Pato falcado

(Redirección desde «Anas falcata»)

O pato falcado (Anas falcata) é un pato que cría no leste de Asia. A súa aparición fóra dos seus territorios habituais non é extraordinaria, e pode te-la súa orixe, polo menos nalgúns casos, en exemplares fuxidos, xa que son populares como aves ornamentais.

Anas falcata

Descrición editar

Miden entre 48 e 54 cm de lonxitude e amosan o dimorfismo sexual típico dos anátidos. Os machos en traxe de gala son inconfundibles: máis da súa plumaxe corporal amosa un fino vermiculado gris; a cabeza é grande, de cor verde botella, a gorxa, branca e a coroa da cor do bronce. Do lombo cólganlle unhas plumas curvadas a xeito de fouce. A zona cloacal ten un deseño amarelo, negro e branco.

As femias son castañas escuras, moi semellantes ás do lavanco, das que as diferencia o bico longo e gris. O macho en plumaxe de eclipse imita á femia, por ben que ten a cabeza e o lombo máis escuros. En voo, ámbolos dous sexos amosan a parte inferior das ás gris pálida. O espello é anegrado, cunha beira branca na parte interior. Os xoves son de tons máis ante cás femias e carecen das plumas en forma de fouce.

O reclamo dos machos é un asubío baixo, mentres que o das femias e un "cuac" rouco.

Distribución editar

A súa área de cría espállase polo leste de Asia, dende o centro de Siberia ata o norte do Xapón e o norte da China. Son migratorios estritos, que pasan o inverno en boa parte da Asia suroriental.

Viven en zonas húmidas das terras baixas, coma lagos ou prados anegados, onde se alimentan arrincando plantas na auga ou pacendo.

Conduta editar

Fora da época de reprodución son aves gregarias, que forman grandes bandos. Fan os niños no chan, preto da auga e entre a vexetación. Poñen entre 6 e 10 ovos.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar

  1. BirdLife International (2012). "Anas falcata". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 26 November 2013.