Asemblea Xeral de Connecticut

Parlamento de Connecticut (Estados Unidos)

A Asemblea Xeral de Connecticut (en inglés, Connecticut General Assembly) é o parlamento do estado de Connecticut (Estados Unidos). A institución ten unha estrutura bicameral e a súa sede está en Hartford, a capital estatal.

Asemblea Xeral de Connecticut
Tipoparlamento de estado dos Estados Unidos de América e bicameralismo
SedeCapitólio Estadual de Connecticut
PaísEstados Unidos de América
Na rede
https://www.cga.ct.gov
editar datos en Wikidata ]
Selo da Asemblea Xeral de Connecticut

Composición editar

A constitución de Connecticut de 1965 precisa as competencias e organización da A Asemblea Xeral de Connnecticut. Deste xeito, o seu artigo 3 determina que se compón de dous corpos colexisladores:[1]

  • O Senado: a cámara alta está conformada por 36 membros. O tenente gobernador do estado preside o Senado, aínda que o pleno tamén escolle a un presidente entre os seus membros para cubrir a ausencia do primeiro.
  • A Cámara de Representantes: a cámara baixa está integrada por 151 delegados.

Os lexisladores de ambas as dúas cámaras son electos cada dous anos por distritos uninominais, ademais non existe límite de mandatos. As sesións ordinarias da Asemblea Xeral prolónganse de xaneiro a xuño nos anos impares e de febreiro a maio nos pares.[2] As sesións da Asemblea Xeral son retransmitidas pola canle de televisión por cable Connecticut Network (CT-N) dende 1999 e en streaming por Youtube.[3]

Historia editar

 
Roger Sherman, un dos "pais fundadores" dos Estados Unidos, foi membro da Asemblea Xeral entre 1766 e 1785.
 
Capitolio de Connecticut, sede da Asemblea Xeral, en Hartford.

A colonia de Connecticut contou dende 1636 coa chamada Corte Xeral (General Corte, en inglés) integrada por seis maxistrados electos e tres representantes das poboacións de Hartford, Wethersfield e Windsor. En 1698, a Asemblea Xeral, como empezaba a ser chamada, foi dividida entre o Consello (de doce membros chamados asistentes) e a Cámara de Representantes. A constitución de 1818 confirmou o carácter bicameral da Asemblea Xeral mais trocou a denominación do Consello polo de Senado.[4]

Dende 1701 ata 1874 a sede da Asemblea Xeral rotou entre a cidade de Hartford e New Haven (antiga capital da colonia homónima que se integrou en Connecticut na segunda metade do século XVII). Dende 1874 a súa sede permanente está na capital estatal, onde se edificou un novo Capitolio para albergar a ambas cámaras. Na actualidade, no Capitolio celébranse as sesións plenarias dos senadores e representantes, mentres que a maior parte dos comités parlamentarios e as oficinas dos lexisladores están no veciño Edificio da Oficina Lexislativa, LOB polas súas siglas en inglés.[5]

Entre os membros senlleiros que integraron a Asemblea Xeral de Connecticut, destacan William Samuel Johnson e Roger Sherman membros durante a segunda metade do século XVIII e redactores da Constitución dos Estados Unidos.[6] As primeiras mulleres lexisladoras da Asemblea Xeral foron electas en 1921.[7]

Procedemento lexislativo editar

O proceso de elaboración dunha lei en Connecticut comeza cando un lexislador rexistra na secretaría da cámara á que pertence a súa proposta. Entón, o título da proposta de lei, o número de rexistro e o nome do seu promotor son publicados polos xornais de ambas cámaras. Segundo a materia que aborde, a proposta remítese a un dos comités da Asemblea, as comisións parlamentarias, onde se farán as comparecencias públicas oportunas e valorará o texto nun informe. Unha vez superado o paso polo comité, a Comisión Lexislativa da Asemblea Xeral analizará a constitucionalidade da lei e a Oficina de Análise Fiscal estimará o seu custo económico. Logo de ser fixado un día para o seu debate, o pleno da cámara debátea e vota as emendas. Unha vez superado o proceso nunha das cámaras, a lei é enviada á outra para ser considerada. Se na segunda cámara o texto é emendado, a primeira deberá tamén votar o texto resultante.

Finalmente, a lei aprobada pola Asemblea Xeral é presentada ao gobernador de Connecticut que pode vetala. En tal caso, a Asemblea Xeral pode revogar a decisión do gobernador se así o votan, polo menos, dous terzos de ambas as dúas cámaras.[8]

Notas editar

  1. "Constitution of the state of Connecticut". Connecticut General Assembly. Arquivado dende o orixinal o 01 de setembro de 2022. Consultado o 27 de agosto de 2022. 
  2. "Frequently Asked Questions". Connecticut General Assembly. 
  3. "Our Mission". Connecticut Network. 
  4. "HISTORY OF THE CONNECTICUT HOUSE OF REPRESENTATIVES". cga.ct.gov. 
  5. "Legislative Offices". www.cga.ct.gov. 
  6. "The Founding Fathers: Connecticut". National Archives (en inglés). 2015-11-02. Consultado o 2022-08-27. 
  7. "Fifty Years of Women Candidates. Connecticut suffrage centenial" (PDF). porta.ct.gov. 
  8. "How a bill becomes a law in Connecticut". portal.ct.gov. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar