Saudade (revista)

revista galega publicada en México

Saudade foi unha revista galega que se publicou en México entre 1942 e 1953. Estaba editada polo Grupo Saudade e Irmandade Galeguista de Cidade de México.

Saudade
PaísMéxico
Lugar de publicaciónCidade de México
Lingualingua galega
Primeira edición1942
editar datos en Wikidata ]

Historia e características editar

A publicación da revista Saudade desenvolveuse en dúas etapas. A primeira delas entre os anos 1942 e 1944, na que se publicaron os números 1 ó 5; a segunda entre 1952 e 1953, na que saíron os números 5 bis e 7. O número 6 non parece que fora publicado nunca.

Tivo como editor responsable nos dous primeiros números a Xosé Caridad Mateo, pasando a ocupar o posto Ramiro Illa Couto no terceiro número, e Ramón Cabanillas Álvarez nos números catro e cinco. A redacción estaba integrada por Florencio Delgado Gurriarán, Carlos Velo, Ramiro Illa Couto e Ramón Cabanillas Álvarez, e con eles colaboraban Marcial Fernández Vázquez, Manuel Porteiro Viñas e Bieito Búa Rivas.

Na súa segunda etapa estivo dirixida por Marcial Fernández Vázquez, Luís Soto Fernández incorporouse á redacción e contou con colaboracións de galeguistas do interior.

Dentro da liña editorial de Saudade estivo sempre a defensa da lingua e o seu mantemento e difusión fóra de Galicia. No número 7 Ramón Cabanillas di que a lingua é a defensa e o máis transcendente signo de identidade do país. A lingua é unha bandeira ideolóxica que centra frases propagandísticas e textos doutrinais ao longo dos sete números da publicación. Mesmo con frecuencia os anuncios das páxinas publicitarias levan textos en galego. As achegas de colaboradores non galegos foron tamén traducidas ó galego. Hai poucos textos en castelán.

Saudade tomou como motivo principal a publicación de contidos relacionados co ámbito galego, máis concretamente os de interese para os exiliados galegos en México. Trátase de páxinas de carácter cultural, defensoras e divulgadoras da lingua en América, con atención particular á creación literaria. A súa orientación política é de signo galeguista e nacionalista, e a súa posición antifascista intensifícase nos dous derradeiros números.

Contidos editar

Saudade caracterizouse como revista de contido poético, con máis do 30% dos textos publicados na revista. Os textos en prosa eran minoritarios e consistían en artigos de crítica e ensaio, narrativa e poética. A temática galega foi constante nas páxinas dedicadas a escritores, á emigración, historia, folclore, economía, música, lingua, política de Galicia, celtismo e atlantismo etc.

As ilustracións son relativamente escasas, sempre en branco e negro e normalmente de pequeno formato. Predominan as inspiradas en figuras, paisaxes e escenas galegas. A fotografía foi empregada en contadas ocasións. Colaboraron os ilustradores Arturo e Uxío Souto, Manuel Colmeiro, Zarzalejo, Carlos Maside, Cándido Sánchez Mazas ou Ramiro Illa Couto, que normalmente non asinaban as súas obras.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar