Penedos de Pasarela e Traba

Coordenadas: 43°09′28.6″N 9°02′17.6″O / 43.157944, -9.038222

Penedos de Pasarela e Traba
A serra da Pena Forcada coa praia de Traba aos pés.
Marco Legal
Figura de Protección: Paisaxe protexida
Ano de constitución: 2009
Superficie: 212 ha.
Lexislación: Decreto 249/2008, do 11 de decembro.[1]
Datos de interese
País: Galicia Galicia
Provincias: Provincia da Coruña
Concellos: Laxe, Vimianzo
Ríos:
Picos
Direccións de interese:
Teléfonos:

Os penedos de Pasarela e Traba é un afloramento granítico singular, declarado paisaxe protexida galega.[1] Atópase entre os concellos de Vimianzo e Laxe, cos seus límites de oeste a leste pasando pola Galla da Pena Forcada e rematando ao norte pola Torre da Moa e a Pena Forcada e ao sur pola Pedra da Cachucha.[1] O granito rosado de toda esta zona (chamado tamén tipo Traba) chega até a costa creando formas de obxectos ou animais.

Descrición editar

Non ten cumes moi altos (o maior é de 300 metros) mais a súa irregularidade fai desta zona unha das máis perigosas para a navegación. Os penedos de Pasarela e Traba quedan ao leste da pequena depresión que comunica o Val de Vimianzo co Val de Traba. Tres son os seus picos máis senlleiros que se perfilan no horizonte: a Cachucha, a Galla da Pena Forcada e a Torre da Moa.

Un dos posíbeis percorridos a pé por esta marabilla natural vai de sur a norte, desde Pasarela a Traba. Destaca a Pedra da Barca, chamada así pola súa semellanza cun navío. Nas súas inmediacións están os restos dunha canteira ilegal que asociacións e ecoloxistas conseguiron paralizar[Cómpre referencia]. Aquí levántase a Pedra da Cachucha que parece unha boina xigante. Seguindo cara ao norte vense máis rochas de caprichosas formas onde a imaxinación, a nosa posición e a inclinación da luz solar nos axudarán a ver xigantes, esfinxes, un dromedario, unha aguia, unha nave espacial…

O seguinte cumio é a Galla da Pena Forcada, chamada así pola comparación con esta ferramenta de labranza. Este pico é o máis alto deste conxunto con 273 m, e divide os concellos de Vimianzo e Laxe. O último cumio é a Torre da Moa ou Castelo, coroado cunha enorme pena en forma de moa de muíño. Dende aquí hai vistas sobre os Penedos que están fronte el: os de Braño ou Piñeo, e sobre o val de Traba coa súa lagoa e sistema dunar.

Segundo o arqueólogo Antón Rodríguez Casal, neste cumio existe un recinto castrexo do que quedan poucos vestixios. Tamén é posíbel a existencia dunha fortaleza medieval, que se relacionaría co topónimo de Castelo ou Torre da Moa.[Cómpre referencia] Atopáronse dúas liñas de muro de perpiaños e cerámica tardorromana e medieval. Ademais, a hipótese dun culto megalítico ancestral neste lugar cobra forza coas mámoas que hai preto desta formación. En 1975 o investigador Pedro Marfany sinalara na Torre da Moa unhas pías de sacrificio castrexas ou romanas, con canles para desaugar que van cara ao precipicio.[Cómpre referencia]

As canteiras foron o maior perigo para estes penedos. En 1997 unha explotación ilegal púxose a destruír os penedos na zona da Cachucha, mais grazas a varias asociacións e ecoloxistas conseguiuse parar coa explotación. En 2007 estudouse colocar outra canteira no lugar. O exalcalde de Vimianzo Alejandro Rodríguez Lema e varios veciños das aldeas próximas estaban a favor, mais no ano 2008 a Xunta de Galicia declarou paisaxe protexida unha área de 212 ha[2] , dentro da Rede Galega de Espazos Protexidos. Porén, esta catalogación por parte da administración autonómica non impediu que siga entre toxos e silvas e aínda non se fixese ningunha actuación de conservación e adaptación para a visita do lugar.

Os Penedos na cultura editar

Os habitantes destes lugares sempre tiveron admiración e curiosidade polas suxestivas formas que adoptan estas pedras. Numerosos topónimos dan conta das posibilidades que ofrecían á imaxinación estes penedos. Ademais, escritores como Eduardo Pondal, Otero Pedrayo ou Manuel Rivas falaron da beleza e misterio do lugar.

Penedos de Pasarela,
cando vos vexo, penedos,
suspiro de amor por ela.
Eduardo Pondal
Penedos enormes con rostro humanoide. Con forma de animais. Con caprichos surreais. O Henry Moore quedaría sen fala e o Chillida seguramente se dedicaría a outra cousa.
Manuel Rivas

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible - Xunta de Galicia, eds. (12 de xaneiro de 2009). "DECRETO 294/2008, do 11 de decembro, polo que se declara paisaxe protexida os Penedos de Pasarela e Traba." 7: 612–615. 
  2. "Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia. Documento de síntese (26 de xaneiro de 2011)" (PDF). Consello da Cultura Galega. Consultado o 2016-08-10. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar