Deíxe
(Redirección desde «Anaforese»)
A deíxe fai referencia á localización e identificación dos elementos extralingüísticos cuxa interpretación pode variar dependendo de determinados factores que forman parte do contexto. Póñense en relación as persoas, obxectos, eventos, procesos e actividades das que se fala ou ás que se alude, co contexto espazo-temporal creado e sostido pola enunciación.
- A deíxe persoal refírese ao papel que desempeña un participante. Adoitan aparecer mediante pronomes e determinantes (eu, nós, noso, o meu, meu, meus...).
- A deíxe temporal é un referente temporal en relación cun momento en particular que adoita ser o instante en que se articula a mensaxe. Xeralmente aparece mediante adverbios (onte, hoxe...).
- A deíxe espacial sitúa un participante no espazo e indica proximidade ou afastamento. Adoita aparecer a través de adverbios (aquí, alá...) e demostrativos (ese, aquela...).
- A deíxe social refírese ás formas de tratamento en relación coa cortesía (uso de «vostede» en contraste coa expresión «ti»).
Á deíxe tamén se lle pode chamar "forese" (adx. fórico). Se ben a forese implica unha referencia por parte dunha unidade lingüística a outra ou outras unidades lingüísticas, ben situadas previamente (anaforese, anafórico) ou despois (cataforese, catafórico); cf. anáfora e catáfora.
Exemplos
editar- Este gústame, aquel encántame, aqueloutro marabíllame. Obsérvese como o demostrativo ten valor deíctico e fai referencia á realidade extralingüística situando os obxectos en relación ó acto de fala: O primeiro dos obxectos está no ámbito do emisor, os outros dous distantes de emisor e receptor (a voz adecuada para indicar proximidade ó interlocutor é ese)