Sentinel (misións espaciais)

Sentinel é unha serie de misións espaciais da Axencia Espacial Europea que son parte do programa Copérnico para a observación da Terra co fin de estudar o cambio climático, a extensión do xeo polar, problemas de urbanismo e agricultura e dar apoio en situacións de catástrofe natural, entre outros.[1]

Un satélite Sentinel 1.

Características editar

As misións Sentinel están formadas por satélites ou por instrumentos científicos a bordo de satélites de terceiros co fin de facer determinadas observacións. Cada misión está centrada na observación de determinadas características usando certos instrumentos.[2][3]

Sentinel 1 editar

A misión Sentinel 1 está formada por catro satélites, dous deles (Sentinel 1A e 1B) lanzados o 3 de abril de 2014 e o 25 de abril de 2016, cos outros dos (Sentinel 1C e 1D) a ser lanzados no futuro. Son satélites de observación mediante radar de apertura sintética en banda C construídos sobre o bus Prima e cunha masa de máis de 2000 kg. Os satélites poden observar cunha resolución de entre 5 e 25 m segundo o modo operativo. A misión está pensada para ter continuidade cos datos dos satélites ERS e Envisat. Sentinel-B finalizou a súa misión en 2022.[4][2][3]

Sentinel 2 editar

Os Sentinel 2 están adicados a obter imaxes multiespectrais de alta resolución para monitorizar a cobertura vexetal e hidrolóxica, o solo e as áreas costeiras, entre outros. Tamén poden enviar información a servizos de emerxencia. Lanzáronse o Sentinel 2A o 23 de xuño de 2015 e o Sentinel 2B o 7 de marzo de 2017, con previsión de lanzar no futuro os Sentinel 2C e 2D. Os instrumentos dos Sentinel 2 poden producir imaxes cubrindo 290 km de ancho cunha resolución espacial de entre 10 e 20 m en trece canais, desde o visible ao infravermello. Están pensados para dar continuidade ás misións Landsat e SPOT e usan o bus AstroBus-L, cunha masa duns 1130 kg.[5][2][3]

Sentinel 3 editar

Os Sentinel 3 son satélites con varios instrumentos para medir a topografía da superficie oceánica, a temperatura e a cor da terra e do mar e servir de apoio para os sistemas de predición meteorolóxica e observación climática. Os seus datos dan continuidade a misións como Envisat e CryoSat. Están construídos co bus Prima, contando cunha masa duns 1200 kg. O Sentinel 3A lanzouse o 16 de febreiro de 2016, mentres que Sentinel 3B foi lanzado o 25 de abril de 2018, cos Sentinel 3C e 3D a ser lanzados no futuro.[6][2][3]

Sentinel 4 editar

 
Un MTG-S cun Sentinel 4 a bordo.

Sentinel 4 consiste nun sondeador no visible, no ultravioleta e no infravermello próximo que viaxará a bordo dun satélite meteorolóxico Meteosat Third Generation no futuro. O instrumento está pensado para obter datos da calidade do aire e medir os niveis de ozono, dióxido de nitróxeno, dióxido de xofre, formaldehido e outras especies, así como medir o espesor óptico de aerosoles e a dispersión destes coa altura.[7][2][3]

Sentinel 5P editar

Sentinel 5P (P de Precursor) é un satélite de baixo custo lanzado como adianto de Sentinel 5. Foi lanzado o 13 de outubro de 2017 e está adicado a estudar a química atmosférica mediante a medición de gases traza e aerosoles que afectan á calidade do aire. O satélite da continuidade aos datos de Envisat e Aura. Usa o bus AstroBus-L 250M e ten unha masa de 900 kg.[8][2][3]

Sentinel 5 editar

Sentinel 5 é un instrumento que viaxará a bordo dos satélites METOP-SG para estudar a atmosfera, continuando as observacións de Sentinel 5P.[9][2][3]

Sentinel 6 editar

Artigo principal: Sentinel-6.

Sentinel 6, tamén coñecidos como Jason-CS, son satélites para facer medicións altimétricas mediante radar da altura da superficie mariña para estudos oceanográficos e climáticos. Os Sentinel 6 usan unha plataforma derivada de CryoSat. O primeiro foi lanzado o 21 de novembro de 2020 e están deseñados para dar continuidade aos datos dos satélites Jason.[10][2][3]

Expansións Sentinel editar

Ademais das misións en curso, hai planificadas seis misións de expansión para seguir dando servizo no futuro:[11]

  • CHIME (Copernicus Hyperspectral Imaging Mission for the Environment): un satélite para observar mediante un espectrómetro do visible ao infravermello co que proporcionar información e apoio á agricultura sostible, á xestión da biodiversidade e caracterizar as propiedades dos solos.
  • CIMR (Copernicus Imaging Microwave Radiometer): un radiómetro de microondas para medir a temperatura do mar, a concentración de xeos mariños e a salinidade da superficie do mar.
  • CRISTAL (Copernicus Polar Ice and Snow Topography Altimeter): un satélite cun altímetro radar e un radiómetro de microondas para medir o espesor do xeo mariño e da neve.
  • LSTM (Copernicus Land Surface Temperature Monitoring): un satélite cun sensor no infravermello térmico de alta resolución temporal e espacial para medir a temperatura da superficie do solo.
  • ROSE-L (Copernicus L-band Synthetic Aperture Radar): un radar de apertura sintética en banda L capaz de atravesar vexetación, neve e xeo, proporcionando información que os Sentinel 1 non poden dar agora.

Historial de lanzamentos editar

Misión[1][4][5] Data de lanzamento[1][4][5] Foguete lanzador[1][4][5] Notas[1][4][5]
Sentinel 1A 3 de abril de 2014 Soiuz-ST A Fregat-M Éxito
Sentinel 2A 23 de xuño de 2015 Vega Éxito
Sentinel 3A 16 de febreiro de 2016 Rokot KM Éxito
Sentinel 1B 25 de abril de 2016 Soiuz-ST A Fregat-M Éxito
Sentinel 2B 7 de marzo de 2017 Vega Éxito
Sentinel 3B 25 de abril de 2018 Rokot KM Éxito
Sentinel 5P 13 de outubro de 2017 Rokot KM Éxito
Sentinel 6A 21 de novembro de 2020 Falcon 9 Éxito

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Mark Wade (2023). "Sentinel" (en inglés). Consultado o 11 de decembro de 2023. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 ESA (ed.). "The Sentinel missions" (en inglés). Consultado o 11 de decembro de 2023. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 3,7 ESA (ed.). "Sentinel Overview" (en inglés). Consultado o 11 de decembro de 2023. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Gunter Dirk Krebs (2023). Gunter's Space Page, ed. "Sentinel 1A, 1B, 1C, 1D" (en inglés). Consultado o 11 de decembro de 2023. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 Gunter Dirk Krebs (2023). Gunter's Space Page, ed. "Sentinel 2A, 2B, 2C, 2D" (en inglés). Consultado o 11 de decembro de 2023. 
  6. Gunter Dirk Krebs (2023). Gunter's Space Page, ed. "Sentinel 3A, 3B, 3C, 3D" (en inglés). Consultado o 11 de decembro de 2023. 
  7. Gunter Dirk Krebs (2023). Gunter's Space Page, ed. "MTG-S 1, 2 (Meteosat 13, 16 / Sentinel 4A, 4B)" (en inglés). Consultado o 11 de decembro de 2023. 
  8. Gunter Dirk Krebs (2023). Gunter's Space Page, ed. "Sentinel 5p" (en inglés). Consultado o 11 de decembro de 2023. 
  9. Gunter Dirk Krebs (2023). Gunter's Space Page, ed. "METOP-SG-A 1, 2, 3" (en inglés). Consultado o 11 de decembro de 2023. 
  10. Gunter Dirk Krebs (2023). Gunter's Space Page, ed. "Jason-CS A, B (Sentinel 6A, 6B / Sentinel 6 Michael Freilich)" (en inglés). Consultado o 11 de decembro de 2023. 
  11. ESA (ed.). "Copernicus Sentinel Expansion missions" (en inglés). Consultado o 11 de decembro de 2023. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar