A morte na literatura popular galega

A chegada da Morte

Locucións editar

  • Á morte: estar a piques de morrer.
  • A vida ou morte: facer algo con evidente perigo de morrer.
  • Aire de morto: crenza supersticiosa segundo a cal as persoas que vían un cadáver cando o levaban ó cemiterio, non tardaban en morrer tamén.
  • Aire dun defunto: denominación inespecífica para algúns defectos físicos ou taras
  • Antes a morte: expresión de rexeitamento de algo que se estima intolerable.
  • Arrincar a un dos brazos da morte: salvarlle a vida cando estaba a morrer.
  • Ata a morte: firmemente resolto, pase o que pase.
  • Axudar a ben morrer: auxiliar ó moribundo coas oracións apropiadas.
  • Batallar coa morte: estar morrendo, agoniar.
  • Busca-la morte: facer voluntariamente certas cousas que poden representar grave perigo.
  • Caer na cova: recibir sepultura, ser enterrado.
  • Caer redondo: caer repentinamente ó chan, morto.
  • Caerlle a facha a alguén: dise de quen está a piques de morrer.
  • Calado (caladiño) coma un morto, coma un defunto, coma un defuntiño: estar moi calado, sen dar fala.
  • Chamar Deus a un: morrer. Tamén, chamouno Deus pra si.
  • Como quen fala cun morto: frase de resignación ante non contesta ou non fai caso ningún.
  • Dar morte: matar a alguén.
  • De mala morte: loc. adxectiva que expresa un valor mínimo, desprezable.
  • De morte: implacablemente, con ferocidade.
  • Deus te aparte do día das gabanzas: aplícase ó día da morte, momento no que só se reciben loanzas.
  • Estar á morte: estar un enfermo en estado crítico.
  • Estar baixo os terróns": estar morto.
  • Estar comendo pedra.
  • Estar comendo terra: dise da persoa que morreu e está enterrada.
  • Estar entre a vida e a morte: estar en inminente risco de morrer.
  • Estar gozando de Deus: estar xa morto e, supostamente, no ceo.
  • Estar ó pé da morte: estar un enfermo en estado crítico.
  • Estar pensando na morte da becerra: non estar atento ó que se di ou se fai, estar absorto noutros pensamentos. Tamén, estar pensando na morte da burra.
  • Estar tan morto coma a miña avoa: frase despectiva ante algo pasado de moda e xa sen valor. Tamén ten o sentido directo, co que se asegura que unha persoa está morta.
  • Este ovo asado vai: aplícase a quen, por vello ou enfermo, está próximo a morrer.
  • Feito de mala morte: feito mal, de calquera forma, sen nincún coidado.
  • Feo coma a morte: extremadamente feo. Tamén Máis feo cá morte.
  • Frío coma a morte
  • Guerra a morte: sen dar cuartel.
  • Ir pra baixo do chan coma as teupas: frase que anuncia a inminente morte de alguén.
  • Ir pró ceo das teupas
  • Ir soltando o ferro: frase coa que se indica a decadencia física dun vello. Procede do feito de que cando unha roda do carro vai vella, perde os cravos e as lamias.
  • Ir garda-los pitos ó abade: morrer. Refírese á práctica de enterra-los mortos no adro da igrexa, próximo á casa reitoral.
  • Loitar coa morte: estar durante longo tempo en agonía.
  • Máis morto que vivo
  • ¡Máis valera morrer!: expresión ante unha desgraza irremediable e de graves consecuencias.
  • Morra o conto: frase para cortar unha discusión, forzando o paso a outro tema. Tamén se usa para pechar un trato.
  • Morrer á miñoca: morrer na máis absoluta miseria, de fame; tamén morrer á mioca. Aplícase tamén en vida, co significado de estar na maior pobreza, vivindo de pedir esmola polas portas, e corre tamén nas formas andar, vivir ou casar á miñoca ou á mioca.
  • Morrer adoecendo coma un can: morrer desesperado, padecendo moita dor.
  • Morrer coma un can: morrer un só e abandonado de familiares e amigos, sen que ninguén coide dun ou se compadeza del.
  • Morre-lo fogo: apagarse o lume.
  • Morrer vestido: morrer violentamente.
  • Morte en fóra: frase coa que se garante que se vai cumpri-lo compromiso adquirido, poñendo como única excepción a propia morte.
  • Non ha de morrer de cornada de burro: aplícase a quen toma excesivas precaucións, mesmo ante perigos inexistentes.
  • Non ser de morte: frase irónica ante un accidente ou enfermidade que non representa realmente ningún perigo grave.
  • Non ser morte de home: ser menor o dano do que se esperaba, non ser tan prexudicial como se temía.
  • Non ter aínda a tega chea: non ser aínda a hora de morrer.
  • Ó pé da morte: a punto de morrer.
  • Pan da morte: denominación xenérica de calquera cogomelo velenoso. Tamén pan da zorra e pan do demo.
  • Paxaro da morte: denominación xenérica de calquera ave rapaz nocturna. Adoita usarse, por se-las máis comúns, ó moucho ou á curuxa.
  • Pena de morte: a pena capital.
  • Pola morte que debo a Dios: expresión coa que se reafirma a veracidade do que se asegura.
  • Ser bo para [ir] busca-la morte: frase irónica que se aplica a quen tarda demasiado en facer un encargo que implica certa dilixencia.
  • Ser tan certo como que temos que morrer: frase coa que se acredita que o que se di é absolutamente verídico.
  • Sofrir morte e pasión: sentirse moi contrariado, atormentado, violento.
  • Subir ó ceo: morrer, aplicado especialmente ós meniños.
  • Tardarlle a un a brosa: dise do vello acabado próximo á morte. A brosa é a machada.
  • Ver a morte ós ollos: atoparse nunha situación de extremo perigo.
  • Ver a morte preto
  • Volver un da morte á vida: recuperarse con ben dunha grave enfermidade.

Refraneiro editar

  • A morte a ninguén perdoa.
  • A morte a todos iguala.
  • A morte a uns dá boa e a outros mala sorte.
  • A morte bárreo todo.
  • A morte é boa cando certamente é mala.
  • A morte é fonte da vida: morren uns pra que outros vivan.
  • A morte é tan certa como a vida é incerta.
  • A morte, nin buscala nin temela.
  • A morte non veña, que achaque non faltará.
  • A morte por todo morde.
  • A morte sempre ten desculpa.
  • A morte tódalas cousas iguala.
  • A morte todo o atalla.
  • A morte todo o descompón.
  • A mortos e a idos non hai amigos.
  • Á muller que ruín sexa, dúas tundas: unha para que Deus vaia vela, outra para que a ver a Deus vaia ela.
  • A pena do morto chega ó horto.
  • A quen morte allea desexa, a súa lle chega.
  • A raíz de anciana todo sanda, menos o mal da morte que é moi forte.[1]
  • A Santo André de Teixido vai de morto o que non foi de vivo.
  • Achaque quer a morte.
  • Achaque quer a morte, non sabe de que sorte.
  • Alifaces quere a morte, mais chegar chega sen sorte .
  • Amor e morte, nada máis forte.
  • Andade a dicir verdades e morreredes nos hospitais.
  • Antes morrer que deixarse matar.
  • Antes morte que vergonza.
  • Ata a morte, pé forte.
  • Ata a morte ten vicio.
  • Ata a morte, tente forte.
  • Ata a morte, todo é vida.
  • Ata morrer, todo é vivir.
  • Ata a sepultura, a carne dura non é segura.
  • Ben veñas, morte, se vés soa.
  • Cabalo á carreira, sepultura aberta.
  • Cada pobre enterra o seu pai como pode.
  • Cada un enterra a seu pai como pode.
  • Cando a ver un enfermo moitos médicos van alporízase o sancristán, porque é sinal de ¡din! ¡dan!.
  • Cando menos se pensa, a morte chega.
  • Cando morras, acabouse.
  • Cando o neno endenta, a morte tenta.
  • Cando o vello empeza a inchar e o novo a fraquear, sinal de logo marchar.
  • Cando o vello non poida beber, pódenlle a cova facer.
  • Cando se chama á morte e non vén, é que a súa razón ten.
  • Casa nova, dono morto.
  • Casar e morrer, á última hora.
  • Casar e morrer, todo á vez.
  • Casar e morrer, unha vez.
  • Catarro, casamento, cagarreira e caída, catro ces que quitan ó vello a vida.
  • Catro cousas levan ó vello á sepultura: cunha caída, unha pulmonía, casar cunha muller nova e unha cagarría.
  • Ceas, penas e soles, matan ós homes.
  • Cen anos hai que morreu, e aínda hoxe a vella chora.
  • Coa morte todo se acaba.
  • Coa morte todo se esquece.
  • Coa morte todo se vai.
  • Comamos, bebamos e runfemos, que ó cabo de morrer temos.
  • Con aceitonas e pan quente, mórrese a xente.
  • Con pan ou sen pan, o que non morra vivirá por san Xoán.
  • Contigo me enterren, que ben me entendes.
  • Contra a morte non hai casa forte.
  • Contra a morte non hai home forte.
  • Contra a morte non hai medio, pero a morte é un remedio.
  • Corazón forte, ó seu dono leva á morte.
  • Da fame non morre ninguén, de moito comer, máis de cen.
  • Da morte non se escapa nin o rico nin o pobre, nin o rei nin o Papa.
  • Dálle tres figas á morte se mexas claro, cagas duro e peideas forte.
  • Dálle verzas en agosto se queres ver ó teu home morto.
  • Das grandes ceas están as sepulturas cheas.
  • De fame non morre ninguén; de moito comer, máis de cen.
  • De morrer ninguén se escapa, nin o rei nin o Papa.
  • De morte é sinal o non querer sandar.
  • Déanos Dios pacencia, e morte sin penitencia.
  • De facer testamento, faino a tempo.
  • Despois de morrer, campanas por gaitas.
  • ¡Deus dea que facer!... Dicía o enterramortos.
  • Deus nos libre do día das alabanzas.
  • Deus perdoe ós mortos e con saúde ós enterremos.
  • Duro é non ter que comer, pero máis duro é ter que morrer.
  • Ende morrendo, acabouse todo.
  • Engordar, pra morrer.
  • Enterro sin choros e romaría sin gaita, non teñen gracia.
  • Espantouse a morte da aforcada cando a viu tan esguedellada.
  • Está a vella morrendo e está deprendendo.
  • Está un morrendo e está deprendendo.
  • Estase a vella a morrer e aínda está por deprender.
  • Este labor feito vai, dixo o que enterraba á muller.
  • Fidalgo probe, na palla morre.
  • Gori, gori, enterremos a este pobre, e se non ten diñeiro, enterrémolo no palleiro.
  • Hai que saber con quen se gastan os cartos, moita cera cun ruín defunto é un atraso.
  • Home honrado, antes morto que aforcado.
  • Home morto, non come pan.
  • Home morto, non dá fala.
  • Home morto, non fai guerra.
  • Home morto, non fala.
  • Home morto, non gana soldo.
  • Home morto, non pide rezos e responsos.
  • Home vello e muller nova, deica a cova.
  • Leite de cabra e leite de burra danse camiño da sepultura.
  • Maio me molla, maio me enxuga, maio me leva á sepultura.
  • Máis matan ceas que guerras.
  • Máis val morrer que mal vivir.
  • Máis vale cheirar de vivo a merda que de morto a incenso e cera.
  • Máis vale de vivo cheirar a touro, que de morto a ouro.
  • Mal alongado, morte no cabo.
  • Mal de morte ó meu home lle cae en sorte.
  • Mala morte mate á morte.
  • Mordedura de alacrán: busca viño e busca pan, que mañá te enterrarán.
  • Morra Marta, morra farta.
  • Morran outros e vivamos, e con saúde os enterremos.
  • Morre o rei e morre o Papa; e de morrer ninguén escapa.
  • Morrer por morrer, morra meu pai que é máis vello
  • Morte de pai, casa non desfai, pero si morte de nai.
  • Morte de sogra e dor de nora, máis por dentro que por fóra.
  • Morte duns é vida de outros.
  • Morte duns, esterco doutros.
  • Morte e venda desfai renda.
  • Morte non veña que achaque non teña.
  • Morto o burro, cebada ó rabo.
  • Muller morta, sete á porta.
  • Mulleres e malas noites matan ós homes.
  • Na sepultura amolece a carne máis dura.
  • Nin morte sin pranto, nin voda sin canto.
  • Ninguén morre ata que Deus quer.
  • Ninguén morre tan probe, que máis probe non nacese.
  • No enterro, os achegados, e nas honras, os convidados.
  • No nacer e no morrer todos iguais temos que ser.
  • Non é mala morte cando fai o que debe o que morre.
  • Non é o mesmo morrer, que ver morrer.
  • Non hai como morrer pra coñecer a morte.
  • Non hai como morrer pra que gaben a un.
  • Non hai morte que veña, que achaque non teña.
  • Non hai ninguén tan pobre que ó morrer non lle sobre.
  • Non hai voda pobre nin mortuorio rico.
  • Non se me dá nada, que en morrendo en todo se acaba.
  • Non veña a morte, que achaque non ha faltar.
  • Novo que morres, ¡vello que esperas!
  • Nun ano morre a vella ou quen a leva.
  • Nunca mellor morre o home que cando máis quer vivir.
  • Ó cabo morrer, e a chave na porta.
  • O caldo de galiña, ós mortos resucita.
  • O día que te cases, ou te curas ou te matas.
  • Ó enfermo purgádeo, sangrádeo, acochádeo, e se morre, enterrádeo.
  • O erro do médico, a terra o tapa, o do avogado, o diñeiro o sanda.
  • Ó escudeiro rico mórreselle a muller como a calquera veciño.
  • O home que incha, se é mozo sanda, e se é vello, na cova rincha.
  • O home que inchar, se for vello para morrer, se mozo para sandar.
  • O loito do morto non chega ó suarego do horto.
  • O mal da morte ninguén o entende.
  • O mal da morte non ten cura.
  • O mozo logo pode morrer, pero o vello pouco pode vivir.
  • O mozo mirrar e o vello engordar é pouco durar.
  • O mozo pode morrer, mais o vello non pode vivir.
  • O que a ferro mata, a ferro morre.
  • O que cede o seu antes que morra, merece na cabeza unha porra.
  • O que dá o que ten antes de que morra, merece que lle dean cunha cachiporra.
  • O que dá o que ten antes de que morra, que lle dean cachiporra.
  • O que enferma para morrer, ningún remedio lle pode valer.
  • Ó que ha morrer ás escuras, non lle importa ser cereiro.
  • O que ha morrer ás escuras, pra nada quer candil.
  • O que ha ser pobre, nunca rico morre.
  • O que mal nos queira que no ceo nos vexa.
  • Ó que morre, entérrano.
  • O que no leite se mama, na mortalla se derrama.
  • O que non mata, engorda.
  • O que non se alaba, de ruín morre.
  • Ó que por consello do demo se dá morte, Santiago a vida lle devolve.
  • O que ten quen o chore, tódolos días morre.
  • O que vive de recordos, vive entre os mortos.
  • O que vive pobre e morre rico, é ben borrico.
  • O vello que incha, na cova rincha.
  • Onde hai morte, hai mala sorte.
  • Onde hai morte, non hai boa sorte.
  • Onde hai morte, non hai mala sorte.
  • Onte morreu el, e xa ela casarse quer; ¡ai do que ten que morrer!
  • Os enfermos cúranse nos libros e mórrense nas camas.
  • Pagar e morrer, á última hora.
  • Pai morto, fillo herdeiro.
  • Pan quente e viño forte, ó vello danlle morte.
  • Para o amor e a morte non hai cousa forte.
  • Paxel que moito se lava e home que moito se cura, pouco duran.
  • Picadura de alacrán, chama cura e sancristán.
  • Picadura de denociña, busca cura e campaíña.
  • Por eso morreu Pepiño, por beber auga en vez de viño.
  • Por unha vella que morreu, cen anos de pestilencia
  • Pra a morte non hai casa forte.
  • Pra a morte non hai home forte.
  • Pra a morte non hai remedio cando veña, senón estarricar a perna.
  • Purgádeo, sangrádeo, coidádeo, e se morre, enterrádeo.
  • Que morrer hemos, ben o sabemos.
  • Que non morran as vacas, que os homes hainos a manadas.
  • Queiramos ou non queiramos, pra morrer nacemos.
  • Quen a morte de outro agarda, longa corda desata.
  • Quen do alacrán está picado, cóidase medio enterrado.
  • Quen en maio non merenda, ós mortos se encomenda.
  • Quen está a pucheiro, anda a tratos co sepultureiro.
  • Quen máis non pode morrer se deixa.
  • ¿Quen morreu? Quen pan comeu e viño bebeu.
  • Quen non teme á morte non é home forte.
  • ¡Quen te desfai casa forte!, a morte.
  • Quen teme á morte non desfruta da vida.
  • Quen vive de recordos, vive entre mortos.
  • Rapaz que vela e vello que dorme, sinal é de morte.
  • Sabemos da morte, máis non sabemos de que sorte.
  • Se a morte non nos para o carro, todos teremos un camiño andado.
  • Se a pizma de liñaza non cura, ¡chama ao cura!.
  • Se en xaneiro tose o neno, non teñas medo; se tose no mes da sega, pode ir pra terra.
  • Se han de morrer dous que morra un.
  • Se morremos, pra eso nacemos.
  • Se ó vello lle quitan a pinguiña e mais a cociña, que o enterren axiña.
  • Se os dores non matasen, ningún dor sería grave.
  • Se queres facer testamento, faino antes de estar enfermo.
  • Se queres ó teu marido matar, dálle verzas por san Xoán.
  • Se queres ver á túa muller morta, dálle a comer samborga.
  • Se te morde a donicela, busca camisa para a terra.
  • Se te morde a donicela, busca viño e busca vela, que mañá che darán terra.
  • Se te morde a salamántiga, que che fagan logo a cama.
  • Se te morde o alacrán, busca cura e sancristán, que mañá te enterrarán.
  • Se te morde un alacrán, busca viño e busca pan, sacerdote e sancristán, quen mañá te enterrarán.
  • Se te morde un alacrán, garda viño e garda pan, que mañá te enterrarán.
  • Se te morde un alacrán, tres días comerás pan.
  • Se te morde un alacrán, xa non comerás máis pan.
  • Se te pica un alacrán, chama crego e sancristán.
  • Se te pica un alacrán, tres días comerás pan.
  • Se te roe un alacrán, busca a cera e mais o pan, e se te roe a adelouciña, búscaos aínda máis axiña.
  • Se te roe un alacrán, busca viño e busca pan, e mais crego e sancristán, antes hoxe que mañá, pois logo te enterrarán.
  • Se tiveras a túa casa a arder, a túa muller a morrer, e no teu cu un abilleiro, ¿a quen acudirías primeiro?
  • Saiba o home: morre o rico e morre o pobre.
  • Tanto morre o Papa como o que non ten capa.
  • Tanto ó rico coma ó pobre, dándolle a da morte, morre.
  • Terás moita sorte se Deus cha dá, e morrerás de vello se chegas alá.
  • Testamento non é enterramento, pero é presentimento.
  • Todo está ben se a morte non vén.
  • Todo ten remedio menos a morte.
  • Todo vai ben, se a morte non vén.
  • Unha boa morte é a mellor sorte.
  • Unha hora pra morrer non ha faltar.
  • Vai a vella morrendo e vai deprendendo.
  • Val máis deixar na morte ó inimigo, que pedir na vida ó amigo.
  • Val máis morte calada, que pública desventura.
  • Vale máis que digan Aquí correu ca Aquí morreu.
  • Vello que fai voda, cava sen querer a súa cova.
  • Vello que incha, logo rincha.
  • Vello que incha, na cova desincha.
  • Vén a morte e non se sabe de que sorte.
  • Vida sen amigos, morte sen testigos.

Cantigueiro editar

  • Casarei convosco vello,/ ha de ser con tal partido/ que ou habés de morrer logo/ ou vos han d'enterrar vivo.
  • Eu ben vin estar a morte/ comendo unha piña de uvas;/ vaite de aí, morte negra,/ desamparo das viudas.
  • Eu ben vin estar a morte/ no monte comendo abrulas/ ¡Vai de aí, morte pelada!/ ¡Desamparo de viudas!
  • Eu ben vir estar o moucho/ comendo un racimo de uvas;/ marcha de ehí, morte negra,/ desamparo das viudas.
  • Entón era eu, que andaba na danza;/ non sei que me deu, non sei que me deu,/ nin que me daría,/ que dispois do baile coidei que morría.
  • Indo para Santiago,/ doume a morte no camiño;/ deixo dito que me enterren/ na cama do meu veciño.
  • Indo para Santiago,/ doume a morte nunha eira;/ deixo dito que me enterren/ na cama da costureira.
  • Miña sogra morreu onte,/ deixoume o caldo na ola,/ vámonos comendo o caldo/ quen se morreu, que se morra.
  • Sabe Dios d’hoxe nun ano/ donde estará o meu corpo,/ ou eiquí ou noutro lado,/ ou na sepultura morto.

Notas editar

  1. A anciana é a xenciana, afamada herba medicinal.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar