2,4,5-T
O ácido 2,4,5-triclorofenoxiacético (2,4,5-T) era un herbicida foliar amplamente empregado ata finais dos anos setenta. Mentres que o 2,4,5-T, en si mesmo, é de toxicidade moderada o proceso de fabricación contamina este produto con cantidades traza de 2,3,7,8-tetraclorodibenco-p-dioxina (TCDD). A TCDD, dioxina, é extremadamente tóxica. Con control apropiado da temperatura durante a fabricación do 2,4,5-T, os niveis de TCDD poden baixarse a niveis de 0,005 ppm. Antes de que os riscos do TCDD fosen coñecidos as instalacións de produción carecían dos controis apropiados. Avaliacións posteriores das primeiras producións de 2,4,5-T atoparan ata 60 ppm de TCDD.
O 2,4,5-T foi retirado do seu uso nos Estados Unidos en 1983 época na que a preocupación pública polas dioxinas era alta. Outros produtos químicos que potencialmente causaban contaminación por TCDD tamén foron retirados, pentaclorofenol incluído (un conservador da madeira) e PCBs (amplamente usados como estabilizadores dos aceites que refrixeran os transformadores eléctricos). Algúns opinan que retirar o 2,4,5-T non foi unha decisión acertada pois foi substituído en gran parte polo dicamba e o triclopir.
O 2,4,5-T era un dos compoñentes do axente laranxa. O axente laranxa era unha mestura de herbicidas usada polos militares dos EEUU na guerra de Vietnam, entre xaneiro de 1965 e abril de 1970, como defoliante para impedir que as tropas do Vietcong se ocultaran na espesura da selva e facer visibles as súas liñas de aprovisionamento. Era unha mestura de 2,4,5-T, 2,4-D e picloram. Debido á alta contaminación por dioxinas, TCDD, no compoñente 2,4,5-T (presente nos lotes desta substancia proporcionados por un dos seus fabricantes, debido ó proceso de produción que este fabricante empregaba), culpóuselle de serias enfermidades que apareceron en moitos soldados e na poboación local. O nome de axente laranxa provén da banda de cor laranxa usada polo exército nas barricas que contiñan o produto. Hai que indicar que había outras mesturas de auxinas sintéticas na guerra de Vietnam, en envases que foron coñecidos polas súas cores, tales como axente púrpura ou o axente rosa.