A Cervela, O Incio
San Cristovo da Cervela é unha parroquia do concello do Incio na comarca de Sarria, na provincia de Lugo. Segundo o IGE en 2011 tiña 114 habitantes, deles 51 eran homes e 63 eran mulleres, o que supón unha diminución en relación ao ano 2006 cando tiña 118 habitantes. Segundo o INE en 2017 eran 104 (56 mulleres e 48 homes), dous menos que en 2016. En 2018 baixaron a 97 (54 mulleres, 33 homes).
A Cervela | |
---|---|
![]() Igrexa de San Cristovo da Cervela. | |
Concello | O Incio[1] |
Provincia | Lugo |
Coordenadas | 42°42′13″N 7°28′51″O / 42.703630555556, -7.480775Coordenadas: 42°42′13″N 7°28′51″O / 42.703630555556, -7.480775 |
Poboación | 97 hab. (2018) |
Entidades de poboación | 10[1] |
[ editar datos en Wikidata ] |
ToponimiaEditar
O topónimo Cervela ten que ver cun nome de muller teriomórfico (forma de animal salvaxe), Cervella, diminutivo de cerva[2].
PatrimonioEditar
Festa de Santa LucíaEditar
A festa da Santa Lucía celebrábase na Airexe da Cervela no seu propio día, o 13 de decembro, mais as chuvias e neves propias do inverno levaron ao seu traslado, desde hai xa ben anos, ao último domingo e de agosto. Nos últimos tempos tamén se fai refesta o luns e volve saír a procesión[3].
Despois da misa solemne sae a procesión dos danzantes desde a igrexa ata o cruceiro. As imaxes da procesión van todas elas (agás a Virxe) cubertas con arcos revestidos de flores e motivos vexetais. Saen por esta orde:
- Santo Antonio, imaxe pequena, levan as andas catro cativos con panos tradicionais.
- San Roque, levan as andas catro homes con panos tradicionais.
- San Cristovo, o patrón da parroquia, levan as andas catro homes con panos tradicionais.
- Santa Lucía, a santa do día da festa, levan as andas catro homes con panos tradicionais.
- A Virxe do Rosario, levan as andan catro mozas co traxe tradicional e preferiblemente solteiras.
Os danzantes son catro homes (xa ten danzado algunha muller) con arcos revestidos de flores e vestidos con roupas de cores. O característico é unha forma de danza que foi pasando de pai a fillo desde os tempos antigos e que se mantén sen cambios[4]. Os mozos bailan en zig-zag en torno á Virxe do Rosario durante a xira[5]. Bailan e fanlle as benias á Virxe, a de maior importancia, e non á Santa Lucía malia ser esta a protagonista da festa. Tamén dan unha volta arredor dos outros tres santos.[6]
Dise que esta procesión dos arcos ten máis de cincocentos anos e que facilmente estea relacionada con antigos ritos de agradecemento na recollida das colleitas. Tamén que é única no interior de Galicia. O Algúns autores queren ver nesta danza semellanzas histórico-formais coa pedra “danzaín” que existe nun baixorrelevo de Santalla de Bóveda (Lugo)[7].
Sempre tivo moitos devotos porque a Santa é moi avogosa para os problemas da vista. Son moitas as esmolas, e é tradición que se destinen á axuda na organización da festa.
A festa do San RoqueEditar
Ademais da Santa Lucía na Airexe tamén é de interese a capeliña e a celebración do San Roque no monte da Penela[8] o 16 de agosto. Esta tradicional festa deixou de celebrarse nos últimos anos, era só festa relixiosa. O San Roque é moi avogoso para curar os animais, polo que tiña moitos devotos. Subían ata a capela cargados cun saco de centeo que lle botaban por enriga da cabeza á imaxe do santo depositada no chan á entrada da igrexa. Logo collían un par de cuncas dese gran xa bendito polo santo e gardábano para remedios dos animais ao longo do ano.
Tamén era moi típica a procesión do San Roque por unha cosgostra ata unha poza de auga próxima que bendicía o cura e logo bebían os presentes desa auga.
A igrexaEditar
A igrexa é de orixe románica do século XII e conserva importantes elementos dese período aínda que sufriu moitas reformas e alteracións posteriores. O cabido ou adro da entrada estaba unido á igrexa pero foi separado porque metía moita humidade. A espadana e a sancristía son do século XVIII. No interior consérvanse en mal estado varias pinturas murais do século XVI. No teito do adro aínda se converva en 2017 unha especie de padiola ou camiña de madeira (chamada tumbón pola veciñanza) para transportar os corpos de falecidos ou feridos de gravidade.[9]
Tamén era de grande valor unha grande cruz procesional de prata desaparecida no último terzo do século XX. Era unha cruz de 94x54 cm, lobulada, con forma exagonal e relevos nas dúas caras. Foi adquirida en 1605 polo padre don Men Rodrigues vendendo rendas dun foro en Canedo que foran deixados polos señores de Castragude para a igrexa parroquial[10].
Galería de imaxesEditar
- Artigo principal: Galería de imaxes do Incio.
Ventá no muro oriental da ábsida
Lugares e parroquiasEditar
Lugares da CervelaEditar
Lugares da parroquia da Cervela no concello lucense do Incio | |
---|---|
Abeledo | Airexe | Castragude | A Cervela | Fruxil | Noilán | A Pedragosa | Penaxubeira | A Penela | A Poza | Seixas |
Parroquias do IncioEditar
NotasEditar
- ↑ 1,0 1,1 Decreto 6/2000, do 7 de xaneiro, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia de Lugo.
- ↑ Ares Vázquez, Nicandro (2013). Estudos de toponimia galega, tomo II. Real Academia Galega. ISBN 978-84-87987-85-4.
- ↑ "Danza de arcos na Cervela o Incio". ctrvg.es. Consultado o 03/09/2018.
- ↑ Alonso, Rita C. (28/08/2018). "A Cervela Baila como hai cinco séculos". El Progreso.
- ↑ "Santa Lucía 2016 Cervela (Vídeo)". Consultado o 09/08/2017.
- ↑ "Las fotos de la danza tradicional de las fiestas de A Cervela (O Incio)". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 2022-08-29.
- ↑ "Cultura e turismo: festas". Concello do Incio. Consultado o 04/05/2017.
- ↑ "Devoción popular na parroquia de S. Cristovo da Cerbela". Galicia Dixital. Consultado o 04/05/2017.
- ↑ "Viejos tesoros de A Cervela". La Voz de Galicia. Consultado o 04/05/2017.
- ↑ López Pombo, Luís (2003). O incio, paisajes, historia y patrimonio. Diputación Provincial de Lugo. ISBN 84-8192-223-4.