Carlos Montenegro Rodríguez

Carlos Montenegro Rodríguez, nado na Pobra do Caramiñal o 27 de febreiro de 1900 e finado en Miami o 5 de abril de 1981, foi un escritor galego-cubano.

Carlos Montenegro Rodríguez
Nacemento27 de febreiro de 1900
Lugar de nacementoA Pobra do Caramiñal
Falecemento5 de abril de 1981
Lugar de falecementoMiami
NacionalidadeCuba e España
Ocupaciónescritor
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Fillo de Ramón Montenegro Domínguez, que fora oficial do exército colonial español en Cuba e Mercedes Rodríguez Pacheco, natural da Habana. A ruína do negocio pesqueiro do pai levou á familia a emigrar en 1907. Marchan a Cuba instalándose en Guanabacoa, onde Carlos estudou no colexio da orde de San Vicente de Paúl, do que foi expulsado por unha falsa acusación de malos tratos.

En 1914 a familia trasladouse á Arxentina, instalándose na provincia de San Luis, onde vivía un irmán do pai. A experiencia arxentina só durou once meses. De volta en Cuba, Carlos alistouse como grumete nun barco de cabotaxe. Desempeñou varios oficios en México e nos Estados Unidos. En México sufriu o seu primeiro ingreso na cadea ao verse implicado nunha pelexa.

En 1918, nunha das súas visitas á Habana, viuse implicado nun asasinato e foi condenado a 14 anos de prisión. Cumpriu a condena no Castelo do Príncipe, onde coñeceu ao poeta José Zacarías Tallet que traballaba alí como funcionario. Na prisión publicou en 1929 o libro El renuevo y otros cuentos. Nese ano casou coa poeta Emma Pérez Téllez.

En 1931, tras saír en liberdade, dedicouse ao xornalismo. En 1933 afiliouse ao Partido Comunista e comezou a traballar no diario Hoy, vinculado a este partido do que chegou a ser xefe de redacción en 1936. En 1934 publicou o libro de relatos Dos barcos. Foi tamén coeditor da revista Mediodía, e tivo problemas coa xustiza cubana, pois en 1936 foi xulgado por pornografía logo da publicación na revista dun capítulo da súa novela Hombres sin mujer. Foi correspondente de Mediodía en España nos anos da Guerra Civil. As súas experiencias como correspondente de guerra son a fonte das novelas Aviones sobre el pueblo e Tres meses con la fuerza de choque (División campesino).

En 1938 publicou en México a novela Hombres sin mujer, a partir das súas experiencias en prisión. Ese mesmo ano formou parte da Unión de Escritores y Artistas de Cuba. En 1945 por disputas internas abandonou a redacción do xornal Hoy e a súa vinculación co Partido Comunista.

Na década dos corenta foi un dos escritores que estimularon a narrativa cubana baseada nas xestas independentistas, sobre todo a de 1895. En 1944 foi galardoado co premio Hernández Catá polo seu conto "Un sospechoso". En 1953 viaxou á Pobra do Caramiñal; froito da súa visita escribiu o relato "El regreso".

Logo do triunfo da Revolución en 1959 marchou primeiro a México e despois a Costa Rica. En 1963 estabeleceuse en Miami, onde viviu ata a súa morte.

Obras editar

  • El renuevo y otros cuentos, 1959.
  • Dos barcos, 1934.
  • Aviones sobre el pueblo, 1937.
  • Tres meses con la fuerza de choque (División campesino), 1938.
  • Hombres sin mujer, 1938.
  • Los héroes, 1941.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar