Saturnino Cuíñas Lois

crego e folclorista galego


Saturnino Cuíñas Lois, nado en Carballedo (Cotobade) o 21 de decembro de 1897 e finado na Coruña o 7 de abril de 1978, foi un sacerdote católico e un destacado estudoso do folclore galego.

Infotaula de personaSaturnino Cuíñas Lois

Placa en homenaxe a Saturnino Cuiñas na capela de San Fins do Castro Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento21 de decembro de 1897 Editar o valor em Wikidata
Carballedo, España Editar o valor em Wikidata
Morte7 de abril de 1978 Editar o valor em Wikidata (80 anos)
A Coruña, España Editar o valor em Wikidata
Causa da morteDiabetes mellitus Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Educaciónmosteiro de San Martiño Pinario Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónfolclorista , sacerdote , músico Editar o valor em Wikidata
Membro de
LinguaLingua galega Editar o valor em Wikidata

Discogs: 7691279 Editar o valor em Wikidata

Traxectoria editar

Nado nunha familia dedicada ao oficio da cantaría, foi o sexto fillo de oito irmáns. Seu avó e máis seu pai foron mestres canteiros, e esta foi tamén a profesión da meirande parte dos seus irmáns até o ano 1936, cando, por mor do golpe de estado fascista, catro deles tiveron que fuxir ao exilio.[1]

Saturnino foi un cativo alegre, amigo de bailar e cantar, asiduo asistente aos seráns e as romarías da súa contorna. Predisposto desde novo cara a música popular, chegou a dominar diferentes instrumentos musicais como a gaita, a pandeireta, a zanfona, a bandurra ou o harmonio.[2] Aprendeu as primeiras letras nas escolas locais de Carballedo, entrando despois no seminario de Compostela onde se formou durante doce anos. No ano 1922, con 25 anos de idade, foi ordenado sacerdote na Catedral de Tui. Os seus primeiros destinos levárono a exercer como capelán por terras de Carballo, Abegondo e Sada, lugares nos que continuou a recoller e perfeccionar todo tipo de músicas, cantigas e bailes populares. Durante aqueles anos, chegou a ser denunciado diante do arcebispado de Santiago a causa do seu costume de tocar a gaita durante os oficios relixiosos.[3]

Arredor do ano 1929, comezou a colaborar con Adolfo Anta Seoane, afamado director de Cantigas da Terra e da coral da fábrica de Tabacos da Coruña.[4] A través desta relación as pezas recuperadas por Saturnino comezaron a nutrir o repertorio dos coros galegos, tanto locais como da diáspora, rescatando así do esquecemento multitude de cantares de traballo, alalás, pandeiradas etc.[5]

Párroco de Santo Estevo de Cesullas editar

En 1931 pasou a ocupar o cargo de cura á fronte da parroquia eclesiástica de Santo Estevo de Cesullas, en Cabana de Bergantiños. Alí continuou a súa labor en prol da música tradicional. Como xeito de dinamizar a vida da súa parroquia, era habitual que organizase bailes coa mocidade da contorna. Cos mozos conformou un coro mixto, que chegou a ter máis de cen voces. Polo mes de abril participaba cos mozos na chamada "festa do catecismo", uns encontros folclóricos aos que acudían todas as parroquias da redonda. A unha edición celebrada en Malpica de Bergantiños, presentáronse os rapaces de Cesullas cun espectáculo no que representaban unha fiada tradicional, con todo o proceso do traballo e a foliada posterior. Esta innovadora "estampa galega" foi un éxito, polo que chegou a ser repetida en Santiago, na praza da Quintana. O tear e demais aparellos da estampa foron posteriormente cedidos á agrupación folclórica Aturuxo da Coruña.

A presenza de Saturnino tamén impulsou a romaría de San Fins do Castro, até a súa chegada unha festa local de pouca sona. Nela participaba a parroquia co seu coro, e nela o novo párroco introduciu dúas novidades: o himno a San Fins, da súa autoría; e o Berro Seco, un triplo aturuxo festeiro no que prorrompen ao unísono todos os romeiros.[6]

Era habitual que Saturnino convidase a xantar na romaría a diferentes persoeiros do mundo cultural. Á edición de 1945 acudiron membros da Real Academia de Belas Artes, da agrupación Cantigas da Terra, Adolfo Anta e o dramaturgo Leandro Carré, quen representaría nos teatros diferentes escenas da festa popular. Naquel día Saturnino cedeu a Cantigas da Terra unha histórica zanfona, un instrumento tradicional á beira da desaparición que a agrupación comezou a levar aos escenarios.[7]

Recoñecementos e falecemento editar

O 17 de marzo do 1956, cumpridos vinte e cinco anos como párroco, a corporación municipal de Cabana nomeouno fillo adoptivo do concello.[8] Tres anos despois, o 26 de abril de 1959 a Academia de Belas Artes da Coruña concedeulle a Medalla de Ouro de Primeira Clase do Premio Marcial del Adalid á constancia musical. Un galardón co que os académicos premiaban a súa traxectoria como folclorista e benfeitor dos coros galegos.[9]

Saturnino Cuíñas faleceu no ano 1978, por complicacións derivadas dunha diabetes que lle fora detectada dez anos antes. Foi soterrado no camposanto da igrexa de Santo Estevo. Na súa lápida pode lerse: "D.Saturnino Cuíñas Lois - Cura que fue".[10] No 21 de agosto de 1985, o concello de Cabana declarouno fillo predilecto a título póstumo, procedendo a colocar unha placa na súa lembranza na capela de San Fins[11]

Notas editar

  1. Varela Valera (1997). p. 08.
  2. Varela Varela (1997). p. 09.
  3. Varela Varela (1997). p. 14.
  4. "Adolfo Anta Seoane". Almanaque das Irmandades. Consultado o 2022-08-26. 
  5. Varela Varela (1997). pp. 23-24.
  6. O Galego Mola (12/02/2021). ROMERÍA SAN FINS do Castro (Youtube). 
  7. Varela Varela (1997). p.53
  8. Varela Varela (1997). pp.31-32
  9. Varela Varela (1997). pp. 33-36
  10. RTVE (11/10/1973). Raíces 13 Los gremios I (Youtube). Escena en 16m50s. 
  11. Varela Varela (1997). p.62

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar