Autoridade marital
Autoridade marital, potestade marital ou xefatura marital son expresións de fondo raizame no dereito histórico e comparado, que fan referencia ao poder atribuído ao marido sobre a persoa e os bens da muller que esta debe, por imposición, obedecer e respectar.[1]
Fundamentada en diversos argumentos, entre os que predomina a idea de que a muller é un ser inferior necesitado da protección que o marido debe prestarlle, a autoridade marital é, desde 1967, unha manifestación de discriminación da muller que os Estados asinantes da CEDAW están obrigados a eliminala.[2]
Autoridade marital
editarA autoridade marital é, no Dereito histórico e comparado, un principio incuestionado de organización que atribúe ao marido o poder sobre a persoa e bens da muller, poder cuxa extensión varía segundo os diversos sistemas e modelos de potestade marital e de xefatura marital.[3] Nestes sistemas, a muller casada quedaba obrigada a someterse á potestade do marido, tanto no aspecto persoal, a través do deber de obediencia, como no patrimonial, a través das limitacións á súa capacidade de obrar. E iso, ben por considerala menor de idade ou incapaz para realizar actos xurídicos e celebrar contratos que redundasen en beneficio da familia, ben por considerar necesario que en toda unidade familiar exista unha autoridade marital que a dirixa. Esta autoridade é a que se atribúe ao marido, con maior ou menor extensión en función da evolución lexislativa.
En xeral, a autoridade marital leva o poder do marido de: fixar o domicilio coa correlativa obrigación da muller de vivir no domicilio do marido; cambio de nacionalidade da muller; dirección persoal da muller; administrar os bens da sociedade conxugal; representar á muller en xuízo e outorgar a licenza marital.[1]
Licenza marital
editarA licenza marital é unha manifestación da autoridade marital e da consideración da muller como un ser incapaz ou menor de idade que, para poder realizar actos e contratos, necesita ser autorizada para iso polo marido. A licenza marital precísase para que a muller poida allear os seus bens e en xeral, para celebrar actos ou contratos polos que adquira obrigacións. Outro tipo de licenza marital é a laboral, sen a que a muller non podía traballar. Tamén se precisa licenza para que a muller poida desenvolver actividades comerciais ou mercantís.[4]
Código Civil español
editarO artigo 57 do Código Civil español, estipulaba que “o marido debe protexer á muller e esta obedecer ao marido”. O artigo 58 establecía que o domicilio do marido sería o conxugal polo que a muller debía seguir ao marido alí onde este fixase o seu domicilio. O Código de Comercio regulaba a licenza marital que precisaba a muller para exercer o comercio. O marido era o administrador único da sociedade conxugal.
Permiso marital
editarO permiso marital consistía na venia ou permiso que a muller casada debía obter do marido para dispor dos seus bens parafernais. Común nos códigos Napoleónicos,[5] estaba no artigo 61 do Código Civil español de 1851 e perviviu até 1975.[6]
A reforma do código civil de 1958
editarA lei de 1958[7] non derrogou a potestade marital, nin o deber de obediencia e en canto a licenza marital, recoñeceuse a capacidade a muller tanto para ser testemuña nos testamentos, como para desempeñar cargos tutelares.
Na exposición de motivos o lexislador argumenta que:
"Contémplase, pois, a peculiar posición da muller casada na sociedade conxugal na que, polas esixencias da unidade matrimonial, existe un poder de dirección, que natureza, Relixión e Historia atribúen ao marido, dentro dun réxime que reflicte fielmente o sentido da tradición católica que sempre inspirou e debe inspirar no futuro as relacións entre cónxuxes".
A reforma promovida por Mercedes Formica limitou o poder marital ao esixirse o consentimento da muller nos actos dispositivos de inmobles ou establecementos mercantís. Respecto do patrimonio mobiliario non se requiriu o consentimento da muller, porque, segundo o lexislador, a reforma tivo o propósito de limitar na maior medida posible, as perturbacións que no tráfico xurídico pode introducir a obrigada intervención de ambos os cónxuxes nos actos de disposición.[8]
A reforma de 1975
editarA lei 14/1975 de 2 de maio, froito da loita feminista liderada por María Telo, recoñeceu a plena capacidade de obrar da muller casada, ao establecer que o matrimonio non restrinxe a capacidade xurídica de ningún dos cónxuxes e suprimir a licenza marital.[9] Derrogou o deber de obediencia á autoridade marital.
Desde 1967, a autoridade marital é unha manifestación de discriminación da muller que os Estados asinantes da CEDAW están obrigados a eliminar.
O artigo 6 de Declaración sobre a eliminación da discriminación contra a muller dispón :
"Deberán adoptarse medidas lexislativas, para que a muller, casada ou non, teña iguais dereitos que o home no campo do dereito civil e en particular: a) O dereito a adquirir, administrar e herdar bens e a gozar e dispor deles, incluíndo os adquiridos durante o matrimonio; b) A igualdade na capacidade xurídica e no seu exercicio; c) os mesmos dereitos que o home na lexislación sobre circulación das persoas. 2. Deberán adoptarse todas as medidas apropiadas para asegurar o principio da igualdade de condición do marido e da esposa."
A Convención sobre a eliminación de todas as formas de discriminación contra a muller en 1979:[2]
2. O Estado Partes recoñecerán á muller, en materias civís, unha capacidade xurídica idéntica á do home e as mesmas oportunidades para o exercicio desa capacidade. En particular, recoñeceranlle á muller iguais dereitos para asinar contratos e administrar bens e dispensaranlle un trato igual en todas as etapas do procedemento nas cortes de xustiza e os tribunais.
3. Os Estados Partes conveñen en que todo contrato ou calquera outro instrumento privado con efecto xurídico que tenda a limitar a capacidade xurídica da muller considerarase nulo.
4. Os Estados Partes recoñecerán ao home e á muller os mesmos dereitos con respecto á lexislación relativa ao dereito das persoas a circular libremente e á liberdade para elixir a súa residencia e domicilio.
O Comité de expertos fixo no 13.º período de sesións, en 1994, na súa Recomendación n.º 21 a seguinte recomendación:[10]
"Cando a muller non pode celebrar un contrato en absoluto, nin pedir créditos, ou só pode facelo co consentimento ou o aval do marido ou un parente home, négaselle a súa autonomía xurídica. Toda restrición deste xénero impídelle posuír bens como propietaria exclusiva e imposibilítalle a administración legal dos seus propios negocios ou a celebración de calquera outro tipo de contrato. As restricións desta índole limitan seriamente a súa capacidade de prover ás súas necesidades ou as dos seus familiares a cargo."
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 Corral, Alfonso de Cossío (1948-03-23). "La potestad marital". Anuario de Derecho Civil (en castelán) (1): 13–45. ISSN 2659-8965.
- ↑ 2,0 2,1 "Declaración sobre la eliminación de la discriminación contra la mujer" (PDF).
- ↑ Espín Cánovas, Diego (1960). "Capacidad jurídica de la mujer casada (Ensayo de Derecho comparado italo-hispano-americano)". Anales de la Universidad de Murcia (Derecho). Consultado o 10 de mayo de 2016.
- ↑ Gómez de la Plaza, María del Carmen (1977). "La supresión de la licencia matrimonial". Anuario de derecho civil.
- ↑ "Droit civil, un outil de domination masculine ? (Le) - EHNE". ehne.fr (en francés). Consultado o 2024-11-27.
- ↑ U.S. Library of Congress (en inglés)
- ↑ Código Civil Ley 24 de abril de 1958 por la que se modifican determinados artículos del mismo. BOE [1]
- ↑ "El rol de la mujer en el Código Civil" (PDF).
- ↑ Ley 14/1975, de 2 de mayo, sobre reforma de determinados artículos del Código Civil y del Código de Comercio sobre la situación jurídica de la mujer casada y los derechos y deberes de los cónyuges.
- ↑ Recomendación nº 21