Nova Roma

nome antigo para a cidade de Constantinopla

Nova Roma é un concepto ideolóxico de grande importancia e continuidade histórica, que consiste na atribución do patrimonio inmaterial da Antiga Roma a un novo espazo no que se constitúe coma un ente político que pretende restaurar as virtudes míticas desa civilización.

Bizancio, Nova Roma editar

 
O emperador Constantino I cunha maqueta da cidade, mosaico da Santa Sofía

Nova Roma (grego: Νέα Ῥώμη, Nea Rhomē; latín: Nova Roma) foi o nome orixinal dado polo emperador romanoConstantino I o Grande no ano 330 á nova capital imperial,⁣[1] que foi construída como expansión da cidade de Bizancio na costa europea do estreito do Bósforo.

A cidade foi fundada como Βυζάντιον por colonos megarios no 657 a.C.[1] Foi rebautizada por Constantino o Grande primeiro como Nova Roma durante a dedicación oficial da cidade como nova capital romana no 330,[1] que logo cambiou a Constantinopla.[2][1] A cidade foi rebautizada oficialmente como Istambul no século XX, despois do establecemento da República Turca en 1923.

Constantino reconstruíu esencialmente a cidade a escala monumental dende 326 ata 330,[3] modelándoa coma Roma. Os nomes que se usaron nesta época foron: ἡ Νέα, δευτέρα Ῥώμη, (a nova, segunda Roma);[4] Ἄλμα Ῥώμα, (Alma Roma); Βυζαντιάς Ῥώμη, (Roma bizantina); ἑῴα Ῥώμη, (Roma oriental); e Roma Constantinopolitana.

O termo Nova Roma foi usado para indicar que Bizancio, despois Constantinopla, foi a segunda/nova capital do Imperio Romano. Nos tempos modernos, Nova Roma segue sendo parte do título oficial do Patriarca Ecuménico Ortodoxo desa cidade.

Durante o sistema de tetrarquía establecido por Diocleciano no século III, Nicomedia (actual Esmirna) preto de Istambul era a capital oriental (e máis antiga) do Imperio Romano (Diocleciano tiña a súa sede en Nicomedia como Augusto de Oriente). O último coemperador romano en Nicomedia, Licinio, foi derrotado por Constantino na batalla de Crisópole (no moderno distrito de Üsküdar, no lado asiático de Istambul) o 18 de setembro de 324. Constantino utilizou Nicomedia como a súa capital provisional entre 324 e 330, mentres reconstruía e expandía Bizancio como Nova Roma (que pronto renomeou de novo como Constantinopole).[1] Constantino morreu nunha vila preto de Nicomedia o 22 de maio de 337.

Moscova, Terceira Roma editar

O título de Terceira Roma foi reclamado pola cidade de Moscova dende o Imperio Ruso do século XV pretendía dar continuidade ao Imperio pero coa relixión cristiá ortodoxa afastada de Constantinopla tomada polo Imperio Otomán no ano 1453.

Roma, a nova Ilion editar

A propia Roma percibíase a si mesma como herdeira doutra capital cun pasado glorioso: a mítica Troia (Ilium, na súa denominación homérica) de onde, segundo as lendas que Virxilio recolleu na Eneida, Eneas fuxiu tras a súa destrución á Roma. Eneas, despois da súa viaxe polo Mediterráneo, chegou ás costas da Italia central, e dos seus descendentes xurdiron os fundadores de Roma (Rómulo e Remo).

O feito de que a única referencia sobre Troia fose a propia literatura grega, fixo que a conquista militar romana de Grecia, simultaneamente coa conquista intelectual de Roma pola civilización helénica, podería presentarse en termos alegóricos como unha vinganza histórica dos descendentes dos troianos. Esta relación con Oriente suscita noutro tema cultural romano: a expresión "Ex oriente lux, ex occidente dux" ("a luz vén de oriente, o poder de occidente").

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 "Istambul". Encyclopædia Britannica (en inglés). 
  2. Mango, Cyril (1991). Constantinople, Oxford Dictionary of Byzantium (en inglés). Oxford University Press. ISBN 0-19-504652-8. 
  3. Georgacas, Demetrius John (1947). The Names of Constantinople (en inglés). The Johns Hopkins University Press. doi:10.2307/283503. 
  4. Historia Ecclesiastica. 439. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar