Pazo de Oca

construción civil en Oca, A Estrada

O pazo de Oca é unha casa señorial galega construída entre os séculos XVII e o XVIII. De estilo barroco, pertence actualmente aos duques de Medinaceli. Foi declarada unha das propiedades de interese cultural da herdanza española.

Pazo de Oca
ConcelloA Estrada
ProvinciaPontevedra
ComunidadeGalicia
Coordenadas42°44′47″N 8°23′40″O / 42.74647778, -8.39453056Coordenadas: 42°44′47″N 8°23′40″O / 42.74647778, -8.39453056
Estilo arquitectónico
Estilo orixinalBarroco (século XVII)
Estilo actualBarroco (século XVIII)
Estado actualen bo estado
Véxase tamén
Pazos de Galicia
editar datos en Wikidata ]

Tamén é coñecido coma o Xeralife do Norte ou o Versalles galego debido á gran beleza dos seus xardíns, que ocupan 8 hectáreas de terreo e pódense visitar durante todo o ano.[1]

Situación editar

Está situado na parroquia de Santo Estevo de Oca, no concello da Estrada, na provincia de Pontevedra, (Galicia). Encóntrase no val do río Ulla, a uns 30 quilómetros ao sueste da cidade de Santiago.

Historia editar

Evolución da propiedade[2] editar

As terras e fortaleza de Oca pasaron a formar parte da xurisdición eclesiástica da mitra compostelá durante case un século ata que, primeiro, o papa Pío IV en 1564 e, sobre todo, Gregorio XIII o 6 de abril de 1574 concedesen os abadengos e outros dominios eclesiásticos a Coroa. Isto posibilitou que, anos despois, o rei Filipe II vendese o estado de Oca, coa súa casa-forte, a María de Neira, veciña de Santiago, por escritura do 15 de novembro de 1586, a un custo de 195.775 marabedís.

No século XVII cambiou a titularidade do señorío de Oca, dos Neira á liñaxe Gayoso, procedente do lugar do mesmo nome en Outeiro de Rei. Así, María da Encarnación Gayoso dos Cobos (1813–1891) recibiu o título de VI Marquesa de San Miguel de Penas e en propiedade o pazo de Oca, no que realizou importantes obras, xunto co seu esposo Manuel Fernández de Henestrosa e Santisteban.

Coa morte de Encarnación en 1891, herdou a propiedade do palacio e as súas terras a máis vella das súas sobriñas, Francisca de Borja Gayoso dos Cobos e Sevilla (1854-1926), XV Marquesa de Camarasa, esposa desde 1877 do VIII Conde de Moriana do Río e Marqués de Cilleruelo, Ignacio Fernández de Henestrosa e Ortiz de Mioño (1851–1934), de quen tivo dez fillos. Sucedeulle o maior dos homes, Ignacio Fernández de Henestrosa e Gayoso dos Cobos (1880-1948), XIV Marqués de Camarasa, Conde de Ribadavia, de Castrojeriz, de Amarante e de Moriana do Río, Marqués de Cilleruelo, propietario ademais do pazo de Oca, que foi xefe da Casa da súa Alteza o Príncipe de Asturias. Escribiu un libro sobre a historia da súa familia (Fernández de Henestrosa, 1934) e careceu de descendencia no seu matrimonio con Branca Pérez de Guzmán e Sanjuán, filla dos duques de T’Serclaes. Por ese motivo, a partir de 1948 sucedeu neses títulos e na propiedade de Oca a súa sobriña, a duquesa de Medinaceli Vitoria Eugenia Fernández de Córdoba e Fernández de Henestrosa (1917–2013), como primoxénita da irmá máis vella do marqués de Camarasa. O pazo abriu o público definitivamente no ano 1953[3]. E ao crear esta señora en 1978 a Fundación Casa Ducal de Medinaceli, transferiu a esta institución de carácter cultural a propiedade do palacio de Oca para garantir o seu mellor estado e conservación no futuro.

Evolución da construción editar

O pazo foi rematado no século XVIII, xunto a unha vella fortaleza medieval. Está composto polo propio pazo, a capela e as vivendas dos traballadores. A primeira familia propietaria do pazo foi a de Sueiro de Oca, pertencendo hoxe en día ao Ducado de Medinaceli.

Os xardíns editar

O pazo é un dos máis famosos de Galicia polos seus xardíns, que teñen pontes, árbores pouco frecuentes e, entre outras moitas cousas máis, un encoro con parrulos e gansos. Algúns dos exemplares botánicos son a Camellia reticulata (camelia reticulada) a Cryptomeria japonica (cedro do Xapón) ou as formacións de buxos e de tileiros.

Galería de imaxes editar

Notas editar

  1. "Pazo de Oca". www.santiagoturismo.com. Arquivado dende o orixinal o 15 de xullo de 2018. 
  2. Sánchez González, Antonio (2021). "Contribución a la historia constructiva del Pazo de Oca a través de la planimetría de sus propietarios". Anales de Geografía de la Universidad Complutense: 188–192. ISSN 0211-9803. 
  3. Cela, Ana (28/08/2013). "La aristócrata que abrió Oca". Faro de Vigo. Consultado o 13/09/2022. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar

  • Pazo de Oca, na web da Fundación Casa Ducal de Medinaceli
  • Pazo de Oca, na web de turismo de Santiago de Compostela