Abrir o menú principal

Ares Vallis é unha canle de desbordamento situada en Marte, leva o nome de Ares en homenaxe ó deus da guerra da antiga Grecia; semella estar esculpido por algún fluído, probablemente auga. O val 'flúe' cara o noroeste fóra da montañosa Margaritifer Terra, onde a depresión de Iani Chaos (de 180 km de longo e 200 km de ancho) está ligada ó inicio de Ares Vallis a través dunha zona de transición duns 100 km de ancho centrada sobre as coordenadas 342,5° E (17,5º O) e 3° N.[2] Despois continúa a través das antigas terras altas de Xanthe Terra e termina nun delta-semellante ós da rexión de Chryse Planitia. Ares Vallis foi en 1997 o lugar de aterraxe da sonda Mars Pathfinder da NASA, que estudou unha rexión do val fronteiriza con Chryse.

Ares Vallis
PIA02405.jpg
A sonda Mars Pathfinder (situada a 19,13º N, 33,22 O) fotografou a rexión onde Ares Vallis se atopa con Chryse
Tipo de rexión Vallis
Val de Marte
Lonxitude 1.757,67 km[1]
Coordenadas 10,29° N 25,61 O[1]
Situación Ó norte de Margaritifer Terra, ó sur de Chryse Planitia e ó oeste de Meridiani Planum[1]
Procedencia do nome deus grego da guerra.[1]

EstudosEditar

Tense argumentado que os vales Uzboi, Ladon, Margaritifer e Ares, constituíron no pasado un único desaugadoiro que fluía cara ó norte para desembocar en Chryse Planitia, aínda que hoxe en día estean separados por grandes cráteres.[3] A fonte desta corrente foi suxerida coma un desbordamento do cráter Argyre, outrora cheo ata a bordo como un lago e drenado cara ó norte polas canles Surius, Dzigai e Palacopus dende o hemisferio sur. Se isto é certo, a lonxitude total do sistema de drenaxe sería de máis de 8.000 km, o percorrido máis longo de drenaxe coñecido no sistema solar. En base a esta hipótese, a forma actual da canle de saída Ares Vallis sería unha remodelación dunha estrutura pre-existente. Este gran percorrido de fluxos de auga foi nomeado coma o sistema Uzboi-Landon-Morava (ULM). A auga deste sistema puido ter axudado na formación de Ares Vallis.[4][5][6][7][8]

Unha investigación, publicada en xaneiro de 2010, suxire que Marte tivo lagos, duns 20 km de ancho cada un, en partes ó longo do ecuador. Investigacións anteriores demostraron que Marte tivo unha historia inicial quente e húmida, a cal rematou hai moito tempo, pero estes lagos terían existido na época hesperiana, un período moito máis recente. Usando imaxes detalladas a partir da Mars Reconnaissance Orbiter, os investigadores especulan coa posibilidade dun aumento da actividade volcánica, impactos de meteoritos ou cambios na órbita marciana durante este período, que terían quentado a atmosfera marciana dabondo coma para fundi-lo abundante xeo presente no chan. Os volcáns terían liberado gases que terían feito máis densa a atmosfera de xeito temporal, capturando máis luz solar e quentando a superficie suficiente do planeta, para que así a auga líquida puidese existir. Neste novo estudo, descubriuse que as canles estaban conectadas coas concas dos lagos preto de Ares Vallis. Cando un lago cheo se desbordase, as súas augas esculpirían canles cara áreas a menor altitude, onde formarían outro lago.[9][10] Estes lagos poderían ser outro bo lugar na procura de evidencias de vida, xa sexan presentes ou pasadas.

Galería de imaxesEditar

NotasEditar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 USGS Astrogeology (ed.). "Ares Vallis on Mars". Gazetteer of Planetary Nomenclature. Consultado o 22-02-2016. 
  2. Mars Express - inundacións antigas en Marte: Iani Chaos e Ares Vallis ESA, 1 de xuño de 2005.
  3. Parker, TJ, Clifford, Sm, e Banerdt, WB (2000). Argyre Planitia and the Mars global hydrologic cycle. LPSC XXXI, Abstract 2033.
  4. Carr, M. 1979. Formation of Martian flood features by the release of water from confined aquifers. J. Geophys. Res. 84, 2995-3007.
  5. Carr, M., G. Clow. 1981. Martian channels and valleys: their characteristics, distribution, and age. Icarus: 48 (1), 91-117.
  6. Grant, J., T. Parker. 2002. Drainage evolution of the Margaritifer Sinus region, Mars. J. Geophys. Res. 107, doi:10.1029/2001JE001678.
  7. Grant., J. et al. 2009. Geologic map of MTM-20012 and -25012 quadrangles, Margaritifer Terra region of Mars, U.S. Geol. Sur, Scientific Investigations Map 3041, scale 1:1,000,000.
  8. Rotto, S., K. Tanaka. 1995. Geologic/Geomorphic map of the Chryse Planitia region of Mars, U.S. Geol. Surv. Invest. Ser. Map I-2441, scale 1:5M.
  9. "Spectacular Mars Images Reveal Evidence of Ancient Lakes". ScienceDaily. 04-01-2010. 
  10. Sanjeev Gupta; Nicholas Warner; Jung-Rack Kim; Shih-Yuan Lin; Jan Muller; (2010). "Hesperian equatorial thermokarst lakes in Ares Vallis as evidence for transient warm conditions on Mars". Geology 38 (1): 71–74. Bibcode:2010Geo....38...71W. doi:10.1130/G30579.1. 

Véxase taménEditar

Outros artigosEditar

Ligazóns externasEditar