Bell 204/205
Os Bell 204 e 205 son as versións civís do helicóptero militar UH-1 Iroquois da familia Bell Huey. Están certificados na categoría de transporte e son usados nunha ampla variedade de aplicacións como fumigación de cultivos, levantamento de cargas ou loita contraincendios.
Bell 204/205 | |
---|---|
Bell 205 | |
Tipo | helicóptero multipropósito |
Fabricante | Bell Helicopter |
Primeiro voo | 22 de outubro de 1956 |
Introducido | 1959 |
Produción | 1956-anos 80 |
Variantes | Bell 212 Bell 214 |
Desenvolvemento
editarBell deseñou o seu Model 204 en resposta a u requisito de 1955 do Exército dos Estados Unidos para un helicóptero utilitario. O 204 foi un gran paso adiante no deseño de helicópteros, sendo un dos primeiros en estar impulsado por un turboeixo. O motor turboeixo melloraba radicalmente a practicidade do helicóptero debido ao seu peso lixeiro e alta relación de potencia-peso, un consumo máis baixo de combustible e menores custos de mantemento e operación. O uso dun turboeixo no 204 permitíalle levar máis carga útil a unhas distancias respectables e a velocidades razoables, o que fixo que o 204 e o posterior 205 se convertesen nos helicópteros occidentais máis exitosos en termos de unidades fabricadas.[1]
O civil 204B foi entregado por vez primeira en 1961. O posterior Model 205A-1 é equivalente ao UH-1H, que, en comparación co 204, é máis grande, longo e ten un mellor rendemento e un motor máis potente.[1]
En 1967 entregáranse máis de 60 Model 204B civís, mentres que máis exemplares foron fabricados por Agusta-Bell ata 1973. 12 000 Model 205 (incluído o civil 205A-1) foron producidos por Bell e Agusta-Bell ata principios dos anos 80. Numerosos 204 e 205 exmilitares foron convertidos para o uso comercial.[1]
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 Frawley, Gerard (2003). The International Directory of Civil Aircraft, 2003-2004. Aerospace Publications Pty Ltd. ISBN 1-875671-58-7.