Aozora Bunko

biblioteca virtual xaponesa

Aozora Bunko (xaponés: 青空文庫; lit. "Biblioteca do ceo azul") é unha biblioteca dixital nipoa. A súa colección abarca varios miles de obras en lingua xaponesa, tanto de ficción como de non ficción. Céntrase en textos de dominio público ou en acceso libre.

Aozora Bunko
Na rede
https://www.aozora.gr.jp/
editar datos en Wikidata ]

Dende a súa fundación en 1997, Aozora Bunko compila e publica un catálogo virtual en constante evolución. En 2006, constituíuse como promotor de políticas públicas para protexer o seu catálogo en libre acceso.

Historia

editar

Aozora Bunko foi creada en 1997 para ofrecer un catálogo en libre acceso de obras literarias con dereitos de autoría expirados.[1] O promotor do proxecto foi Michio Tomita (1952-2013), movido pola idea de que as persoas deben cooperar entre si.[2][3]

No Xapón, Aozora Bunko considérase o equivalente do Proxecto Gutenberg.[1][3] A meirande parte dos seus textos pertencen á tradición literaria do país, mais tamén inclúe algunhas traducións de literatura inglesa. Os recursos poden procurarse por categoría, autor ou título, e a plataforma ofrece apoio en detalle para o emprego da súa base de datos. Os arquivos poden descargarse en formato PDF ou lerse directamente en HTML.[1]

Tras o pasamento de Tomita en 2013, creouse o Fondo para o futuro dos libros (xaponés: Hon no mirai kikin 本の未来基金), co obxectivo de axudar a financiar Aozora Bunko.[3]

A data do 5 de xaneiro de 2019, Aozora Bunko conta con máis de 15.100 obras.[4]

Promoción de políticas públicas

editar
 
Icona que ilustra a oposición de Aozora Bunko aos cambios na lexislación xaponesa de dereitos de autoría

Aozora Bunko uniuse a outras organizacións para opoñerse a certos cambios na lexislación nipoa de dereitos de autoría. Neste sentido, a plataforma anima aos cidadáns xaponeses a comunicarse coa Oficina de Asuntos Culturais e mais cos membros da Dieta.

Xapón e outros países aceptaron os termos da Convención de Berna para a protección das obras literarias e artísticas, un acordo internacional de 1886 sobre política común en relación aos dereitos de autoría. Aozora Bunko defendeu a continuación do status legal, segundo o cal os devanditos dereitos esgotábanse no prazo mínimo establecido pola Convención de Berna (o período de vida do autor máis cincuenta anos), fronte á presión de diversos grupos.[3]

  1. 1,0 1,1 1,2 青空文庫. "青空文庫のしくみ". www.aozora.gr.jp (en xaponés). Consultado o 2024-05-06. 
  2. "国立国会図書館デジタルコレクション". dl.ndl.go.jp (en xaponés). Consultado o 2024-05-06. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Bestor, Victoria (2013-10-01). "Michio Tomita (1952-2013)". Journal of East Asian Libraries 2013 (157). ISSN 1087-5093. 
  4. "著作権保護期間の延長を行わないよう求める請願署名". www.aozora.gr.jp (en xaponés). Consultado o 2024-05-06.