A pega sobre o cadafalso

pintura de Pieter Brueghel o Vello

A pega sobre o cadafalso (en neerlandés, Ekster op de Galg) é unha obra do pintor flamengo Pieter Brueghel o Vello. É un pequeno óleo sobre táboa, practicamente cadrada, pois mide 45,9 cm x 34 cm. Exhíbese actualmente no Museo estatal de Hesse (Hessisches Landesmuseum) de Darmstadt, Alemaña. Data do ano 1568.

A pega sobre o cadafalso
ArtistaPieter Brueghel o Vello
Data1568
TécnicaÓleo sobre táboa
Dimensións34 cm × 45,9 cm
LocalizaciónMuseo estatal de Hesse (Darmstadt, Alemaña Alemaña)

Análise editar

O cadro presenta un claro no bosque onde hai tres campesiños danzando música de gaitas, xunto a unha forca sobre o que está pousada unha pega. O cadafalso álzase no centro do cadro, dividíndoo en dous partes, unha composición manierista co lado dereito máis «aberto» e o esquerdo máis «pechado», coa pega preto do centro exacto do cadro.[1] O cadafalso parece formar un «obxecto imposible», parecido a un triángulo de Penrose, coas bases dos postes plantados de maneira aparente un xunto ao outro, pero co lado dereito do membro da cruz retrocedendo cara ao fondo, e unha iluminación contraditoria.

Outra pega aséntase sobre unha roca na base do cadafalso, preto do cranio dun animal. As únicas persoas ocupan a parte esquerda do primeiro plano: un home defeca nas sombras á esquerda, mentres que outros miran ao tres danzaríns. Á dereita álzase unha cruz cun muíño de auga detrás. O fondo ábrese a unha vista dun val fluvial, cunha cidade á esquerda e un castelo sobre un promontorio rochoso por riba, e unha torre noutro afloramento rochoso á dereita, e outeiros afastados e o ceo por detrás. Tras os danzaríns álzanse dúas árbores entrelazadas, un motivo usado por Brueghel nun debuxo anterior de osos xogando nun bosque. A impresión de profundidade lógrase pola progresión dos tons castaños densos que dominan o primeiro plano, a través de tons medios verdosos na media distancia, até os azuis e grises claros do fondo.

A pintura de Brueghel creouse o ano posterior á chegada do Duque de Alba, aos Países Baixos españois, enviado polo rei español Filipe II para esmagar a rebelión holandesa. O cadafalso pode representar a ameaza de execución daqueles que predicaban a nova doutrina protestante, e a pintura pode aludir a varios proverbios flamengos. Hai unha alusión directa aos proverbios neerlandeses de bailar ou cagar sobre o cadafalso, o que significa unha burla ao estado.[2] Tamén alude á crenza de que as pegas son laretas, e que a murmuración leva ao aforcamento.[2] E que a maneira en que a forca destaca sobre prados amenos.[3]

Non se sabe por que ou para quen se pintou o cadro. A súa data de 1568 fai deste cadro un dos últimos de Brueghel antes de falecer en 1569; de feito, quizais sexa a súa obra final.[2] Brueghel pediu á súa esposa que queimase algúns dos cadros á súa morte, pero díxolle que conservase A pega sobre o cadafalso para ela mesma.[3]

Notas editar

  1. Early Netherlandish painting, Vol. 4 de Collections of the National Gallery of Art Systematic Catalogue, Cambridge University Press, 1986, ISBN 0894680935, p.32
  2. 2,0 2,1 2,2 Painting life: the art of Pieter Bruegel, the Elder, Robert L. Bonn, 2006, ISBN 1884092128, p.106
  3. 3,0 3,1 The Last Flowering of the Middle Ages Arquivado 13 de novembro de 2012 en Wayback Machine., Baron Joseph Van Der Elst, Kessinger Publishing, 2005, ISBN 1419138065, p.114

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar