Western (cinema)

xénero cinematográfico

O western é un dos xéneros cinematográficos máis populares do cinema estadounidense. A palabra western, orixinariamente un adjectivo derivado de West (Oeste, en inglés), substantivouse para facer referencia ás obras, fundamentalmente cinematográficas, aínda que tamén literarias (véxase Novela do Oeste) e de banda deseñada (véxase Banda deseñada do Oeste, que están ambientadas no antigo Oeste estadounidense.

Imaxe tomada do filme Great train robbery (O gran roubo do tren).
John Wayne, unha das iconas do western, en The Searchers (1956).

En galego, western é un anglicismo, de amplo uso, aínda que non aceptado de momento polo Dicionario da Real Academia Galega, polo que debe escribirse sempre en cursiva, como se fai con todo estranxeirismo.

Non existe ningunha outra voz para facer referencia ao concepto que a palabra western representa, polo que habitualmente moitos falantes usan expresións como "película do oeste" ou "película de vaqueiros".

Xénero editar

En principio un filme incluíase neste xénero simplemente por estar a súa acción nun contexto determinado: a exploración e o desenvolvemento do territorio centrooccidental dos Estados Unidos de América durante o século XIX.

 
Monument Valley, localización presente en numerosos westerns.
 
Reconstrución dun pobo do western nos estudos da Universal, en Hollywood.

Porén, co tempo, as características de dito contexto histórico fóronse estendendo aos personaxes desas historias, condicionando o seu modo de vida e definindo a súa idiosincrasia.

Ao estaren as películas moitas veces ambientadas en territorios inexplorados ou indómitos baixo a ameaza latente dun ataque dos indios, ou en cidades sen lei nas que os bandidos vivían a doután, o xénero foise enfocando cara á confrontación dos diversos personaxes, adquirindo un carácter cada vez máis psicolóxico.

É habitual tamén que algúns deses personaxes representen o ben sen ambaxes, daquelas xentes que viaxaban esperanzadas a esas terras coa utopía de forxar un hogar e vivir en paz, e outros, pola contra, representasen o lado malvado, os que se aproveitaban dos indefensos para faceren a súa propia vida máis fácil. Por toda esta serie de temas fundamentais e trazos comúns é polo que non se considera necesario que unha película estea ambientada necesariamente no oeste estadounidense para que poida ser cualificarla de western, aínda que iso poida ser sempre unha apreciación algo sui generis.

O western usaouse a míúdo polo cine estadounidense para escribir a épica do seu propio país, unha narración lendaria do proceso de fundación dos Estados Unidos protagonizada por heroes que encarnan algúns dos valores máis arraigados da súa cultura, sempre baixo a inspiración do destino manifesto e cunha iconografía característica (sombreiro texano, pistolas, chalecos, cabalos, deserto, cidades-rúa, saloon, ranchos, dilixencias, indios...).

Dentro do western é habitual diferenciar diversas tendencias ou subxéneros, tales como o chamado western crepuscular (Arthur Penn e Pequeno gran home; Sam Peckinpah e Maior Dundee; Clint Eastwood e Sen perdón ou Lawrence Kasdan e Silverado), o spaghetti western, cuxo máis importante director foi Sergio Leone (Per qualche dollaro in più, O bo, o feo e o malo etc.) ou o chili western realizado en México.

Algúns directores e actores especializáronse no xénero até o punto de converterse en iconas modernas d este tipo de cine como, por exemplo John Ford, Randolph Scott ou John Wayne.

Historia editar

Orixe editar

O pai do western cinematográfico foi Edwin S. Porter, quen, en 1903, realizou The Great Train Robbery (O gran roubo do tren) [véxase fotograma no cabezallo], película que iniciou o xénero. Este filme pode considerarse como a primeira obra importante, con argumento de ficción, do cinema americano. A película emprega, de forma algo rudimentaria, a montaxe paralela e, aínda que a acción adoita transcorrer de cara ao espectador, obsérvase un uso narrativo da profundidade. A súa última escena, un primeiro plano dun pistoleiro disparando as súas armas cara ao espectador, causou unha impresión parecida á que puido facer no seu día o tren dos irmáns Lumière. A película foi un grande éxito.

Idade de ouro editar

 
John Ford en 1946.

Considérase que a época dourada (e clásica) do western corresponde fundamentalmente ao cinema estadounidense dos anos 1950 e anteriores. O director máis recoñecido do xénero é John Ford, autor de películas como A dilixencia, 1939; My darling Clementine, 1945; Centauros do deserto , 1956; ou O home que matou a Liberty Valance, 1962.

Outros títulos e autores de especial relevancia son Howard Hawks, cos seus ríos (Red River, Río Bravo...); William Wellman (Caravana de mulleres); Bud Boetticher (Os cativos); Anthony Mann (Winchester '73), así como directores que se acercaron ocasionalmente ao xénero, como Raoul Walsh (Morreron coas botas postas); Fred Zinnemann, con Só ante o perigo (1952); Nicholas Ray (Johnny Guitar); Delmer Daves (Frecha rota); King Vidor (Duelo ao sol); George Stevens (Raíces profundas); Robert Aldrich (Veracruz) etcétera.

Decadencia editar

Coincidindo cunha sensación progresiva de perda de interese por parte do público fóronse desenvolvendo novas vertentes, ás veces dentro do conxunto dos directores máis clásicos, por exemplo, o western crepuscular, que adoita falar con nostalxia e romanticismo sobre o fin desa época, contrapoñéndoa case sempre á chegada dunha civilización personificada na locomotora e, outras veces, "desde fóra", xa fose desde outros países (Italia: o spaghetti western, que se centraba no aspecto máis elexíaco e autoparódico) ou desde a visión dunha xeración máis nova que introduciu novos elementos no xénero.

Actualidade editar

Cabe tamén agregar que o western como xénero novelístico adquiriu especiais características durante a chamada Guerra silenciosa.[1] Durante esta, por exemplo, os caracteres manifiéstanse de formas máis marcadamente dicotómicas. En canto ao cine, o número de westerns foi descendiendo conforme ao paso dos anos, até o punto de ser un dos xéneros do cinema clásico estadounidense que case desapareceu (ao igual que os musicais, por exmplo).

Así e todo, nos últimos anos houbo esporádicos intentos de resucitar o xénero (tamén o musical), ben tratando de recuperar as raíces clásicas (Sen perdón, Open Range) ou aproximándose a formas narrativas e/ou visuais experimentais (Dead Man, Blueberry).

Ademais, o legado do western considérase de grande importancia e non é difícil ver as súas pegadas no cine contemporáneo (por exemplo en películas como Unha historia de violencia, Non é un país para vellos ou Os tres enterros de Melquiades Estrada, aínda que os exemplos serían incontábeis).

Notas editar

  1. Schmidt-Welle, Friedlhelm: The Good and the Bad Guys: El Intertexto del Western en la guerra silenciosa, en: Armas y Letras 59: 93-99.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Bellour, Raymond (dir.) (1966): Le Western, sources, mythes, auteurs, acteurs, filmographies. París: Union générale d'éditions.
  • Cowie, Peter (2004): John Ford and the American West. Nova York: Harry Abrams Inc. ISBN 0-8109-4976-8.
  • McMahan, Alison e Alice Guy-Blaché (2002): Lost Visionary of the Cinema. Nova York: Continuum.
  • Nash Smith, Henry (1950): Virgin Land: The American West as Symbol and Myth. Cambridge, Mass: Harvard University Press.
  • Newman, Kim (1990): Wild West Movies. Bloomsbury.

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar