Asemblea Xeral de Delaware

A Asemblea Xeral de Delaware (en inglés, Delaware General Assembly) é o parlamento do estado de Delaware, nos Estados Unidos. A institución é bicameral e ten a súa sede en Dover, a capital do estado. Os membros da Asemblea Xeral de Delaware son escollidos por sufraxio universal e exercen o poder lexislativo.

O Legislative Hall en Dover acolle á Asemblea Xeral de Delaware

ComposiciónEditar

A vixente constitución de Delaware, aprobada en 1897, establece as funcións do seu poder lexislativo, outorgándollo á Asemblea Xeral. A organización e funcionamento da mesma son determinadas no artigo 2º da carta magna. Deste xeito, a Asemblea Xeral de Delaware está conformada por dúas cámaras que son:[1]

  • O Senado: é a cámara alta e conta con 21 membros cuxos mandatos son de catro anos. O tenente gobernador do estado é o presidente do Senado, aínda que só vota cando se produce un empate. Os senadores tamén escollen entre eles a un presidente para cando o tenente gobernador non asiste ás sesións.
  • A Cámara de Representantes: é a cámara baixa e intégrana 41 membros escollidos cada dous anos.

O territorio de Delaware está dividido en circunscricións uninominais para a elección dos lexisladores, habendo polo tanto 21 distritos senatoriais e 41 distritos para a elección de representantes.

Para poder ser electo membro da Asemblea Xeral débese contar con tres anos de residencia en Delaware e un no distrito polo que se presenta. Ademais, para os candidatos a senador deben ter, polo menos, 27 anos, e os candidatos a representante, polo menos, 24. Non existen límites de mandatos en ningunha das cámaras.

FunciónsEditar

 
Selo do estado de Delaware

Como institución depositaria do poder lexislativo, o rol fundamental das cámaras da Asemblea Xeral é a de lexislar. No proceso interveñen ambas cámaras. O proceso lexislativo comeza cando un membro eleva unha proposta de lei. Unha vez é considerada inicialmente, a iniciativa pasa a un comité relacionado coa temática que aborda. No comité é valorada, tómanse os testemuños públicos fanse as modificacións que se consideren oportunas. Tamén pode ser que o comité renuncie a continuar coa lei ou que a remita a outro comité. Unha vez superado o comité, a proxecto de lei pasa ao plenario da cámara: alí debátense as emendas e vótase a lei. É entón cando pasa á outra cámara e no caso de ser modificado o proxecto a outra debe votalo tamén.

Unha vez votada na Asemblea Xeral, a lei é remitida ao gobernador para que a asine. A Asemblea Xeral pode revogar o veto do gobernador se así o votan tres quintos de cada cámara.[2]

O Senado, a diferenza da Cámara de Representantes, debe confirmar ou rexeitar algúns nomeamentos do gobernador para cargos estatais como o de secretario de estado.[3]

Ademais, a Asemblea Xeral de Delaware é a única competente en aprobar unha emenda á constitución estatal se así o fan dous terzos dos membros de ambas as dúas cámaras.[4] Isto é unha particularidade única nos Estados Unidos, pois no resto de estados, cómpre un referendo para a ratificalo.[5] Tamén son precisas maiorías cualificadas de dous terzos en ambas as dúas cámaras para modificar a Lei Xeral de Corporacións de Delaware.[6]

HistoriaEditar

As orixes da Asemblea Xeral de Delaware remóntase á Constitución de 1776 que, no contexto da independencia dos Estados Unidos. Este texto establecía unha bicameral Asemblea Xeral pois estaba conformada por un Consello de nove membros e unha Cámara da Asemblea de 21.[7] A Constitución de 1792 xa estableceu as actuais denominacións de Senado e Cámara de Representantes para as cámaras da Asemblea Xeral.[8]

A Asemblea Xeral de Delaware en 1787 convocou a elección dunha convención constitucional para valorar a aprobación da Constitución dos Estados Unidos que viña de ser finalizada. Así o 7 de decembro dese ano, Delaware foi o primeiro estado da Unión en ratificala.[9]

Membros destacados da Asemblea Xeral foron os "pais fundadores" dos Estados Unidos Richard Bassett, John Dickinson e Jacob Broom.[10] Ademais, a primeira muller electa foi a republicana Florence Wood Hanby en 1924.[11] En 2020, a demócrata Sarah McBride foi electa senadora estatal, sendo a primeira persoa transxéreno en ser escollida para ese posto en todos os Estados Unidos.[12]

NotasEditar

  1. "ARTICLE II. LEGISLATURE". delcode.delaware.gov. Consultado o 2022-08-27. 
  2. "Legislative Process - Delaware General Assembly". legis.delaware.gov. Consultado o 2022-08-27. 
  3. "The Delaware Constitution, article III. Executive.". delcode.delaware.gov. Consultado o 2022-08-27. 
  4. "ARTICLE. XVI AMENDMENTS AND CONVENTIONS". delcode.delaware.gov. Consultado o 2022-08-27. 
  5. "Delaware Constitution". Ballotpedia (en inglés). Consultado o 2022-08-27. 
  6. "About Delaware's General Corporation Law". Delaware Corporate Law - State of Delaware (en inglés). Consultado o 2022-08-28. 
  7. Thorpe, Francis Newton (1998-12-18). "The Federal and State constitutions, colonial charters, and other organic laws of the state[s], territories, and colonies now or heretofore forming the United States of America /compiled and edited under the Act of Congress of June 30, 1906". avalon.law.yale.edu. Consultado o 2022-08-27. 
  8. Constitution of Delaware. 
  9. "About Delaware Day". Delaware Day - State of Delaware (en inglés). Consultado o 2022-08-27. 
  10. "The Founding Fathers: Delaware". National Archives (en inglés). 2015-11-06. Consultado o 2022-08-27. 
  11. Weatherford, Doris (2012-01-20). Women in American Politics: History and Milestones (en inglés). SAGE. ISBN 978-1-60871-007-2. 
  12. Stevens, Matt (2020-11-04). "Sarah McBride wins her State Senate race in Delaware, a landmark for transgender legislators.". The New York Times (en inglés). ISSN 0362-4331. Consultado o 2022-08-28. 

Véxase taménEditar

Outros artigosEditar

Ligazóns externasEditar