O baile irlandés ou danza irlandesa é un grupo de bailes tradicionais orixinarios de Irlanda, de entre os que se poden distinguir os bailes populares e os de competición.

Bailarinas irlandesas.
Baile irlandés na cidade de Nova York.
Bailarinas irlandesas no Día de San Patricio en Fort Collins, Colorado.

Características editar

Estes bailes son coñecidos polos seus rápidos e rítmicos movementos de pés mentres que os brazos e o resto do corpo fican estáticos a maior parte do tempo.

Tipos editar

Nos bailes populares tamén se distingue entre o baile céilí e o set dance. O set dance é un baile para catro parellas en disposición de cadrado, mentres que o baile céilí acepta formacións máis variábeis de dúas a dezaseis persoas. Ademais das formacións, hai importantes diferenzas estilísticas entre estas dúas formas de danza popular. A danza popular irlandesa é unha tradición viva, e por este motivo son frecuentes as variacións dependendo da zona xeográfica.

Por outra banda, a meirande parte dos bailes de competición (ou stepdance irlandés) son en solitario, aínda que moitos bailaríns tamén compiten usando o baile céilí. O stepdance en solitario caracterízase polo control do corpo e a precisión dos movementos dos pés. Para este tipo de danza pódense utilizar "zapatos brandos" ou "zapatos duros".

Historia editar

As formas tradicionais de baile en Irlanda probabelmente se desenvolveron en estreita asociación coa música tradicional irlandesa. Porén, as súas orixes non son claras e hai que ter en conta que foron influenciadas por outras danzas do continente. Estes bailes comezaron a ser ensinados por mestres en toda Irlanda a finais do século XVIII e comezos do XIX. Durante este tempo, os lugares para concursos e feiras eran sempre pequenos e por iso había pouco espazo para a representación dos bailes. Moitas veces mesmo se facían enriba de mesas ou sobre bocois. Pénsase que esta é unha das principais razóns polas que estas danzas se desenvolveron coas mans ríxidas para os lados e cunha gran falta de movemento da metade superior do corpo. Co paso do tempo, os bailes e as competicións comezáronse a facer en espazos meirandes, polo que algúns estilos incluíron máis movemento e desprazamentos polo escenario.

O baile irlandés comezou a facerse coñecido de xeito internacional grazas ó espectáculo de danza Riverdance, que se representou no Festival de Eurovisión de 1994, ano no que Irlanda era o país anfitrión.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar