Şenol Güneş
Şenol Güneş, nado en Trebisonda o 1 de xuño de 1952, é un exfutbolista e adestrador turco. A súa carreira está estreitamente vencellada ao Trabzonspor, no que militou durante 15 anos como porteiro, na época máis gloriosa do club, co que gañou seis veces a Süper Lig e tres a Copa de Turquía. A súa importancia para o Trabzonspor é tal que o estadio do club leva o seu nome.[1] Tamén exerceu como adestrador do Trabzonspor en varias etapas, gañando dúas Copas de Turquía, pero os seus maiores logros como técnico foron levar a selección turca ata o terceiro posto no Mundial de 2002 e gañar dous títulos da Süper Lig co Beşiktaş.[2]
Şenol Güneş | |||
---|---|---|---|
![]() | |||
Información persoal | |||
Nome | Şenol Güneş | ||
Nacemento | 1 de xuño de 1952 | ||
Lugar de nacemento | Trebisonda | ||
Altura | 1,79 m. | ||
Posición | Porteiro | ||
Carreira xuvenil | |||
1967–1968 | Erdoğdu Gençlik | ||
1968–1969 | Sebat Gençlik | ||
1969–1970 | Trabzonspor | ||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
1970–1972 | Sebat Gençlik | 57 | (0) |
1972–1987 | Trabzonspor | 424 | (0) |
Selección nacional | |||
1975 | Turquía sub-21 | 3 | (0) |
1976–1987 | Turquía | 31 | (0) |
Adestrador | |||
1988–1989 | Trabzonspor | ||
1989–1990 | Boluspor | ||
1990–1992 | Boluspor | ||
1992–1993 | İstanbulspor | ||
1993–1997 | Trabzonspor | ||
1997–1998 | Antalyaspor | ||
1998–1999 | Sakaryaspor | ||
2000–2004 | Turquía | ||
2005 | Trabzonspor | ||
2007–2009 | Seoul | ||
2009–2013 | Trabzonspor | ||
2014–2015 | Bursaspor | ||
2015–2019 | Beşiktaş | ||
2019–2021 | Turquía | ||
Na rede | |||
![]() ![]() ![]() ![]() ![]() | |||
Partidos e goles só en liga doméstica. [ editar datos en Wikidata ] | |||
Traxectoria
editarComo futbolista
editarComezou a xogar ao fútbol no Erdoğdu Gençlik, entrando máis tarde na canteira do Trabzonspor. Subiu rapidamente ao primeiro equipo, no que xogou entre 1972 e 1987. Durante eses anos gañou seis veces a Süper Lig e tres a Copa de Turquía, formando parte do que a prensa turca chamou "Trabzonpor Efsanesi" (literalmente "A lenda de Trabzonspor"), xunto con outros xogadores como Turgay Semercioğlu, Necmi Perekli e Ali Kemal Denizci
Na tempada 1978/79 estableceu un récord na Süper Lig, ao manter a súa portería a cero durante 1.110 minutos.[3] Foi 31 veces internacional coa selección turca, sendo capitán en cinco partidos.
Como adestrador
editarA súa carreira como adestrador comezou no mesmo Trabzonspor, onde foi segundo adestrador antes de coller as rendas do equipo el mesmo en 1988. Nos seguintes anos adestrou o Boluspor e o İstanbulspor, antes de regresar ao Trabzonspor en 1993. Gañou a Copa de Turquía na tempada 1994/95, e na seguinte estivo a piques de gañar a Süper Lig, despois de liderar a táboa case toda a tempada, pero finalmente acabou segundo ao ser superado nas derradeiras xornadas polo Fenerbahçe. Ao ano seguinte o equipo disputou a Copa da UEFA, onde foi eliminado polo FC Schalke 04. Deixou o club pouco despois e dirixiu a continuación o Antalyaspor e Sakaryaspor.
No ano 2000 foi o elixido para adestrar a selección turca. Conseguiu a clasificación para a Copa do Mundo de 2002 e realizou unha destacada actuación no torneo, logrando o terceiro posto. Ese ano gañou o premio ao adestrador do ano da UEFA. Despois do Mundial, recibiu ofertas de Grecia, Brasil e España, pero preferiu continuar na selección. Foi destituído despois de non conseguir a clasificación para a Eurocopa de 2004.
Regresou ao Trabzonspor en xaneiro de 2005, asinando un contrato de tres anos e medio. Rematou a tempada como subcampión de liga, e a continuación deixou o equipo. En decembro de 2006, o FC Seoul, un dos principais clubs de fútbol da K League de Corea do Sur, anunciou a súa contratación a partir de 2007.[4] Estivo á fronte do equipo da capital surcoreana durante tres campañas, deixando o equipo a finais de 2009.
Regresou entón ao Trabzonspor para substituír a Hugo Broos, comezando así a súa cuarta etapa como adestrador do club. Na campaña 2010-11 o seu equipo liderou a táboa durante media competición pero volveu acabar subcampión. Despois do Trabzonspor, asinou co Bursaspor cun contrato dun ano. O Bursaspor terminou 6º lugar na Süper Lig 2014–15 e chegou á final da Copa de Turquía ese ano. En xuño de 2015 converteuse no novo adestrador do Beşiktaş. En 2016 levou o equipo ao seu 14º título (o primeiro desde 2009), e repetiu conquista no ano seguinte.[5]
O 28 de febreiro de 2019, anunciouse o seu regreso á selección de Turquía, 15 anos despois da súa anterior etapa, a partir do 1 de xuño de 2019.[6] Conseguiu a clasificación para a Eurocopa de 2020, pero non puido lograr ningún punto no torneo, quedando eliminado na fase de grupos.[7]
Vida persoal
editarGraduouse na Universidade Técnica de Karadeniz e deu clases nunha escola secundaria de Trebisonda entre 1978 e 1983.[8] El e a súa muller Semra teñen dúas fillas.
Palmarés
editarComo futbolista
editarTrabzonspor
- Süper Lig (6): 1975–76, 1976–77, 1978–79, 1979–80, 1980–81, 1983–84.
- Copa de Turquía (3): 1976–77, 1977–78, 1983–84.
- Supercopa de Turquía (6): 1976, 1977, 1978, 1979, 1980, 1983.
Como adestrador
editarTrabzonspor
- Copa de Turquía (2): 1994–95, 2009–10
- Supercopa de Turquía (2): 1995, 2010
Beşiktaş
- Süper Lig (2): 2015–16, 2016–17.
Notas
editar- ↑ "Trabzonspor, yeni stadında ilk maçına çıkıyor" (en turco). 28 de xaneiro de 2017. Consultado o 12 de xaneiro de 2022.
- ↑ "Besiktas clinch back-to-back Turkish titles" (en inglés). 28 de maio de 2017. Consultado o 12 de xaneiro de 2022.
- ↑ "Zoff v Buffon: who is Italy's all-time No1?". UEFA (en inglés). 12 de marzo de 2016. Consultado o 12 de xaneiro de 2022.
- ↑ "Gunes to lead FC Seoul" (en inglés). 12 de decembro de 2006. Consultado o 12 de xaneiro de 2022.
- ↑ "Beşiktaş retain Turkish league title". UEFA (en inglés). 28 de maio de 2017. Consultado o 12 de xaneiro de 2022.
- ↑ "Beşiktaş boss Şenol Güneş appointed Turkey national team coach" (en inglés). 28 de febreiro de 2019. Consultado o 12 de xaneiro de 2022.
- ↑ "Turquía pincha el globo de las expectativas ante Suiza y cae eliminada (3-1)" (en castelán). 20 de xuño de 2021. Consultado o 12 de xaneiro de 2022.
- ↑ "Ortaokul öğretmenliğinden futbolun zirvesine Şenol Güneş" (en turco). 12 de maio de 2016. Consultado o 12 de xaneiro de 2022.
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editar- Datos do xogador en Transfermarkt (en inglés).
- Datos do adestrador en Transfermarkt (en inglés).
- Datos do adestrador no sitio web da FIFA (en inglés). Arquivado dende o orixinal.