Black Mischief
Black Mischief é unha novela en lingua inglesa de Evelyn Waugh, publicada en 1932. Foi escrita mentres estaba como invitado na Madresfield Court de Worcestershire. É a súa terceira novela, e impulsou a súa reputación como autor satírico.
Black Mischief | |
---|---|
Título orixinal | Black Mischief |
Autor/a | Evelyn Waugh |
Orixe | Inglaterra |
Lingua | Lingua inglesa |
Xénero(s) | Novela |
Editorial | Chapman and Hall |
Data de pub. | 1932 |
[ editar datos en Wikidata ] |
Trama
editarA novela narra os esforzos do emperador Seth por modernizar o seu imperio, a ficticia illa africana de Azania, situada na costa do océano Índico. Logo de ser proclamado emperador trala morte da súa nai, gaña unha guerra civil e nomea un goberno. Establece relacións coas diferentes igrexas e legacións diplomáticas establecidas na capital.
O emperador, licenciado na Universidade de Oxford, quere por todos os medios levar ao seu país, baseado nunha economía primaria e tribal, a modernidade do primeiro mundo. Para isto vese axudado por Basil Seal, un compañeiro da facultade, que traballa xunto a Krikor Yokoumian, un emprendedor de orixe armenia. Retómase a construción dunha liña de ferrocarril, planifícase a educación e créase un programa de control de natalidade.
O cónsul francés Ballon planea un golpe de estado xunto a varios líderes relixiosos. Durante unha festa nacional depoñen ao emperador e nomean no seu lugar ao seu tío Achon, un ancián cego. A vila sofre saqueos e desbandadas no exército. Porén, Achon morre durante a coroación, e Seth foxe ao rural.
Ao ficar a monarquía sen líder, a Liga das Nacións nomea o estado como un protectorado conxunto do Reino Unido e Francia.
Ficción e realidade
editarPolo seu contexto xeográfico e histórico, relacionouse a novela con Abisinia e Haile Selassie. Porén, o propio autor negou esta relación.