Caixa CAAT

(Redirección desde «Caixa CCAAT»)

En bioloxía molecular unha caixa CAAT, tamén chamada caixa CCAAT, é un determinado patrón na secuencia de nucleótidos do ADN eucariótico coa secuencia consenso 3'-GGCCAATCT-5' (no sentido de transcrición na cadea molde do ADN). A caixa CAAT sinala o sitio onde se debe unir un factor de transcrición, e está tipicamente acompañada dunha secuencia consenso conservada. Un destes factores é o CBF (factor de unión á caixa CAAT, CAAT-box binding factor).[1] A caixa está situada xeralmente a 75-80 bases augas arriba do sitio de inicio da transcrición, pero en promotores de clase II de eucariotas superiores está situado a 50-100 nucleótidos do sitio de inicio da transcrición.[2]

Transcrición

editar

Nos xenes que presentan este elemento parece que este é necesario para que o xene se transcriba en cantidade suficiente. A caixa está con frecuencia ausente en xenes que codifican proteínas que se usan en practicamente todas as células. Esta caixa, xunto coa caixa GC, coñécese porque a ela se unen factores de transcrición xeral. As proteínas específicas que cómpren para unirse e activar a caixa CAAT, denomínanse proteínas de unión á caixa CAAT (ou CCAAT) ou factores de unión á caixa CAAT. Nos animais o factor CBF necesita un alto nivel de conservación da secuencia no motivo CCAAT, e as secuencias que o rodean contribúen á especificidade da unión.[2]

A caixa CAAT está sempre situada augas arriba da caixa TATA, e estas dúas secuencias consenso pertencen á rexión promotora reguladora. A expresión xénica plena ocorre cando proteínas activadoras da transcrición se unen a cada módulo da rexión promotora reguladora.

Distribución

editar

As caixas CAAT encóntranse con frecuencia en eucariotas, pero non en procariotas. Análises informáticos de 502 rexións promotoras da ARN polimerase II atoparon que un 30% dos promotores contiñan unha secuencia CCAAT (ou ATTGG na cadea complementaria)[1]

  1. 1,0 1,1 Weimin Bi, Ling Wu, Françoise Coustry, Benoit de Crombrugghe and Sankar N. Maity (1997). "DNA Binding Specificity of the CCAAT-binding Factor CBF/NF-Y". The Journal of Biological Chemistry 272 (42): 26562–72. doi:10.1074/jbc.272.42.26562. Consultado o 2013-12-29. 
  2. 2,0 2,1 Victor Kusnetsov, Martin Landsberger, Jörg Meurer and Ralf Oelmüller (1999). "The Assembly of the CAAT-box Binding Complex at a Photosynthesis Gene Promoter Is Regulated by Light, Cytokinin, and the Stage of the Plastids". The Journal of Biological Chemistry 274 (50): 36009–14. doi:10.1074/jbc.274.50.36009. Consultado o 2013-12-29. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar