A praia de Llas é un areal do concello de Foz, en augas do mar Cantábrico. No ano 2009 e no 2010 recibiu a Bandeira Azul.

Praia de Llas
Coordenadas: 43°34′47″N 7°15′43″O / 43.579597031443, -7.2619818085313

Características editar

Ten 760 metros de lonxitude, cunha anchura media de 30 metros. Está situada ao noroeste do núcleo urbano de Foz, sendo un areal semiurbano pouco urbanizado. Conta cunha zona dunar sobre a que discorre a estrada que a bordea.

Recibe ventos do Cantábrico que provocan ondas moderadas, polo que é apta para a práctica de deportes náuticos. En verán conta con servizo de socorrismo e posto da Cruz Vermella.

Historia editar

Antes do auxe do turismo na zona da Mariña luguesa, a comezos da década de 1970, as dunas da praia, coñecidas como Os Ceás, eran usadas como cemiterio para os animais de granxa (porcos, cabalos, vacas...) mortos por enfermidade. A falta de control veterinario provocaba que os restos fosen enterrados lonxe das casas para evitar contaxios, e escollíase lugares areosos pola facilidade para cavar. Era tal o seu aproveitamento que as dunas estaban divididas para o seu uso por distintas parroquias.

Co aumento do turismo, o camposanto animal foi trasladado ao vertedoiro dunha antiga fábrica de cerámica, xa desaparecida. Porén, aínda hoxe é relativamente frecuente que aparezan restos de osamenta animal.