Aturuxo (folclore)

Un aturuxo,[1] agrúo, aturulo, grixido ou ufido é un berro agudo e prolongado característico do folclore galego.

Folión no desfile de entroido de Viana do Bolo.

Consérvase na actualidade como un berro de alegría emitido polo público, ou os intérpretes, no decurso dunha peza musical. É moi típico de seráns, romarías, foliadas, e prolifera o seu uso a medida que se quenta o ambiente, podéndose tomar a súa frecuencia e intensidade como indicador do espírito festeiro dos presentes.

Antigamente, dependendo dos lugares e momentos, podía empregarse tamén para dar avisos, facer chamadas, ou como provocación. Un exemplo deste último tipo existiu na Ribeira Sacra até comezos do século XX. Alí era habitual que durante a vendima os veciños das dúas beiras do Miño, papeiros (cristiáns) de Chantada e rabudos (xudeus) do Saviñao, se intercambiasen aturuxos de desafío.[2][3]

O aturuxo é común a outras culturas do norte peninsular como a asturiana, onde se denomina ixuxú, ou a vasca onde se coñece como irrintzi[4].

Notas editar

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para aturuxo.
  2. Pardo, Alfredo (2020-02-03). "Os aturuxos do Miño ribeirao". El Progreso de Lugo. Consultado o 2021-12-27. 
  3. Televinte (2018). Buscan o recoñecemento do aturuxo ribeirao como patrimonio inmaterial da zona (Youtube). 
  4. "Irrintzi, el grito ancestral vasco". Walk on the Basque Side (en castelán). 2020-04-11. Consultado o 2021-12-27.