O río Salas é un río galego, afluente do Limia, que decorre en parte por territorio portugués.

Alargamento do Salas a entrar no encoro homónimo, coa aldea portuguesa de Tourém en primeiro plano e a galega das Maus de Salas ao lonxe.

Nace entre Tosende e Vilamaior da Boullosa, no concello de Baltar, da xuntura do regato de Covas, o regato do Chao da Lama (ambos procedentes da serra da Raíña Loba, ao norte) e o regato do Castelo (procedente do contraforte máis setentrional da Serra da Pena, ao sur). Atravesa o territorio do antigo Couto Mixto e as freguesías de Randín e de Tourém, antes de ser encorado entre As Maus de Salas e Requiás, xa de novo en territorio español. Segue cara ao oeste polo concello de Muíños e desauga no río Limia en Araúxo, preto da capital municipal de Lobios, formando un brazo do encoro de Lindoso.