Coordenadas: 2°11′30″N 102°15′01″L / 2.19161667, 102.25030556

A Famosa é unha fortaleza construída polos portugueses na cidade de Malaca en 1511 despois de capturar a cidade unha frota desa nacionalidade baixo a dirección do gobernador da India portuguesa Afonso de Albuquerque. A Famosa está sita en Bandar Hilir, próxima ao palacio do sultán de Malaca e á igrexa de San Paulo, é a mostra arquitectónica europea máis antiga de Asia. Todo o que queda da Famosa é a Porta de Santiago.

O plano da Famosa en 1630 durante os últimos anos de dominio portugués.

Fortaleza portuguesa editar

Unha vez conquistada Malaca os portugueses empregaron traballadores forzados para construíren unha fortaleza no lado sur da desembocadura do río que os defendese dun posible ataque dos malaios e para convertela nun bastión que asegurase o control portugués do comercio das especias e como porto estratéxico na ruta cara ao sur da China e o Xapón, a fortaleza que se levantou con materiais procedentes das ruínas da Gran Mesquita e outros edificios destruídos no ataque portugués, tardou cinco meses en rematarse. Debido ás altas temperaturas e á falta de alimentos morreron moitos dos traballadores.

A Famosa ou formalmente Fortaleza de Malaca construíuse con espesas paredes de entre 2.5 e 4.5 metros, con catro grandes torres, a maioría da poboación vivía en casas nesa cidadela portuguesa que xurdiu intramuros. A partir de 1586, co aumento da poboación, ampliouse a fortaleza en tódalas direccións incluíndo dentro dos seus muros os outeiros próximos transformado á antiga cidade nunha verdadeira cidade, con cinco igrexas, capelas, conventos, hospital e o palacio do gobernador e o bispo, a súa superficie incluía Jalan Kota, Jalan Gereja, Jalan Mahkamah e Jalan Istana.

 
A Porta de Santiago é todo o que queda da antiga fortaleza de Malaca.

Fortaleza holandesa editar

A Compañía Holandesa das Indias Orientais estábase facendo co control comercial e político da área desde comezos do século XVII, e a cidade de Malaca era clave para o control do estreito de Malaca e do comercio das especias, o primeiro intento serio de facerse coa cidade foi en 1606. A fortaleza de Malaca mantívose como o último bastión portugués na zona e como un poderoso obstáculo que lles impedía os holandeses teren a hexemonía no estreito, finalmente tras un asedio de cinco meses caeu nas mans holandesas o 14 de xaneiro de 1641. Os holandeses repararon os danos que sufrira A Famosa durante o asedio, incluída a única porta que sobrevive, na que colocaron en 1670 un baixorrelevo co escudo da Compañía.

Fortaleza británica editar

Cando o exército de Napoleón invadiu os Países Baixos en 1795, o príncipe Guillerme de Orange fuxiu a Londres e aceptou que o exército británico entrase nas súas posesións para evitar que caesen en mans de Francia. Consecuentemente, os británicos fixéronse co control de Malaca, en 1795, sen unha batalla co compromiso de devolverlla aos holandeses despois da guerra, pero os británicos decidiron destruír A Famosa polo perigo que podería supoñer para as posesións británicas se caía en mans dos franceses. O 10 de agosto de 1807 comezou o traballo de demolición da fortaleza, permanecendo en pé tan só unha das portas da cidade, a coñecida como Porta de Santiago.

Achados arqueolóxicos editar

 
Reconstrución dunha das torres da Famosa.

A finais de novembro de 2006 atopouse accidentalmente durante a construción dunha torre parte da estrutura da fortaleza, posiblemente construída polos holandeses.

Bibliografía editar

  • Donald B. Freeman The Straits of Malacca: gateway or gauntlet?, 2003 ISBN 0-7735-2515-7
  • Geoffrey Parker The military revolution: military innovation and the rise of the West, 1500-1800, 1996 ISBN 0521479584