O Saab 21R foi un caza e avión de ataque sueco desenvolvido e fabricado por Svenska Aeroplan AB (SAAB). Era unha versión a reacción do Saab 21 de motor de pistóns e foi o primeiro reactor fabricado por Saab. O sufixo R vén de reaktion, facendo referencia ao seu motor de reacción. Xunto co soviético Yakovlev Yak-15, o 21R foi un dos dous cazas a reacción que foron convertidos con éxito a partir dun avión de pistóns.[1]

Saab 21R
Tipocaza e ataque
FabricanteSaab
Primeiro voo10 de marzo de 1947
Introducido1950
Retirado1956
Principais usuariosForza Aérea de Suecia
Produción1950 - 1952
Unidades construídas64

Suecia estaba baixo ameaza durante a segunda guerra mundial e solicitou a Saab desenvolver un caza avanzado. O resultado foi un pouco ortodoxo fuselaxe de dobre brazo con configuración propulsora, cunha á longa, tren de aterraxe en triciclo, e un potente armamento frontal. Exploráronse varias opcións para mellorr o seu rendemento, levando a unha versión cun motor a reacción.

Durante o ano 1947 Saab comezou a converter os J 21 de pistóns en reactores, o que precisaba grandes modificacións. Planeáronse 124 avións, pero o número reducíuse a 64 e foron usados principalmente como cazabombardeiros. Estivo en servizo dende finais dos 40 ata principios dos 50, antes de ser substituído por unha nova xeración de cazas deseñados dende o principio con reactores, como o de Havilland Vampire e o Saab 29 Tunnan.

Deseño e desenvolvemento editar

Antecedentes editar

Durante as primeiras etapas da segunda guerra mundial Suecia estaba preocupada de que a súa neutralidade e a súa independencia puidese estar ameadada por unha das potencias belixerantes, polo que promulgou unha serie de medidas de emerxencia para incrementar a súa preparación militar e valor de disuasión fronte potenciais agresores. Entre 1939 e 1941 a Forza Aérea de Suecia comprometeuse cun importante programa de expansión, que incluía a compra de grandes números de cazas estranxeiros e desenvolvidos localmente.[2] Como consecuencia do conflito poucas nacións tiñan capacidade de produción ou vontade para proporcionar cazas modernos a Suecia, sendo un país neutral relativamente pequeno. Aínda que a capacidade doméstica de produción sueca sería insuficiente ata polo menos 1943, Suecia tería que desenvolver os seus propios deseño de primeiro nivel para cumprir os seus requisitos.[2]

En 1941, en resposta a requirimentos da Forza Aérea, a compañía sueca SAAB comezou a traballar nun caza novo radical.[3] A compañía imaxinou un avión cunha configuración de pulo cunha fuselaxe dobre, con á baixa, tren de aterraxe en triciclo, e un pesado armamento de disparo frontal.[4] Estaba impulsado por unha versión licenciada do novo motor de pistóns en liña alemán Daimler-Benz DB 605B, que foi refinado e construído por Svenska Flygmotor AB. A Forza Aérea sueca designouno J 21, o o seu prototipo voou o 30 de xullo de 1943.[5]

En 1945 exploráronse opcións para mellorar o seu rendemento.[6] Moitas delas incluían a substitución do motor 605B por outro máis potente. Durante a primeira metade do ano, planeouse unha variante cun motor Rolls-Royce Griffon de 2 000 cabalos que aumentaría a velocidade máxima ata os 669 km/h. Outros proxectos, como o SAAB 27, estaban tamén destinados a usar o Griffon, pero a finais de ano abandonáronse todos os deseños con motores de pistóns.[6]

En paralelo cos estudos do motor de pistóns, SAAB e outras compañías suecas avaliaron un novo tipo de motor, o reactor. Os dous primeiros estudos, RX 1 e RX 2, eran deseños dun avión con dúas fuselaxes semellantes ao J 21.[7] Recoñecendo o entuasiasmo da Forza Aérea por un avión a reacción a finais de 1945, SAAB decidiu producir unha versión do 21 aproveitando a propulsión a reacción.[8] Iniciouse un estudo de deseño para a conversión do J 21A nun reactor. Recoñeceuse que do contrario Suecia quedaríase atrás mentres que outros países como Reino Unido xa tiñan o Gloster Meteor e o de Havilland Vampire en produción.

O estudo de deseño estaba realizándose a finais de 1945 a pesar de que non se elixira ningún motor específico, pero xurdiu a oportunidade de mercar unha licenza para fabricar o turborreactor Goblin 2 en Suecia. Este sería o primeiro reactor usado pola Forza Aérea de Suecia, que o designou RM1. O primeiro voo do primeiro reactor de Saab, un J 21 convertido, tivo lugar o 10 de marzo de 1947, impulsado por un único motor Goblin 2. Os resultados do programa de probas de voo foron moi satisfactorios.[9]

Programa de conversión editar

 
Parte inferior dun Saab 21R

Durante o ano 1947 SAAB comezou a recibir J 21 de pistóns para ser convertidos en reactores. Isto requiría que cada avións fose amplamente modificado. En total, cambiouse máis do 50% da estrutura, cola e á do avión e, cada un deles equipouse cun motor turborreactor de Havilland Goblin británico, que substituía ao DB 605B e á hélice. A aeronave converteuse no primeiro reactor da forza aérea sueca. Debido aos grandes cambios os 21 remodelados designáronse J 21R.[10]

Realizáronse moitos cambios para acomodar o motor Goblin, que tiña propiedades e requisitos considerablemente diferentes aos do motor DB 605B. O estabilizador horizontal tivo que elevarse para despexar o escape do reactor, redeseñándose toda a sección de cola. Ademais, para alimentar o sedento turborreactor incrementouse significativamente a capacidade de combustible con tanques adicionais no centro da á e tanque nas puntas das ás. A aerodinámica do caza mellorouse durante a reconstrución, cun parabrisas curvado e un bordo de ataque modificado. Engadíronse freos aéreos como un flap adicional no bordo de fuga da parte exterior da á. O asento de exección, que era unha innovación relativamente recente, recibiu varias melloras que para poder utilizarse a altas velocidades.

A versión de ataque A 21R podía agora levar foguetes de ataque a terra de 14,5 e 18 cm instalados baixo a sección central da á. Podíase montar unha vaina externa con canóns baixo a sección central da á no lugar dos foguetes. A vaina tiña oito metralladoras de 8 mm ksp m/22 con 800 balas cada unha. O sistema de control de fogo permitía que todas as metralladoras instaladas e todos os foguetes disparasen ao mesmo tempo.

Planeouse unha produción de 124 avións, incluídos catro prototipos. Cando a flotilla aérea F 10 gañou experiencia co tipo concluíuse que todos os avións serían de ataque e o lote de produción reducíuse a 64 avións. Deses, 34 cazas designáronse J 21RA, e estaban impulsados polo motor Goblin 2, RM1 en Suecia. Posteriormente redesignáronse como A 21RA. Os outros 30 designáronse A 21RB. Estes estaban equipados co motor Goblin 3 de fabricación sueca ou RM1A.

Historial operacional editar

O primeiro prototipo do Saab 21R realizou o seu voo de estrea o 10 de marzo de 1947,[9] case dous anos despois do final da segunda guerra mundial. O avión entrou en servizo coa flotilla F 10 en agosto de 1950. Aínda que o tipo foi deseñado como un avión de caza, o Saab 29 Tunnan xa estaba voando en outubro de 1948, polo que o pedido reducíuse en 60 unidades e todos os 21R convertéronse finalmente en avións de ataque como A 21RA ou A 21RB dependendo do seu motor.

Variantes editar

J 21RA / A 21RA
Primeira serie de produción, impulsada por motores de fabricación británica. Fabricáronse 34 en 1950 (incluídos catro prototipos), e retiráronse en 1953.[11]
A 21RB
Segunda serie de produción, impulsada por motores de fabricación sueca. 30 fabricados entre 1950 e1952 e retirados en 1956.

Avións superviventes editar

 
Saab 21R noMuseo da Forza Aérea de Suecia

Non sobreviviu ningún avión orixinal tras ser retirado do servizo, pero nos anos 90 un grupo de voluntarios colleu a fuselaxe dun Saab 21 supervivente abandonado e reconstruíuno como un 21R para ser exposto no Museo da Forza Aérea de Suecia en Linköping.[12]

Notas editar

  1. Gunston 1995, p. 472
  2. 2,0 2,1 Cattaneo 1967, pp. 10-12
  3. Widfeldt 1966, p. 3
  4. Widfeldt 1966, p. 4
  5. Widfeldt 1966, pp. 3-4
  6. 6,0 6,1 Widfeldt 1966, p. 7
  7. Widfeldt 1966, pp. 7-8
  8. Widfeldt 1966, p. 8
  9. 9,0 9,1 Billing 1983, p. 22
  10. Erichs et al. 1988, p. 23
  11. Widfeldt 1966, p. 9.
  12. "Flygplan". digitaltmuseum.se (en inglés). Consultado o 2022-04-10. 

Bibliografía editar

  • Cattaneo, Gianni. ''The Fiat CR.42 (Aircraft in Profile number 170)''. Leatherhead, Surrey, UK: Profile Publications, 1967. No ISBN.
  • Erichs, Rolph, Kai Hammerich, Gudmund Rapp et al. The Saab-Scania Story. Stockholm: Streiffert & Co., 1988. ISBN 91-7886-014-8.
  • Widfeldt, Bo. ''The Saab 21 A & R (Aircraft in Profile number 138)''.  Leatherhead, Surrey, UK: Profile Publications, 1966.