Belemnoideos
Belemnitas / Belemnoideos Belemnoidea Rango fósil: Devoniano - Cretáceo | |||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Un Phragmoteuthis conocauda ben conservado, que mostra os ganchos dos brazos e o perfil do seu manto | |||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||
| |||||||||||
Ordes | |||||||||||
Os belemnoideos (Belemnoidea) son un grupo extinto de moluscos cefalópodos coleoideos, mariños, coñecidos como belemnitas,[1] que son parecidos en moitos aspectos ás modernas luras e estreitamente relacionados con estas,[2] e cos modernos chocos. Igual que eles, os belemnoideos posúen un saco de tinta,[3] pero, a diferenza das luras, teñen dez brazos todos de igual lonxitude (non teñen dous brazos ou tentáculos máis longos).[4]
Dentro dos belemnoideos están incluídos as belemnitas propiamente ditas (que son os belemnoideos que pertencen á orde dos belemnítidos, Belemnitida), e tamén outros grupos como os aulacocéridos (orde dos Aulacocerida), fragmotéutidos (orde dos Phragmoteuthida) e diplobélidos (orde dos Diplobelida).
Etimoloxía
editarO nome "belemnoideos" vén do grego antigo βέλεμνον bélemnon, que significa "dardo, frecha" e do grego είδος, eídos, que significa "forma".[5]
Rango fósil
editarOs belemnoideos eran moi numerosos durante os períodos xurásico e cretáceo, e os seus fósiles son abondosos nas rochas mariñas mesozoicas, a miúdo en compañía dos seus parentes as amonitas. Os belemnoideos extinguíronse a finais do cretáceo xunto coas ammonitas. A orixe dos belemnoideos está nos nautiloides Bactritida, que datan do período devoniano. Poden atoparse rostros de belemnoideos ben formados en rochas que datan desde o Mississippiense (ou carbonífero inferior) ata o cretáceo. Outros cefalópodos fósiles son os baculites, nautiloides e goniatites.
Anatomía
editarOs belemnoideos máis comúns, como as belemnitas, posúen un fragmocono central feito de aragonita, que ten unha flotabilidade negativa.[6] Na parte posterior do animal hai un pesado rostro (rostrum) de calcita, cuxa principal función parece que era equilibrar a parte frontal (da cabeza) do organismo; isto sitúa o centro de masas por debaixo do centro de flotación, incrementando a estabilidade do organismo nadador.[6] Este rostro supón entre un terzo e un quinto da lonxitude total do animal, incluíndo os brazos.[6] Noutros belemnoideos, como os fragmotéutidos, o rostro está moi reducido ou ausente.
Igual que as modernas luras, os brazos dos belemnoideos levaban unha serie de pequenos ganchos para agarrar as presas. Os belemnoideos eran eficientes carnívoros que capturaban pequenos peixes e outros animais mariños cos seus brazos e despois comíanos utilizando os seus peteiros córneos. Á súa vez, estes animais parece que formaban parte da dieta de réptiles mariños como os ictiosauros, en cuxos estómagos fosilizados se atopan con frecuencia ganchos fosfáticos procedentes dos brazos de cefalópodos.
Ecoloxía
editarOs belemnoideos tiñan unha flotabilidade neutra, e nadaban desde preto da costa ata océanos de plataforma continental de media profundidade.[6] Podían utilizar as súas aletas no seu beneficio en todas as velocidades da corrente; en correntes suaves podían batelas para a propulsión; en correntes máis fortes podían mantelas ergueitas para xerar pulo cara a arriba; e cando nadaban rapidamente por propulsión a chorro podían pregalas para ter un perfil máis hidrodinámico.[6]
Conservación
editarNormalmente nos belemnoideos fósiles só se conserva a parte traseira da cuncha (chamada o rostro ou rostrum). O rostro é xeralmente alongado e con forma de bala (aínda que nalgúns subgrupos pode só consistir nunha fina capa que cobre o fragmocono). A rexión oca da parte frontal do rostro denomínase alvéolo e este alberga unha parte cónica da cuncha, con cámaras, chamada fragmocono. O fragmocono moitas veces só se conserva nos espécimes mellor conservados. Desde un lado do fragmocono proxéctase o delgado pro-ostraco.
Aínda que os fragmoconos dos belemnoideos son homólogos das cunchas doutros cefaópodos e teñen unha composición similar de aragonita, os rostros dos belemnoideos son unha novidade evolutiva e están compostos de calcita ou de aragonito, polo que xeralmente se conservan ben. Os rostros rotos presentan unha estrutura de fibras de calcita que irradian e pode dispoñerse tamén formando aneis de crecemento concéntricos.
O rostro, o fragmocono e o pro-ostraco están todos no interior do animal vivo, formando unha especie de esqueleto que está encerrado totalmente polos tecidos musculares brandos. O criatura viva orixinal era máis longa que a cuncha fosilizada, e tería un corpo longo hidrodinámico e ollos prominentes. O rostro estaría na parte traseira do animal coa punta prolongándose cara a atrás, e o fragmocono detrás da cabeza.
Algunhas especies eran especialmente grandes. O rostro do belemnoideo Megateuthis gigantea, que vivía nos mares de Europa e Asia, podía medir ata 46 cm de lonxitude, e o animal completo chegaría a uns 3 m.
En casos moi excepcionais conserváronse fosilizadas as partes moles dalgúns belemnoideos. Nalgúns xacementos fósiles os rostros de belemnitas atópanse localmente en tan grande abundancia que ditos depósios se denominan semiformalmente "campos de batalla de belemnitas". Non está claro se estes depósitos representan eventos de morte en masa despois do apareamento, que son comúns en cefalópodos modernos e noutras criaturas semélparas.
Usos
editarA composición en isótopos estables do rostro dos belemnoideos na Formación Peedee (cretáceo, sueste dos Estados Unidos) foi utilizada desde hai tempo como un estándar global (Peedee Belemnite, "PDB") co que se comparan as composicións doutras mostras en canto a isótopos do carbono e do oxíxeno.
Algúns belemnoideos (como as belemnitas) serven como fósiles índice, especialmente na Formación da creta do cretáceo europeo, o que permite aos xeólogos datar a idade das rochas nas cales se atopan.
Clasificación
editarNota: todas as familias están extintas
- Cohorte Belemnoidea
- Basais e non resoltos
- Xénero Jeletzkya
- Xénero Belemnotheutis
- Orde Aulacocerida
- Familia Aulacoceratidae
- Familia Dictyoconitidae
- Familia Hematitidae
- Familia Palaeobelemnopseidae
- Familia Xiphoteuthidae
- Orde Belemnitida
- Suborde Belemnitina
- Familia Cylindroteuthidae
- Familia Hastitidae
- Familia Oxyteuthidae
- Familia Passaloteuthidae
- Familia Salpingoteuthidae
- Suborde Belemnopseina
- Familia Belemnitellidae
- Familia Belemnopseidae
- Familia Dicoelitidae
- Familia Dimitobelidae
- Familia Duvaliidae
- Suborde Belemnotheutina
- Familia Belemnotheutidae
- Familia Chitinobelidae
- Familia Sueviteuthidae
- Suborde Belemnitina
- Orde Diplobelida
- Familia Chondroteuthidae
- Familia Diplobelidae
- Orde Phragmoteuthida
- Familia Phragmoteuthidae
- Familia Rhiphaeoteuthidae
- Basais e non resoltos
Notas
editar- ↑ belemnita bo dicionario da RAG.
- ↑ Yancey, T. E.; Garvie, C. L.; Wicksten, M. (2010). "The Middle Eocene Belosaepia ungula (Cephalopoda: Coleoida) from Texas: Structure, Ontogeny and Function" (PDF). Journal of Paleontology 84 (2): 267–287. doi:10.1666/09-018R.1.
- ↑ Lehmann, U. 1981. The Ammonites: Their life and their world. London: Cambridge University Press.
- ↑ Doyle, P.; Shakides, E. V. (2004). "The Jurassic Belemnite Suborder Belemnotheutina". Palaeontology 47 (4): 983–998. doi:10.1111/j.0031-0239.2004.00395.x.
- ↑ Webster's New Universal Unabridged Dictionary. 2nd ed. 1979.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 Monks, H. J. D.; Hardwick, J. D.; Gale, A. S. (1996). "The function of the belemnite guard". Paläontologische Zeitschrift 70 (3–4): 425–431. doi:10.1007/BF02988082. Arquivado dende o orixinal o 17 de outubro de 2019. Consultado o 08 de novembro de 2015.
Véxase tamén
editarOutros artigos
editarLigazóns externas
editarCommons ten máis contidos multimedia sobre: Belemnoideos |