Xunta Suprema do Reino de Sevilla

AXunta Suprema do Reino de Sevilla foi unha institución creada en Sevilla o 27 de maio de 1808 ante a crise da Coroa de España durante a Guerra da Independencia española. O feito de que se autoproclamase Xunta Suprema de España e Indias causou certo malestar noutras Xuntas provinciais do Reino que se foron creando en días sucesivos polo presuntuoso nome. Porén, este nome deu unha imaxe de unidade e de Sevilla como a capital da España libre dos franceses. A Xunta sevillana tiña un periódico, a Gaceta Ministerial de Sevilla, onde daba conta da formación da Xunta e das súas actividades.

Francisco de Saavedra presidiu a Xunta Suprema de Sevilla durante a Guerra da Independencia.

Antecedentes editar

A comezos do século XIX un clima revolucionario reina en Europa despois da Revolución francesa. En 1807, Napoleón e Manuel Godoy, valido do rei Carlos IV de España, asinan o Tratado de Fontainebleau, mediante o cal se permitía que as tropas francesas pasaran por España para invadir Portugal. Pero unha vez instalado o exército francés en terras peninsulares, todo o mundo, até Godoy, foi consciente de que se trataba dunha invasión.

Relacións co Reino Unido editar

A Xunta decide enviar a Londres a Adrián Jácome, adepto ao duque de Kent, a ao xefe de escuadra, Juan Ruiz de Apodaca, para tratar de conseguir unha alianza cos ingleses. Ambos os dous saíron o 17 de xuño do porto de Cádiz no navío inglés A Vinganza. Así mesmo enviou a Cádiz a Eusebio de Herrera, Pedro de Creus e Enrique MacDonel para falar co almirante inglés Cuthbert Collingwood. Tamén se estudaría que Inglaterra axudara a evacuar aos soldados españois da Expedición española a Dinamarca, que foran enviados alí había uns meses para axudar a Napoleón. No barco A Vinganza ía tamén Rafael Lobo, ao que se lle deu a orde de pasar para o mar Báltico para intentar axudar ás tropas en territorio danés. A Xunta tamén enviou cartas a América para darlles conta ás autoridades da ocupación de España e a resistencia de Sevilla, antes de que Napoleón lles dera a súa versión dos feitos.[1]

Relacións con Portugal editar

O 1 de xuño a Xunta enviou a Portugal ao comerciante Joaquín Rodríguez para que convencera a portugueses relevantes para que se levantaran contra os franceses. E o 6 de xuño proclama a Declaración de Guerra al Emperador de Francia, Napoleón I. A encomenda do comerciante Rodríguez tivo éxito, xa que ao pouco tempo chegou a Sevilla o mellor rexemento español que había en Portugal. Os soldados españois que estaban acantoados no Porto, que aínda eran máis numerosos, partiron para Galicia, a instancias de Xunta Suprema galega. Os propios portugueses, seducidos por estas iniciativas, rebeláronse contra os franceses e enviaron a varios comisionados do Alentexo para tratar do asunto coa Xunta sevillana, a pedir axuda e a ofrecer ademais os numerosos postos defensivos que tiñan no Guadiana. A comezos de xullo chegarían boas noticias de Portugal. Todo o norte estaba en insurrección, e no Porto se formara unha Xunta a semellanza das españolas.[1]

Accións militares ao comezo de guerra da Independencia editar

Mentres, as tropas napoleónicas foron descendendo desde Madrid cara ao sur, e xa pasaran da Serra Morena. Entón a Xunta de Sevilla enviou forzas de infantaría e cabalaría ao comandante encargado de combater aos franceses por aquela parte, Pedro Agustín Echévarri. Ademais enviou un pequeno tren con artillaría e mulas cargadas de municións para a defensa de Andalucía. O exército español sería derrotado en Alcolea; a noticia chegou a Sevilla o 8 de xuño, xerando alarma entre a poboación. Porén, a Xunta de Sevilla continuou cos seus esforzos organizando tropas e medidas políticas. Decidiu enviar unha posta ao xeneral Castaños para que se apresurara para vir a comandar o seu exército. Castaños detivérase na localidade malagueña de Ronda para tratar asuntos de auxilio co gobernador británico de Xibraltar. Porén, o correo non foi necesario, porque cando foi a saír o correo xa chegara o xeneral a Sevilla e tratara co presidente da Xunta as operacións que ía levar a cabo; decidiron marchar ambos os dous a Carmona, que era o punto de partida de moitas tropas e onde debían reunirse todas elas. Nese momento reciben noticias de Cádiz sobre as accións contra a escuadra francesa de Rosilly. Tamén se presenta en Carmona James Withingham que, en nome do almirante Collingwood e o xeneral Spencer, ofreceu 6.000 ou 7.000 homes. Aínda que non se fixo uso deste ofrecemento, o xesto serviulle á Xunta de apoio moral.[1]

En Carmona estábase formando un exército de 24.000 homes e 2.000 cabalos. Porén, aínda non se xuntaran os suficientes para frear ás tropas de Dupont, que contaba con 18.000 homes. No Puerto de Santa María desembarcaran de 4.000 a 5.000 ingleses, que esperaban a seren máis para atacar Portugal. Escribíronse cartas para que foran interceptadas polo inimigo, facéndose correr a voz de que había un continxente de 14.000 a 15.000 ingleses en axuda dos españois. Posteriormente, uníronse ao exército corpos de Ronda, Cádiz e lanceiros de Xerez. O presidente da Xunta regresou a Sevilla o 14 de xuño, e informou aos seus membros de que o exército contaba xa con 18.000 homes.[1] Posteriormente, o groso das tropas españolas trasladouse a Utrera, onde se instalou o cuartel xeral. Pouco a pouco o exército foi ampliándose coa participación de homes procedentes de moitos municipios de Andalucía, como Ronda, Cádiz e Xerez da Fronteira.

O 14 de xullo chegou á Xunta de Sevilla un correo con noticias do exército. Este se agrupara en Bujalance e de alí marchou a Porcuna, onde o día 11 estaban reunidos todos os xenerais. Alí se incorporaron as tropas de Sevilla e as de Granada, formulouse o plan de ataque e distribuíronse os mandos. Tratábase dun exército de 32.000 homes.[1]

Cara a constitución dunha Xunta Suprema Central editar

O 16 de xullo a Xunta Suprema de Valencia redacta un manifesto no que solicita, a instancias do movemento xuntista, a creación dunha Xunta Suprema Central, uníndose á iniciativa que tomaran outros países europeos tamén invadidos polo emperador dos franceses.[2] Deste manifesto, ademais, cabe sinalar a chamada á súa constitución para poder recibir a axuda británica de maneira máis eficiente, o rexeitamento á participación das Xuntas locais e, en especial, o temor á independencia das colonias americanas.

Á Xunta sevillana chegaban noticias positivas de toda España: a Xunta de Asturias dicía que estaba organizando un exército de 20.000 homes ao mando do marqués de Santa Cruz, a Xunta de Valencia aseguraba que as súas forzas pasaban xa de 80.000 combatentes e a de Galicia dicía que estaba formando a fume de carozo un de 40.000 a 50.000 homes. En Cataluña, Aragón, Mallorca e Menorca tamén se organizou a resistencia.

O 15 de xullo chegou a Sevilla un comisionado da Xunta Suprema do Reino de Galicia informando que as Xuntas de Galicia, León e Asturias, reunidas en Lugo, declararon que estaban de acordo coa creación dunha capital política e de que se presentarían cos seus representantes no punto de reunión que se acordara. A de Sevilla contestou que estaba de acordo con ser o Corpo central proposto, e o comisionado de Galicia partiu para Córdoba, Granada e Murcia.[1]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Saavedra, Francisco de (ed. Manuel Moreno Alonso) (2011): La rebelión de las provincias en España. Los grandes días de la Junta Suprema de Sevilla, 1808-1810. Sevilla. Edicones Alfar. ISBN 978-84-7898-406-0.
  2. Circular de la Junta de Valencia solicitando la formación de la Junta Central Arquivado 24 de setembro de 2015 en Wayback Machine., Valencia, 16 de xullo de 1808.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Artola, Miguel (1977): La guerra de la indpendencia. Madrid: Espasa-Calpe. ISBN 978-84-670-2624-5.
  • Artola, Miguel (2008): La España de Fernando VII. Madrid: Espasa-Calpe. ISBN 978-84-670-2918-5.
  • Aymes, Jean-René (2009): La Guerra de la Independencia en España (1808–1814): calas y ensayos. Madrid: CSIC / Ediciones Doce Calles, S.L. ISBN 978-84-00-08858-3 (CSIC) / ISBN 978-84-9744-091-2 (Doce Calles). Google books.
  • Conde de Toreno (2008): Historia del levantamiento, guerra y revolución de España (1807-1814). Tomo I (1807-1808). Ed. de J. M. Martínez Valdueza. Astorga, León: Editorial Akrón. ISBN 978-84-936293-4-2. (A 1ª edición foi publicada en París, en 1851).
  • Moliner Prada, Antonio (ed.) (2007): La guerra de la independencia en España, 1808–1814. Nabla Ediciones. ISBN 978-84-935926-2-2.
  • Saavedra, Francisco de (2011): La rebelión de las provincias en España. Los grandes días de la Junta Suprema de Sevilla, 1808-1810. Sevilla. Edicones Alfar. ISBN 978-84-7898-406-0.
  • Sánchez Mantero, Rafael (2001): Fernando VII. Borbones, 6. Madrid: Arlanza. ISBN 84-95503-23-9.

Outros artigos editar