Optus

(Redirección desde «Aussat A3»)

Optus é unha serie de satélites de comunicacións Australianos.[1]

Características editar

Os satélites Optus pertencen á empresa Optus Communications Pty., Ltd., de Australia, formada a través da privatización da empresa nacional de satélites AUSSAT, que en 1982 seleccionou a Hughes Communications International para desenvolver o primeiro programa de satélites de comunicacións do país. Os primeiros satélites comezaron a lanzarse en 1985 e a día de hoxe os seus sucesores están destinados a dar servizo de comunicacións, datos e voz ao territorio australiano.[1]

Optus A1, A2 e A3 (AUSSAT A1, A2 e A3) editar

Os primeiros tres satélites Optus lanzáronse baixo a denominación AUSSAT entre 1985 e 1987. Usaban o bus HS-376 e estabilizábanse mediante xiro. Tiñan forma cilíndrica, con 2 metros de diámetro e 6,9 m de longo, cunha antena cun mecanismo de antirrotación nunha das bases para poder apuntar continuamente á Terra. Levaban 15 transpondedores en banda Ku. A alimentación eléctrica corría a cargo de células solares recubrindo a superficie do satélite. Optus A1 e A2 foron lanzados polos transbordadores espaciais Discovery e Atlantis respectivamente, o 27 de agosto de 1985 e o 27 de novembro dese mesmo ano, mentres que Optus A3 foi lanzado mediante un Ariane 3 o 16 de setembro de 1987.[2]

Optus B1, B2 e B3 editar

Os tres seguintes satélites Optus eran satélites estabilizados nos tres eixos e usaban o bus HS-601 de Hughes. Foron lanzados entre 1992 e 1994, os tres a bordo de foguetes CZ-2E e con Optus B2 sendo destruído durante o lanzamento debido ao colapso da cofia pero cos seus restos chegando a órbita. Levaban a bordo 15 transpondedores en banda Ku cada un, un transpondedor en banda L, unha baliza en banda K e un retrorreflector láser. Cada un tiña unha masa de 2858 kg con propelente (1659 kg en baleiro).[3]

Optus C1 editar

Optus C1, tamén coñecido como Optus and Defence C1, foi lanzado para proporcionar servizo de comunicacións comerciais e militares. Para o servizo comercial, destinado ao seu uso polo Departamento de Defensa de Australia, usa transpondedores en banda Ku, mentres que para o servizo militar usa UHF e as bandas X e Ka. Usa o bus SSL-1300, con dous paneis solares e unha masa de 4725 kg. Foi lanzado o 11 de xuño de 2003 mediante un foguete Ariane 5.[4]

Optus D1, D2 e D3 editar

Os satélites Optus da serie D levan a bordo 24 transpondedores en banda Ku con 8 canais de respaldo adicionais. Están baseados no bus Star-2.4 e teñen unha masa duns 2400 kg, cun par de paneis solares que xeran ata 4 kW de potencia eléctrica. Foron lanzados entre 2006 e 2009, todos mediante foguetes Ariane 5.[5][6]

Optus 10 editar

Optus 10 foi lanzado o 11 de setembro de 2014 a bordo dun Ariane 5. Ten unha masa de 3270 kg usando o bus SSL-1300LL e levando 24 transpondedores en banda Ku.[7]

Historial de lanzamentos editar

Misión[1][2][3][4][5][6][7] Data de lanzamento[1][2][3][4][5][6][7] Foguete lanzador[1][2][3][4][5][6][7] Notas[1][2][3][4][5][6][7]
Optus A1 (AUSSAT A1) 27 de agosto de 1985 Transbordador Discovery Éxito
Optus A2 (AUSSAT A2) 27 de novembro de 1985 Transbordador Atlantis Éxito
Optus A3 (AUSSAT A3) 16 de setembro de 1987 Ariane 3 Éxito
Optus B1 13 de agosto de 1992 CZ-2E Éxito
Optus B2 21 de decembro de 1992 CZ-2E Fallo
Optus B3 27 de agosto de 1994 CZ-2E Éxito
Optus C1 11 de xuño de 2003 Ariane 5 Éxito
Optus D1 13 de outubro de 2006 Ariane 5 Éxito
Optus D2 5 de outubro de 2007 Ariane 5 Éxito
Optus D3 21 de agosto de 2009 Ariane 5 Éxito
Optus 10 11 de setembro de 2014 Ariane 5 Éxito

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Mark Wade (2020). "Optus" (en inglés). Consultado o 27 de novembro de 2020. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "Aussat A1, A2, A3 / Optus A1, A2, A3" (en inglés). Consultado o 27 de novembro de 2020. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "Optus B1, B2, B3" (en inglés). Consultado o 27 de novembro de 2020. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "Optus C1 (Optus and Defence C1)" (en inglés). Consultado o 27 de novembro de 2020. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "Optus D1" (en inglés). Consultado o 27 de novembro de 2020. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "Optus D2, D3" (en inglés). Consultado o 27 de novembro de 2020. 
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "Optus 10" (en inglés). Consultado o 27 de novembro de 2020. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar