Aparello (náutica)

En náutica, denomínase aparello ao conxunto de mastros ou paus, vergas, enxarcias e velas que lle permiten a unha embarcación poñerse en movemento aproveitando o movemento do aire que a impulsa (vento). A forza do vento transmítese directamente sobre as velas. Estas transmítena, aos paus e ás enxarcias, segundo como as estean dispostas. O conxunto transmite o pulo ao casco do barco.

Desde a antigüidade até os nosos días, o home buscou o modo de optimizar o uso do vento para as súas naves mediante a mellora dos aparellos.

Compoñentes dun aparello editar

Mastros editar

 
Esquema básico dun mastro e as súas enxarcias.
 
Un drakkar, embarcación típica viquinga, de aparello sinxelo.
 
El navío español "Santísima Trinidad" (1769-1805), o barco de guerra fabricado en madeira máis grande da Historia.
Artigo principal: Mastro.

Os mastros son grandes paus, rectos e verticais, cravados perpendicularmente na cuberta e o corpo do barco, e que soportan o peso da maior parte do aparello. Como é natural, as naves de maior tamaño tenden a posuír un maior número de mastros. Están suxeitos mediante enxarcias mortas aos laterais do barco, o que aumenta a súa estabilidade e a súa capacidade para soportar esforzos laterais.

Cando se construíron mastros adicionais, foron recibindo os seguintes nomes:

  • Pau trinquete,[1] o mastro máis próximo á proa (adiantado) que o mastro principal ou pau maior.
  • Pau de mesana,[2] o pau situado detrás (máis cerca da popa) que o mastro principal ou pau maior.
  • Pau de contramesana,[3] ou boaventura: nos barcos con catro mastros verticais era o nome que recibía o segundo mastro (ademais do de mesana) situado detrás do pau maior.
  • Pau bauprés,[4] único mastro non vertical. Sobresae da proa (formando entre 15 e 45º aproximadamente coa horizontal) e nel se enganchan as velas chamadas foques, triangulares. No século XVIII o bauprés alcanzou tamaños case tan grandes como o pau de trinquete.

Vergas editar

As vergas son paus colocados transversalmente nos mastros,[5] a unha determinada altura da cuberta do barco. A súa misión é servir de soporte ás velas cadradas, suxeitándoas polo seu lado superior ou inferior. Cando se recollen as velas, enrólanse sobre as vergas, o cal permite unha despregadura rápida.

As vergas e os mastros conforman a arboradura da embarcación.[6]

Velas editar

Artigo principal: vela (tea).

As velas son corpos planos e flexíbeis de lona que reciben directamente a acción do vento. Transmiten o pulo do vento ás vergas que, á súa vez, o transmiten ao mastro.

As velas adoptaron diversas formas en función das necesidades e das técnicas náuticas de cada época. Segundo o tipo de velas utilizadas, o aparello pode recibir os seguintes nomes:

  • Aparello redondo: formado por velas de formas cadradas (poden ser chamadas redondas a pesar da súa forma) ou trapezoidais. As da primeira das formas son ideais para recibir o vento desde a popa, pola súa maior superficie. Teñen o inconveniente de non poder cinguir o vento, é dicir, navegar formando un ángulo menor de 90º con respecto á dirección do vento.
  • Aparello latino: formado por velas de formas triangulares. Xurdiu posteriormente. As velas latinas permiten cinguir o vento, conseguindo a navegación en contra da dirección deste.

A partir de certo tamaño e complexidade, os barcos montaban uns aparellos en combinación dos dous anteriores.

Enxarcias editar

As enxarcias son os cabos e cordas do barco,[7] que suxeitan e/ou estabilizan o resto dos compoñentes do aparello. Existen dous tipos de enxarcias: a enxarcia firme, ou morta, que permanece fixa e tensada a ambos os lados dos mastros para suxeitalos e subministrarlles maior estabilidade lateral, e a enxarcia móbil, ou de labor, formada polos cabos que poden atarse e desatarse durante unha manobra.

Notas editar

  1. trinquete, 1ª acep. no Dicionario da RAG.
  2. mesana no Dicionario da RAG.
  3. contramesana no Dicionario da RAG.
  4. bauprés no Dicionario da RAG.
  5. verga, 5ª acep. no Dicionario da RAG.
  6. arboradura no Dicionario da RAG.
  7. enxarcia no Dicionario da RAG

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Fernández Fontecha, Francisco (1998): Construcción aparejo y maniobras. Reprodución de "Cartilla marítima o manual de construcción y maniobras de los buques de vela", obra do ano 1876. Barcelona: Llagut. ISBN 978-84-9323-857-5.
  • Lees, James (1984): The Masting and Rigging of English Ships of War, 1625-1860. Annapolis, MA.: Naval Institute Press. ISBN 978-0-8702-1948-1.
  • Tyle, Frank (2000): Historia de la navegación a vela. Barcelona: Ultramar. ISBN 978-84-4590-591-3.

Outros artigos editar