Célula reticular

Célula reticular
Latín Cellula reticularis (TH 2 00 03.0.01004)

Unha célula reticular é un tipo de fibroblasto do tecido conxuntivo, que sintetiza coláxeno de tipo III para producir con el fibras reticulares. A célula rodea estas fibras co seu citoplasma, illándoas doutros compoñentes e células dos tecidos.

As células reticulares atópanse en moitos tecidos e órganos, como o bazo e ganglios linfáticos. Tamén dirixen as células B e T a rexións específicas do tecido linfático.

No tecido linfoide difuso dos ganglios linfáticos as células reticulares son de orixe mesenquimal e forman o estroma do tecido, xunto con fibras reticulares. Teñen forma estrelada, alongada e son de núcleo oval e pouco citoplasma, que é acidófilo con feixes de filamentos na periferia. A maioría das células con esta morfoloxía deste tecido son fibroblastos implicados na síntese e mantemento das fibras reticulares, pero están acompañadas por algunhas células de similar morfoloxía, que parece que teñen funcionalidade de célula fagocítica. Actualmente sábese que as células reticulares non dan lugar a ningún outro tipo celular, contrariamente ao que se pensaba antes.[1]

Notas editar

  1. Tratado de Histología. Bloom-Fawcett. D. W. Fawcett. 11ª edición (1987). Interamericana- McGraw-Hill. Páxinas 430-431. ISBN 84-7605-361-4.