Título orixinalΕπιστολή προς Φιλήμονα
Autor/aPaulo de Tarso
Xénero(s)epístola
Na rede
BNE: XX3591768
editar datos en Wikidata ]

Adóitase considerar esta carta como unha das obras que con certeza se poden atribuír a Paulo de Tarso. É a máis breve das cartas conservadas, cun total de 335 palabras no orixinal grego.[1]

Composición

editar

A Carta a Filemón foi escrita entre os anos 57 e 62 por Paulo de Tarso, namentres se atopaba encerrado na prisión de Cesarea Marítima ou, máis probablemente, en Roma; xa que logo, compúxose xunto coa Carta aos colosenses.[2]

Autoría

editar

A Carta a Filemón atribúese ao apóstolo Paulo, e esta atribución apenas foi disputada polos especialistas.[3] Trátase dunha das cartas que con certeza foron escritas por Paulo de Tarso, xunto con outras seis. O cuestionamento máis importante da súa autenticidade provén dun grupo de eruditos alemáns do século XIX, coñecidos colectivamente como a escola de Tubinga.[4] O seu líder, Ferdinand Christian Baur, só aceptou como xenuínas a Carta aos romanos, a primeira e segunda carta aos corintios, e mais a Carta aos gálatas. Segundo Baur, a Carta a Filemón ten un asunto "tan peculiar que levanta sospeitas",[5] polo que concluíu que se trataba "dun conto destinado a transmitir unha idea cristiá".[6] Porén, esta corrente non é aceptada polos especialistas actuais.

O versículo primeiro inclúe o nome de Timoteo xunto co de Paulo. Non obstante, isto non implica que aquel sexa coautor do texto, posto que o apóstolo adoitaba mencionar a outros ao comezo das súas misivas, en especial se tiñan relación co destinatario. Neste caso, Timoteo quizais coñecera a Filemón cando acompañaba a Paulo no seu labor misioneiro en Éfeso.[7]

Contido

editar

Onésimo, que a tradición cristiá identifica con Onésimo, bispo de Bizancio, cristián e escravo de Filemón, foxe da casa do seu amo e temeroso das represalias busca a mediación de san Paulo. Este escribe esta carta de recomendación pedíndolle a Filemón que acolla de novo a Onésimo e non o castigue polo que fixo.

A ensinanza da carta

editar

O que, desde o primeiro momento, provoca máis estrañeza a calquera lector é o feito de que Paulo en ningún momento critica ou cuestiona a escravitude. Máis ben ao contrario, parece que a considera como algo natural e perfectamente compatible coa fe cristiá.

Neste caso, como coa súa postura sobre o papel da muller na primeira Igrexa, parece que pesa máis no autor o ambiente cultural, que daba por normal a escravitude, que a nova fe que predicaba e que tiña como un dos seus puntos claves e máis novedosos a fraternidade e igualdade entre os seres humanos.

  1. Patzia 1994, p. 703.
  2. Cope 1985.
  3. Bruce 1984, p. 191.
  4. O'Brien 1982, p. 270.
  5. Baur 1875, p. 81.
  6. Baur 1875, p. 84.
  7. O'Brien 1982, p. 272.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Baur, Ferdinand Christian (1875). Paul: His Life and Works (en inglés). Williams & Northgate. 
  • Bruce, F. F. (1984). The Epistles to the Colossians, to Philemon, and to the Ephesians (en inglés). Eerdmans. ISBN 978-0-8028-2510-0. 
  • Cope, Lamar (1985). "On rethinking the Philemon-Colossians connection". Biblical Research (en inglés) 30: 45–50. ISSN 0067-6535. 
  • O'Brien, Peter (1982). Colossians, Philemon (en inglés). Word Books. ISBN 0-8499-0243-6. 
  • Patzia, A. G., ed. (1994). "Philemon, Letter To". Dictionary of Paul and His Letters (en inglés). InterVarsity Press. ISBN 9780851106519. 

Ligazón externa

editar