Sé lo que hicisteis...

Sé lo que hicisteis... foi un programa de televisión de humor sobre actualidade, emitido na canle española laSexta. Iniciou as súas emisións semanais o 30 de marzo de 2006, e diarias o 9 de abril de 2007, e acabou o 20 de maio de 2011.

Pilar Rubio durante un reportaxe nas eleccións de 2008

Nel mesturábase o mundo rosa co humor. A orixinalidade do programa radicaba en que o branco das súas críticas adoitaban ser os presentadores e colaboradores doutros programas do corazón, en maior medida que os propios famosos. Emitíase diariamente de luns a venres, ás 15:25 h, logo de Family Guy. O programa tamén tiña un resumo semanal os mércores ás dez da noite, que levaba o nome do antigo programa, Se lo que hicisteis la última semana.

Estrutura do programa editar

Patricia Conde era a presentadora do programa e aparecía durante todo o espazo. Ela acompañaba ós diversos colaboradores do programa, cada un deles coa súa propia sección, e presentaba as seccións sen colaborador. Patricia interpretaba o papel dunha moza con certos desaxustes mentais, por exemplo: atopaba normal falar con bonecos; erguerse da mesa dando poucas ou ningunha explicación (isto era en realidade unha forma cómica de dar paso a publicidade); ou dar un botellazo ó seu compañeiro Miki Nadal porque "un señor díxome que a violencia fai subir a audiencia".

A partir do 9 de abril de 2007, o programa pasou a ocupar as tardes de laSexta. A partir desta data, o programa (inicialmente semanal) emitiuse diariamente de 15:25 a 16:30, reducindo a súa duración a unha hora aproximadamente, cambiando lixeiramente a súa estrutura e acurtando o nome orixinal (en concreto, quitando as palabras "la última semana"). Patricia Conde seguiu sendo a presentadora principal xunto a Ángel Martín. A sección deste último era a que ía en primeiro lugar, seguida da de Miki Nadal. O resto de colaboradores (Pilar Rubio e Pepe Macías) tiñan a súa sección só algúns días. As seccións sen colaborador eran presentadas por Patricia intercaladas no medio das demais.

Colaboradores (e as súas seccións) editar

  • Ángel Martín: O seu papel era o do "home cordo" do programa e a súa sección a de máis éxito. Consistía en Ángel mostrando e comentando cinicamente imaxes doutros programas do corazón, subliñando os aspectos que consideraba máis absurdos. O único que exasperaba a Ángel máis que os programas do corazón eran as tolemias que constantemente realizaba a súa "xefa" Patricia, ata o punto que algunha vez chegou a preguntarse "¿Por que non lle faría caso a miña nai e estudaría?".
  • Pilar Rubio: A reporteira do programa, encargada de obter declaracións dos famosos en galas, festas e demais eventos. A súa personalidade era moi parecida á de Patricia (aínda que máis explosiva), o que facía que se levasen estupendamente. Acotío adoitaba irromper na sección de Ángel para apoiar a Patricia nalgún dos seus disparates, coa consecuente desesperación deste último. A música que soaba cando Pilar aparecía no estudo era de Moby, e o seu título Find My Baby.
  • Miki Nadal: Encargado da sección "Soy el que más sale en televisión del mundo" (parodia do concurso Soy el que más sabe de televisión del mundo), na que se sacaban imaxes curiosas de programas non relacionados co mundo do corazón, e de "El famoso español más famoso de la historia", un concurso que se emitía os martes e os venres. Adoitaba ter que botar a "gorrazos" a Ángel ante a súa tendencia a acaparar todo o programa.
  • Os paparazzis: tres amigos (Alberto Casado, Mario Díaz e José Lozano) que facían gags nos que figuraban como paparazzi.
  • Rober Bodegas. Guionista e colaborador galego dende xullo de 2008.

Ademais, todos participaban nos gags que se ían intercalando ó longo do programa.

Outras seccións editar

  • Empleado de la semana: Mini-sección de Ángel Martín na que se elixía ó mellor colaborador de programa de TV, pola súa "torpeza" (só é os venres).
  • El kiosko: Patricia repasaba as portadas das revistas de corazón incluíndo a (ficticia) revista do programa.
  • "Exclusivas": Supostas exclusivas, que eran en realidade sketches nos que interviñan dobres de famosos (Julián Muñoz, David Beckham, Isabel II etc.) en situacións disparatadas.
  • Cosas que nunca te dije: Consellos irónicos recomendados por algún famoso.
  • Famosos en la red: Mostraban as cousas que se podían ver dalgúns famosos en Internet.
  • La pantalla rosa: Debuxos animados por computador, que imitaban a diferentes persoas famosas.
  • Citas Célebres: Frases (lapsus ou erros) realizada por algún colaborador ou famoso. A sintonía desta sección era Woman de Neneh Cherry.
  • Diario de Mercedes: Mostraba a actualidade segundo unha Mercedes Milá virtual.
  • El famoso español más famoso de la historia: Sección na cal os espectadores do programa mediante SMS votaban ó famoso español mais famoso da historia. O gañador (Camilo Sesto) foi elixido o 13 de xullo de 2007.
  • La pregunta de la Semana: Mostraba a pregunta máis absurda realizada nun programa do corazón.
  • Palabros: Sección que demostraba que os famosos e presentadores de televisión falaban inventando palabras.
  • La cocina del corazón: Receitas de cociña cos pratos favoritos dos famosos.
  • Curriculum Vitae: Currículo de presentadores de programas de TV, por exemplo, Santi Acosta (Sábado Dolce Vita) ou Manolo Jiménez (Pola mañá)
  • Corasón, Corasón: Para principiantes: Sacaban os "mellores momentos" dalgún famoso para que, se non o coñeciamos, souberamos quen era.
  • Palabras más, palabras menos: Preguntábaselle ó espectador cal das tres persoas que vían dixera unha frase sen sentido. Máis tarde, daban a resposta.
  • Papparazzis: Eran gags que facían tres persoas anónimas facendo de colaboradores dun programa rosa comentando noticias inventadas.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar